Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 7 de marzo de 2023 Páx. 16668

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2023 pola que se convocan probas selectivas para o acceso á escala técnica superior de administración, especialidade económica, subgrupo A1, pola quenda de acceso libre.

O reitor, en uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como polos estatutos desta universidade, co fin de atender de maneira estable as necesidades estruturais do persoal de administración e servizos desta universidade, e en execución do previsto na Resolución do 17 de agosto de 2021 (DOG do 25 de agosto) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2021, resolve convocar probas selectivas para o acceso á escala técnica superior de administración, especialidade económica, subgrupo A1 da USC, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria serán realizados exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir dúas (2) prazas na escala técnica superior de administración, especialidade económica, subgrupo A1, da USC, pola quenda de acceso libre.

1.2. O sistema de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición e incluirá a realización dun curso selectivo. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I. As persoas aspirantes que superen o concurso-oposición serán nomeadas funcionarias en prácticas e deberán realizar o curso selectivo.

1.3. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II.

1.4. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia, e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata a data de toma de posesión, os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52 da Lei de emprego público de Galicia.

b) Ter feitos os 16 anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión de titulación universitaria oficial de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da escala a que se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas.

f) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.9.1 desta convocatoria para as persoas con discapacidade, para os membros de familias numerosas e para demandantes de emprego.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.2. As persoas que desexen participar nesta probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalFuncionario.htm

No momento de formalizar a súa solicitude as persoas aspirantes deberán xuntar a documentación que proceda segundo as bases da convocatoria.

3.3. Para presentar as solicitudes as/os aspirantes deben posuír un destes medios de identificación electrónica válidos:

– No caso de persoal da USC: credenciais corporativas.

– No caso de persoal alleo á USC: certificados persoais clase 2CA, certificados incluídos no DNI electrónico ou claves concertadas do sistema Cl@ve.

3.4. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Documentación acreditativa do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4) ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou do certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, e a modificación recollida na Orde do 10 de febreiro de 2014. As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega indicada no anexo I.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, polo que unicamente deberán presentar a documentación requirida para este procedemento que non estea debidamente acreditada no seu expediente persoal.

As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar:

– Documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado con quen teñan o dito vínculo.

– Declaración ou promesa da persoa aspirante de que non está separada de dereito do/da cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

– As persoas aspirantes que estean exentas de realizar a proba previa de acreditación do coñecemento do castelán xuntarán para tal efecto documentación acreditativa dos diplomas de español como lingua estranxeira de nivel B2, C1 ou C2, ou equivalente. De non achegaren esta certificación, non poderán ser declaradas exentas e deberán realizar a proba a que se refire a base 6.6.

3.5. A documentación xustificativa dos méritos que se valoran na fase de concurso será achegada coa solicitude e non serán valorados méritos que non estean suficientemente acreditados documentalmente nin os presentados fóra do prazo establecido para presentar as solicitudes. A acreditación farase da seguinte maneira:

3.5.1. Certificado acreditativo dos servizos prestados en que conste o corpo ou a escala e os períodos en que se prestaron, expedido pola unidade de persoal da Administración pública correspondente. Así mesmo, deberase indicar na epígrafe correspondente da solicitude se os servizos foron prestados na USC ou noutras administracións públicas.

3.5.2. O certificado acreditativo indicado no punto anterior expedirase de oficio e engadirase á solicitude para as persoas aspirantes que presten ou prestasen servizos na USC.

3.6. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.7. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.8. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, e reflectiranse con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.9. Os dereitos de exame serán de 43,30 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación, que se deberá imprimir unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo. Non será precisa comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.9.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

• As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, seis meses inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

• Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que a persoa aspirante, na data de presentación de solicitudes, figura como demandante de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria.

2º. Certificación expedida polo Servizo Público de Emprego en que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

3.9.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame, dentro do prazo habilitado para presentar as solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.9.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.10. No formulario de solicitude as/os aspirantes deberán asinar a declaración responsable que figura no documento pola cal manifestan estar en posesión dos requisitos exixidos nas bases da convocatoria, e comprométense a achegar a documentación que nela se indica.

3.11. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe de «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia na sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.3.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar en que está exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivasen a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalFuncionario.htm

Para isto o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indican no punto 3.3 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición ante do reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas que posúen todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira, de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado no Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidenta solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír a persoa que teña perdida a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria da presidenta, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia da presidenta e do secretario, así como da metade, polo menos, dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O persoal asesor deberá posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutras/os funcionarias/os para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes a que se refire o punto 3.8 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produza renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra V, de conformidade co establecido na Resolución do 23 de xaneiro de 2023 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán pólo en coñecemento do tribunal, e achegarán coa comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante o proceso selectivo darase un tratamento diferenciado á quenda xeral da quenda de reserva para persoas con discapacidade, no que se refire ás relacións de admitidas/os e excluídas/os, aos chamamentos aos exercicios e á relación de aprobados/as. Non obstante, ao finalizar o proceso, elaborarase unha relación única en que se incluirán todas as persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia da quenda pola que participasen.

6.4. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao seu comezo, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.

6.5. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.6. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na cal se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no artigo 3 do Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do diploma de español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase como apto ou non apto e será necesario obter a valoración de apto para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición.

Quedan eximidas de realizar esta proba as persoas aspirantes que acrediten, conforme se indica na base 3, que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira nalgún dos niveis seguintes: nivel B2, C1 ou C2, ou equivalentes, así como as/os nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español.

6.7. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, de ter coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos na convocatoria, deberá proporlle a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra a exclusión da persoa aspirante poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado e naqueles outros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

7.4. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. Coa publicación anterior xuntarase a relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, sexan seleccionadas, na cal constará a cualificación final obtida en cada unha das fases (oposición e concurso) e a proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I desta convocatoria.

7.6. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada Electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.3.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta definitiva das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor para efectuar o nomeamento de funcionarios/as en prácticas e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

8. Presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario en prácticas.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que se faga pública a relación definitiva de persoas aprobadas, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros orixinais da seguinte documentación para realizar o nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia de persoal funcionario en prácticas da escala de técnica superior de administración, especialidade económica, da USC:

a) DNI ou documento que acredite a súa nacionalidade.

b) Titulación exixida na base 2.1.c).

c) Certificado, de ser o caso, acreditativo da lingua galega indicado na base 3.4.

d) Diploma de español como lingua estranxeira, de ser o caso, indicado na base 3.4.

e) As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán acreditar tal condición mediante certificación do órgano competente da Administración.

f) A acreditación do requisito exixido na base 2.1.d) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presente a documentación, ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderá ser nomeada/o funcionaria/o en prácticas e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

8.4. Durante o período en que o persoal funcionario realice as prácticas seralle de aplicación a situación xurídica prevista no artigo 16 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

9. Adxudicación de destino.

9.1. As persoas seleccionadas deberán solicitar por orde de preferencia as prazas vacantes que previamente se lles oferten. Poderanse ofertar prazas de nivel superior ao nivel mínimo do subgrupo, no caso de que non haxa suficientes vacantes deste nivel.

9.2. A adxudicación de destinos efectuarase de acordo coas peticións das persoas interesadas, seguindo a orde de puntuación final obtida.

9.3. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 % poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Coa solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

10. Nomeamento de persoal funcionario de carreira.

10.1. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superen serán nomeadas funcionarias de carreira mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

10.2. A toma de posesión das persoas seleccionadas efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

11. Listaxes de espera.

11.1. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que superen algún exercicio da fase de oposición distinto do de galego. Para estes efectos e co fin de determinar a súa opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2023

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: escala técnica superior
de administración da USC, especialidade económica

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición.

Consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro exercicio.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o quinto, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para realizar cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acreditasen documentalmente, xunto coa solicitude, estar en posesión do certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), e a Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Segundo exercicio:

A proba consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva con catro respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta. As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

Os contidos deste cuestionario corresponderanse co programa completo (cinco bloques temáticos) que figura como anexo II desta convocatoria.

O tempo máximo para realizar este exercicio será de 120 minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 5 puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima. Cada pregunta respondida incorrectamente descontará un cuarto (¼) dunha pregunta respondida correctamente.

Para realizar esta proba os/as aspirantes deberán presentarse provistos do correspondente lapis do número 2 e de goma de borrar.

Terceiro exercicio: a proba realizarase integramente por escrito en ordenadores sen conexión á internet, postos á disposición de cada persoa aspirante.

A proba consistirá en desenvolver dous temas, que se escollerán entre catro, un por cada bloque do anexo II, excluído o bloque I, Organización do Estado e Unión Europea. Para a superación do exercicio será obrigatorio que un dos temas escollidos corresponda ao bloque III. Xestión económico-financeira.

Para realizar este exercicio as persoas aspirantes disporán dun máximo de catro horas.

O tribunal convocará os/as aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificarao valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e a orde de ideas. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos exercicios realizados.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 15 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 3,75 puntos en cada tema.

Cuarto exercicio: a proba realizarase integramente por escrito en ordenadores sen conexión á internet dispoñibles para todas as persoas aspirantes.

A proba consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán entre catro, propostos polo tribunal relacionados co programa. Deste exercicio exclúese o bloque I, Organización do Estado e Unión Europea.

Para desenvolver este exercicio será obrigatoria a realización do suposto práctico correspondente co bloque III, Xestión económico-financeira.

Para realizar o exercicio poderase utilizar o material lexislativo que se considere necesario. Cada aspirante farase cargo do seu material e poderá portalo en formato electrónico mediante USB.

O tribunal valorará o rigor analítico, os coñecementos xerais e específicos incorporados á análise e a capacidade de relacionalos.

O tempo máximo para realizar este exercicio será de cinco horas.

Posteriormente, o tribunal convocará os/as aspirantes para ler o exercicio en sesión pública e cualificarao valorando os coñecementos, a capacidade de síntese, a claridade e a orde de ideas. Finalizada a intervención, o tribunal poderá dialogar co/coa opositor/a, durante un máximo de quince minutos, sobre aspectos dos supostos realizados.

A valoración deste exercicio será de 0 a 30 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.

Quinto exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá na tradución por escrito, sen dicionario, para o castelán ou galego, dun documento relacionado co temario da convocatoria redactado nunha das seguintes linguas comunitarias: inglés, francés, alemán, italiano ou portugués. O texto para traducir será o mesmo en todas as linguas.

As persoas aspirantes deberán facer constar na epígrafe correspondente da solicitude, o idioma que escollan.

O tempo máximo para realizar este exercicio será dunha hora e a súa valoración será de 0 a 5 puntos.

II. Fase de concurso.

Poderase alcanzar un máximo de 40 puntos por persoa aspirante. Consistirá na valoración ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición dos seguintes méritos referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes:

Valoraranse os servizos prestados da seguinte forma:

– Na escala técnica superior de administración da USC: 0,150 puntos por mes.

– Noutras administracións públicas en corpos ou escalas que teñan atribuídas as mesmas funcións que as da escala técnica superior de administración da USC: 0,050 puntos por mes.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo I.

Os empates nas puntuacións resolveranse a favor da persoa aspirante que obteña unha maior puntuación na fase de oposición e, se isto non for suficiente, pola maior puntuación obtida no cuarto exercicio, no terceiro exercicio e na fase de concurso, por esta orde, ata que se resolva o empate.

Para a valoración da experiencia acreditada noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas da Xunta de Persoal. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas nos corpos ou escalas en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

III. Curso selectivo.

As persoas aspirantes propostas polo tribunal serán nomeadas en prácticas e deberán realizar un curso selectivo obrigatorio e eliminatorio, organizado pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela e que terá como finalidade primordial a adquisición de coñecementos tanto teóricos como prácticos e a preparación específica das/dos aspirantes para o exercicio das súas funcións.

A Xerencia determinará o calendario, a guía didáctica e o sistema de avaliación que regule o curso selectivo, e daralle publicidade con anterioridade a súa realización.

O carácter selectivo do curso implica as seguintes actividades de carácter obrigatorio:

– A asistencia e participación nas sesións presenciais. A falta de asistencia superior a 11 horas suporá a non superación do curso.

– A realización dos traballos ou prácticas que se determinen para cada un dos módulos, así como a participación e realización das actividades que indiquen as persoas coordinadoras e/ou titoras de cada materia. O contido darase a coñecer ao inicio de cada módulo e indicarase o prazo de entrega desas probas que se determinen.

– A avaliación será realizada polo tribunal logo do informe vinculante do profesorado do curso, que actuarán como asesores especialistas. Estes asesores de cada módulo elevarán a proposta de cualificación acadada polas persoas aspirantes ao tribunal, que as declararán aptas ou non aptas.

Será necesario obter unha cualificación de apto/a en cada módulo para superar o curso selectivo.

As persoas aspirantes que non superen o curso selectivo perderán o dereito ao seu nomeamento como funcionarios/as de carreira, mediante resolución reitoral motivada, por proposta do órgano responsable da avaliación do curso selectivo.

No caso de non poder realizar o curso selectivo ou período de prácticas por causa de forza maior debidamente xustificada e apreciada pola Universidade, a Xerencia determinará como proceder.

O curso selectivo terá unha duración de 112 horas e tratará sobre as seguintes materias:

Módulo 1. Principios e valores na Administración. Código ético e de conduta.

Módulo 2. Organización universitaria: goberno, xestión e competencias.

Módulo 3. Xestión de recursos humanos.

Módulo 4. Procedemento administrativo xeral e especial.

Módulo 5. Contratación pública.

Módulo 6. Xestión financeira nas universidades.

Módulo 7. Xestión da investigación e da innovación nas universidades.

Módulo 8. Obradoiro de traballo en equipo, colaboración e habilidades profesionais.

ANEXO II

Denominación das prazas: escala técnica superior
de administración da USC, especialidade económica

Programa:

Bloque I. Organización do Estado e Unión Europea.

1. A Constitución española de 1978. Título preliminar. Dos dereitos e deberes fundamentais. Dos principios reitores da política social e económica. A xefatura do Estado: a Coroa. As Cortes Xerais. O Goberno e a Administración. As relacións entre o Goberno e as Cortes Xerais. O procedemento de elaboración e aprobación das leis.

2. A regulación constitucional da xustiza. O Tribunal Supremo. Os tribunais superiores de xustiza, especial referencia ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Ministerio Fiscal.

3. Economía e facenda. Órganos de control da Administración: o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

4. Estatuto de autonomía de Galicia. O Parlamento. A Xunta e o seu presidente. As competencias da Comunidade Autónoma e o seu réxime xurídico. A Administración pública galega. A reforma do Estatuto.

5. Tratado de funcionamento da Unión Europea: institucións comunitarias. O dereito comunitario. Tipoloxía das fontes. Aplicación e eficacia do dereito comunitario nos países membros.

6. O orzamento da Unión Europea e as súas fontes de financiamento. Instrumentos financeiros. A cohesión económica e social: os fondos estruturais e os seus obxectivos prioritarios.

Bloque II. Dereito administrativo.

1. A Constitución e as leis: clases. Disposicións normativas do Goberno con forza de lei. O regulamento: concepto, natureza e clases; límites á potestade regulamentaria.

2. A Lei de réxime xurídico do sector público. Disposicións xerais. Os órganos das administracións públicas. Competencias.

3. Os principios da potestade sancionadora na Administración pública. A responsabilidade patrimonial das administracións públicas. Responsabilidade das autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.

4. Organización e funcionamento do sector público institucional. Principios xerais das relacións interadministrativas entre administracións públicas. A colaboración e cooperación entre administracións públicas. Os convenios.

5. O procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados no procedemento: a capacidade de obrar e o concepto de interesado. Identificación e sinatura dos interesados. Da actividade das administracións públicas: normas xerais de actuación. Termos e prazos.

6. Os actos administrativos: requisitos. Eficacia dos actos. Nulidade e anulabilidade.

7. As disposicións sobre o procedemento administrativo común: garantías do procedemento. Iniciación, ordenación, instrución do procedemento e finalización do procedemento. A tramitación simplificada do procedemento administrativo común. Execución.

8. A revisión dos actos na vía administrativa: revisión de oficio. Os recursos administrativos.

9. A administración electrónica no sector público. Funcionamento electrónico do sector público. Relacións electrónicas entre administracións. Transformación dixital e administración electrónica na Universidade de Santiago de Compostela.

10. A Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: disposicións xerais. Principios de protección de datos. Dereitos das persoas. Responsable e encargado do tratamento de datos. Autoridades de protección de datos. Garantía dos dereitos dixitais.

11. A transparencia e o bo goberno en Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación. O dereito ao acceso á información pública, exercicio e limitacións. Réxime sancionador.

12. A xurisdición contencioso-administrativa. Ámbito. Os órganos da orde contencioso-administrativa e as súas respectivas competencias. Obxecto do recurso contencioso-administrativo. Actividade impugnable.

13. A Lei de contratos do sector público. Obxecto e ámbito de aplicación. Contratos do sector público. Disposicións xerais sobre a contratación do sector público.

14. Elementos do contrato: partes, obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles na contratación do sector público. Actuacións previas á contratación. Adxudicación dos contratos. Efectos, cumprimento e extinción dos contratos administrativos. Racionalización técnica da contratación.

15. Tipos de contratos das administracións públicas e doutros entes do sector público. Contratos de obras, de concesión de obras, de concesión de servizos e de subministracións. Contrato de subministración. Contrato de servizos.

16. Organización administrativa para a xestión da contratación. Órganos competentes, de asistencia e consultivos. A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia.

17. A regulación da contratación administrativa na Universidade de Santiago de Compostela.

Bloque III. Xestión económico-financeira.

1. O dereito orzamentario: concepto e contido. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Principios xerais, recursos e obrigas. Contido da facenda da Comunidade.

2. Orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia: contido e aprobación, créditos orzamentarios e as súas modificacións, execución e liquidación.

3. A Lei orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e a Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira. O Sistema europeo de contas (SEC 2010). Determinación dos equilibrios orzamentarios básicos: aforro bruto e aforro neto; capacidade e necesidade de financiamento; capacidade e necesidade de endebedamento. As relacións entre a contabilidade pública e a contabilidade nacional. Criterios de axuste.

4. Réxime económico e financeiro das universidades públicas. Estatutos da USC: do réxime económico e da programación plurianual. Orzamentos da USC, contido, elaboración e aprobación. O Regulamento de xestión orzamentaria.

5. O ciclo orzamentario. As distintas técnicas orzamentarias: do orzamento administrativo ás modernas técnicas de orzamentación. O orzamento e os sistemas de planificación e control. Programación plurianual e o Plan estratéxico da USC. Selección e avaliación de proxectos. Custos, beneficios e regras de decisión.

6. Obxectivos e indicadores macroeconómicos: produto nacional, consumo e investimento e gasto nacional. Produto nacional bruto e produto nacional neto. Renda nacional e renda dispoñible. As magnitudes agregadas e o fluxo circular da renda. O PIB e as principais macro magnitudes: situación relativa e evolución.

7. Ingresos públicos das universidades. O Plan galego de financiamento universitario 2022-2026. A Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. As subvencións e os convenios. Lei de subvencións de Galicia e os convenios na Lei de réxime xurídico do sector público.

9. A Tesouraría da USC: funcións e competencias. A xestión de pagamentos. Pagamentos para xustificar e anticipos de caixa fixa. Das operacións de endebedamento e dos avais.

10. O patrimonio da USC. Tráfico xurídico do patrimonio. Utilización e aproveitamento do patrimonio. Xestión do patrimonio. Protección e defensa. A doazón: concepto e clases. Elementos da doazón. Efectos da doazón. Revogación e redución de doazóns.

11. Plan xeral de contabilidade pública. A conta xeral da USC. Formación e aprobación. Documentos e estados que a integran. Exame, comprobación e aprobación.

12. A contabilidade analítica. O modelo de contabilidade analítica para universidades, Particularización do modelo CANOA. A personalización do sistema de contabilidade analítica na USC e o custo das actividades e indicadores de xestión.

13. Cálculo e repercusión de custos indirectos. Determinación do custe de prestación do servizo e cálculo de marxes de cobertura. Análise de desviacións. A determinación de tarifas na USC.

14. Os tributos. Concepto, fins e clases de tributos. As obrigas tributarias. Número de identificación fiscal e obrigas censuais. Os obrigados tributarios: clases. Dereitos e garantías. Os suxeitos pasivos. O contribuínte e o seu substituto. A capacidade de obrar na orde tributaria. Representación. Residencia e domicilio fiscal. Os elementos de cuantificación da obriga tributaria. A base impoñible: concepto e métodos de determinación. A base liquidable. O tipo de gravame. A cota tributaria. A débeda tributaria: concepto.

15. O imposto sobre o valor engadido (I). Natureza e ámbito de aplicación. Delimitación do feito impoñible. Exencións. Lugar de realización do feito impoñible. Devindicación do imposto. Base impoñible. Suxeito pasivo. O tipo impositivo. Deducións e devolucións. Obrigas dos suxeitos pasivos. Xestión do imposto.

16. O imposto sobre o valor engadido (II). Regulamento das obrigas de facturación. Facturación telemática e conservación electrónica de facturas. Os puntos de entrada de facturas electrónicas nas administracións públicas, FACe e SEF.

17. O imposto sobre a renda das persoas físicas: natureza, obxecto e ámbito de aplicación. Suxeición ao imposto: aspectos materiais, persoais e temporais. Determinación da renda sometida a gravame. Determinación da base impoñible. Base liquidable. Xestión do imposto. O imposto sobre a renda de non-residentes: natureza, obxecto e ámbito de aplicación.

Bloque IV. Recursos humanos.

1. Texto refundido do Estatuto básico do empregado público como norma básica: obxecto e ámbito de aplicación. A Lei do emprego público de Galicia: obxecto, principios e ámbito de aplicación.

2. Clases de persoal ao servizo das administracións públicas.

3. Dereitos e deberes. Código de conduta. Dereitos retributivos. Dereitos da xornada de traballo, permisos e vacacións.

4. Adquisición e perda da relación de servizo.

5. Ordenación da actividade profesional. A planificación e estruturación dos recursos humanos nas administracións públicas: plans de ordenación de recursos humanos; ofertas de emprego público. Rexistros de persoal.

6. Provisión e mobilidade do persoal funcionario das diversas administracións públicas. Situacións administrativas do persoal funcionario. Réxime disciplinario.

7. As fontes do dereito laboral: xerarquía. O texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, obxecto e ámbito de aplicación. Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

8. Contrato de traballo na Administración pública. Concepto. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico. Modalidades do contrato de traballo: persoal laboral fixo, indefinido e temporal. Modificación, suspensión e extinción do contrato de traballo. O despedimento.

9. Persoal docente e investigador (PDI) funcionario e laboral: clases. A regulación na Lei orgánica de universidades. A regulación da contratación do persoal docente universitario na Comunidade Autónoma de Galicia e na Universidade de Santiago de Compostela.

10. Réxime xurídico do profesorado universitario. Sistemas de licenzas e excedencias xerais e específicas. Participación do persoal docente na realización de contratos de investigación do artigo 83 da LOU e na creación de empresas de base tecnolóxica. O réxime de incompatibilidades do profesorado universitario.

11. Réxime do persoal investigador. A regulación na Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación e na Universidade de Santiago de Compostela.

12. A Lei de prevención de riscos laborais, obxecto e ámbito de aplicación. Dereitos e obrigas dos traballadores e empresarios en materia de prevención.

13. A Lei xeral da seguridade social: réxime xeral, afiliación. Altas e baixas, procedemento e efectos. Cotización: concepto e natureza xurídica da cota. Continxencias e situacións protexidas.

14. A acción protectora da seguridade social. Prestacións: incapacidade temporal, invalidez, xubilación, morte e supervivencia. A protección do desemprego.

15. A regulación da igualdade efectiva de mulleres e homes na lexislación estatal, autonómica e na Universidade de Santiago de Compostela.

Bloque V. Xestión universitaria e da investigación.

1. Os sistemas universitarios español e galego: configuración institucional, coordinación e réxime xurídico. A Lei de universidades. A Lei do Sistema universitario de Galicia.

2. Os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela. Disposicións xerais. Da comunidade universitaria. Da estrutura orgánica da Universidade. Do goberno da Universidade.

3. A Lei da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Disposicións xerais. Gobernanza.

4. Lei de fomento da investigación e da innovación en Galicia. Sistema galego de investigación e innovación. O Plan galego. Proxectos IDI.

5. A realización de actividades de investigación ao abeiro do establecido no artigo 83 da Lei 6/2001, de universidades, na Universidade de Santiago de Compostela.

6. A protección, explotación e participación de resultados de investigación xerados na Universidade de Santiago de Compostela.

7. A normativa de creación de empresas de base tecnolóxica, de investigación ou de innovación da USC.

8. Programacións I+D+i. Programa Horizonte Europa (2021-2027). Modalidades de financiamento. O Plan estatal de investigación científica, técnica e de innovación. Modalidades de financiamento. O Plan galego de I+D+i: finalidade, programas e instrumentos.

Nota: as referencias normativas deste temario poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame. Nese caso entenderanse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación das prazas: escala técnica superior
de administración da USC, especialidade económica

Tribunal titular:

Presidenta:

– María José Villaverde Gómez, persoal directivo profesional da USC.

Vogais:

– Elsa Mosquera Barcia, funcionaria de carreira da escala técnica superior de administración da USC.

– Rubén Regueira Gay, persoal directivo profesional da USC.

– Érika Jaraiz Gulías, profesora titular de universidade da USC.

Secretario:

– Miguel Anxo López Quian, funcionario de carreira da escala técnica superior de administración da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidenta:

– María Pilar Martínez García, persoal directivo profesional da USC.

Vogais:

– María Jesús Pazos Salvado, funcionaria de carreira da escala técnica superior de administración da USC.

– Alberto Mariño Ruza, funcionario de carreira da escala técnica superior de administración da USC.

– Nieves Lagares Díez, profesora titular de universidade da USC.

Secretario:

– Xosé Antón Freire Ramos, persoal directivo profesional da USC, que actuará con voz e voto.