Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 10 de marzo de 2023 Páx. 17374

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados ordinario para prazas vacantes entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 18 de agosto de 2022.

A Dirección Xeral de Xustiza, de conformidade co disposto nos artigos 524 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, e mais pola Lei orgánica 4/2018, do 28 de decembro; nos artigos 43 e seguintes e na disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro; e mais na base novena da Orde JUS/847/2022, do 12 de agosto (BOE do 3 de setembro), pola que se convoca concurso de traslado entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza,

DISPUXO:

Primeiro. Resolver de forma definitiva o concurso de traslados entre o persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza convocado pola Orde JUS/847/2022, do 12 de agosto, tal e como se relaciona no anexo.

Segundo. Excluír do concurso de traslados o persoal funcionario que se relaciona na páxina web do Ministerio de Xustiza (https://www.mjusticia.gob.es/es/ciudadania/empleo-publico/concursos-traslados/Concurso-traslados-ordinario-Gestion-Tramitacion-Auxilio-2022).

Indicar na páxina web mencionada anteriormente as preferencias que se tiveron en conta na resolución definitiva do concurso.

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, que serán cubertas por persoal funcionario de novo ingreso, agás que, por necesidades do servizo, se pretendan amortizar. Tamén poderán ser anunciadas novamente como vacantes en concurso ordinario no caso de que non se convoquen procesos selectivos ou de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.

Quinto. Para o persoal funcionario que se encontre en activo ou en servizos especiais e non reingrese en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, sen que se inclúa neste punto o persoal funcionario que se encontre reingresado provisional, o cesamento deberase efectuar nas datas que a seguir se indican: tramitación procesual e administrativa, o 23 de marzo de 2023, xoves; xestión procesual e administrativa e auxilio xudicial, o 30 de marzo de 2023, xoves.

Non será necesario que aquel persoal funcionario que se encontre desempeñando un posto de traballo en comisión de servizos se desprace ao órgano xudicial de orixe que teña reservado para formalizar o cesamento, xa que o poderá realizar no órgano en que estea a prestar servizos, para o cal as xerencias farán chegar os documentos ao órgano en que o concursante se encontre desempeñando a comisión. O prazo posesorio que lle corresponde gozar a este persoal contarase tendo en conta a localidade do posto que está a desempeñar efectivamente en comisión, non a do que teña reservado, e a localidade do obtido no concurso.

Sexto. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso, para o persoal funcionario indicado no punto anterior, producirase nos tres días hábiles seguintes ao do cesamento se non hai cambio de localidade do persoal funcionario; nos oito días hábiles seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma; e nos vinte días hábiles seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma de Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será no mes seguinte, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe como se é o de destino. O cesamento e o cómputo dos prazos posesorios produciranse cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lles fosen concedidos ás persoas interesadas, caso en que o cesamento se efectuará o mesmo día da incorporación das ditas persoas ao seu posto de traballo, comezando entón a contar o prazo posesorio correspondente. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Sétimo. Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo na Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedentes desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria polo coidado de familiares, de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, incluíndo neste punto o persoal funcionario que se encontre adscrito provisional, o prazo posesorio será de vinte días hábiles e deberase computar desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. Este prazo posesorio non será retribuído.

No caso de que o persoal funcionario reingresado por medio do presente concurso se encontre adscrito provisional no corpo ou escala onde reingresa ou en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non quere que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración de xustiza, abondará con que, dentro do prazo posesorio de vinte días hábiles, tome posesión no novo corpo ou escala, e considerarase cesado no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o efecto, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderá solicitar á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (Servizo de Xustiza), ou ben á Xerencia Territorial de Xustiza do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días hábiles se hai cambio de localidade, bardante daqueles supostos en que se teña que desprazar a Canarias, Illes Balears ou Ceuta e Melilla, caso en que o permiso poderá ser de ata tres días hábiles, que se deberán gozar, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalle a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino serán considerados como cesados/as coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios titulares que obteñan destino no presente concurso e estean a desempeñar en Galicia unha praza en comisión de servizos ou en substitución cesarán nela na mesma data do cesamento no seu posto definitivo de orixe.

O persoal funcionario interino que actualmente ocupe as prazas que foron adxudicadas cesará como consecuencia da posesión do persoal funcionario titular.

Por cuestións organizativas, tanto os cesamentos como as tomas de posesión realizaranse preferentemente de maneira telemática, a través do correo electrónico do Servizo de Xustiza da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes correspondente, e persoa interesada deberase poñer en contacto co Servizo de Xustiza da provincia competente para tramitar o cesamento ou a toma de posesión a través do correo electrónico.

• Xefatura Territorial da Coruña (Servizo de Xustiza).

Rúa Vicente Ferrer, nº 2, Edificio Administrativo Monelos, 15008 A Coruña.

Tlfno.: 981 18 44 72/981 18 44 56.

Correo electrónico: servizo.xustiza.coruna@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Lugo (Servizo de Xustiza).

Rolda da Muralla, nº 70, 27071 Lugo.

Tlfno.: 982 29 43 08/982 29 43 60.

Correo electrónico: persoal.presidencia.lugo@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Ourense (Servizo de Xustiza).

Paseo de La Habana, nº 79, 32004 Ourense.

Tlfno.: 988 38 64 08/988 38 60 28.

Correo electrónico: sxsal.xustiza.ourense@xunta.gal

• Delegación Territorial de Vigo (Servizo de Xustiza).

Rúa Concepción Arenal, nº 8, 4º andar, 36201 Vigo (Pontevedra).

Tlfno.: 986 81 77 16/986 81 77 88.

Correo electrónico: servizoxustiza.vi@xunta.gal

Oitavo. Para o suposto de que o persoal funcionario reingresado, dos indicados no punto sétimo, tome posesión antes dos días 23 ou 30 de marzo nun órgano xudicial en que haxa destinado un funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, ou outro persoal funcionario adscrito provisional que se deba trasladar ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto quinto, senón que se deberá actuar do seguinte xeito:

a) O persoal funcionario reingresado tomará posesión.

b) O persoal funcionario en activo, en servizos especiais, en excedencia por coidado de familiares ou en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, empezando a contarlle entón ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sexto.

c) Se o persoal funcionario cesado na alínea b) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas alíneas a) e b), e así sucesivamente.

Cando tome posesión o persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria por coidado de familiares, e non optase aínda por cesar, de ser o caso, ou por tomar posesión outro persoal funcionario que deba reingresar ou que estea adscrito provisional, deberase actuar da seguinte forma:

d) O persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares tomará posesión.

e) O persoal funcionario que deba reingresar ou que estea en adscrición provisional cesará, de ser o caso, ou optará por tomar posesión o mesmo día da toma de posesión do persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, empezando a contarlle entón ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sétimo.

f) Se o persoal funcionario da alínea e), reingresado ou que estea adscrito provisional, cesado, de ser o caso, ou que opte por tomar posesión, tomase posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual xeito ca nas alíneas d) e e), e así sucesivamente.

Noveno. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, segundo o establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os prazos contaranse desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria. Advírtese que o anexo, que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2023

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza