Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18174

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 2 de marzo de 2023 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

BDNS (Identif.): 679875.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser así, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases, do 18 de novembro de 2021, e conforme a disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2023, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) que, no momento de presentar a solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, así como os edificios de vivendas protexidas promovidos polo citado organismo nos cales o réxime de protección se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, co obxecto de permitirlles accederen a estas axudas ás comunidades máis desfavorecidas.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2022. A citada resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 228, do 26 de novembro de 2021.

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 08 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000,00 euros, repartidos en 30.000,00 euros na anualidade 2023 e 970.000,00 euros na anualidade 2024.

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 6.000,00 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo