Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18157

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2023 pola que se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de acadar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación. Dentro das súas funcións está a de garantir os dereitos a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica. Para estes fins, e de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presidenta do citado organismo ditou a Resolución do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, e se convocan para o ano 2022.

Co fin de que poidan acometer as obras necesarias para a súa adecuación aos requisitos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e accesibilidade, realízase unha nova convocatoria.

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o exercicio 2023, con financiamento plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) que, no momento de presentar a solicitude, teñan máis de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, así como os edificios de vivendas protexidas promovidos polo citado organismo nos cales o réxime de protección se extinguise nos tres anos anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes previsto na correspondente convocatoria de axudas, co obxecto de permitir acceder a estas axudas ás comunidades máis desfavorecidas.

Segundo. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 18 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2022. A citada resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 228, do 26 de novembro de 2021.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 08 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000,00 euros, repartidos en 30.000,00 euros na anualidade 2023 e 970.000,00 euros na anualidade 2024.

2. Excepcionalmente, a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se encontre o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección das entidades beneficiarias, constituirase unha comisión de selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS, da cal tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, que realizará as funcións da secretaría.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Servizo da Oficina Técnica.

– Xefaturas territoriais ou persoas nas cales deleguen.

4. O funcionamento da Comisión de Valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Quinto. Entidades beneficiarias

Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean incluídos no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser así, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da Resolución de bases, do 18 de novembro de 2021, e conforme a disposición orzamentaria existente.

Sexto. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:

a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que lle proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.

b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que lle proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.

c) Adecuación funcional: obras que lle proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.

d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberanse axustar á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.

2. As ditas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non comezasen antes do 1 de xaneiro do ano 2023 e non executasen máis dun 60 % do custo total das obras.

3. Non serán subvencionables as actuacións que teñan custos pagados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2023, correspondente á convocatoria, nin aquelas que teñan pagamentos efectuados por un importe superior ao 60 % do custo da obra con anterioridade á data da correspondente solicitude.

Sétimo. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable virá definido polo custo total das actuacións subvencionadas solicitadas, que estará integrado polo custo das obras, o custo dos honorarios facultativos e o custo das licenzas e tributos satisfeitos que foren precisos por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos; subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á dita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través da seguinte ligazón: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588

Oitavo. Intensidade da axuda desta convocatoria

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 6.000 euros por vivenda.

Noveno. Presentación da solicitude

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a comunidade solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistida, logo da resolución ditada para o efecto.

Décimo. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeiro. Documentación complementaria que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberase presentar coa seguinte documentación complementaria:

a) Certificado expedido pola persoa secretaria da comunidade, en que conste que existe acordo das persoas propietarias de solicitar a axuda, de executar as actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras que se pretenden executar, desagregadas por tipo de actuacións. No caso de actuacións de adecuación estrutural, deberase xustificar nesta memoria a necesidade das reparacións solicitadas, así como presentar unha proposta da solución técnica que se pretende executar, asinada por facultativo/a competente.

c) Orzamento estimado das obras, desagregado por cada actuación, así como dos demais gastos que se consideren necesarios para as actuacións e sexan subvencionables.

d) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segundo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo terceiro. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

Para os efectos da concesión da subvención, as solicitudes presentadas valoraranse de acordo cos criterios que a seguir se sinalan:

I. Tipo de actuacións:

– Adecuación das condicións de seguridade, ata un máximo de 8 puntos.

– Adecuación das condicións de habitabilidade, ata un máximo de 7 puntos.

– Adecuación das condicións de funcionalidade, ata un máximo de 6 puntos.

– Adecuación das condicións de accesibilidade, ata un máximo de 5 puntos.

Nas actuacións a), b) e c), as obras declaradas urxentes, segundo os informes técnicos, incrementarán a súa puntuación en 2 puntos. Se as obras son relativas á actuación d) e no edificio viven persoas discapacitadas, con mobilidade reducida ou maiores de 65 anos, incrementarase a súa puntuación en 2 puntos, sempre que o solicitante acredite tal circunstancia mediante documentos ou certificados oficiais.

II. Antigüidade do edificio, segundo a data da cualificación definitiva:

– Ata 20 anos, 1 punto.

– Máis de 20 anos, 2 puntos.

2. Non se valorarán como actuacións de seguridade estrutural aqueles traballos que, como consecuencia da realización de actuacións de habitabilidade, funcionalidade ou accesibilidade, requiran de obras de adaptación estrutural.

3. No caso de empate, terase en conta o número de vivendas dos edificios e terá prioridade a actuación que afecte máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade determinarase por orde da data de presentación da solicitude no Rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por se ter cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Solicitudes seleccionadas para a concesión

As solicitudes seleccionadas terán un prazo dun mes, desde a súa notificación, para achegar a documentación establecida no ordinal vixésimo segundo da Resolución do 18 de novembro de 2021.

Décimo sexto. Resolución de concesión

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. As resolucións de outorgamento da subvención comprenderán o orzamento subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras e a súa xustificación.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puideren ser atendidas, ben co crédito que quede libre, de se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da LSG.

Décimo sétimo. Prazo da resolución da concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberase entender desestimada.

Décimo oitavo. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que se poderá interpoñer no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Décimo noveno. Xustificación e pagamento da subvención

1. Unha vez finalizadas as obras e na anualidade indicada na súa resolución de concesión, a comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá solicitar o pagamento da subvención mediante a presentación do modelo de solicitude de pagamento (anexo II), debidamente cuberto e asinado, xunto coa seguinte documentación de xustificación das actuacións:

– Certificado final da dirección de obra, se procede.

– Certificado das instalacións tramitado ante o organismo correspondente, cando proceda.

– Fotografías que mostren as obras executadas.

– Factura/s de todos os gastos subvencionables.

– Licenza e xustificación das taxas e tributos satisfeitos.

– Xustificantes de pagamento dos gastos subvencionables, de acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG. Considéranse xustificantes de pagamento os certificados ou anotacións en conta das transferencias bancarias realizadas, coa identificación do importe, da persoa que a ordena e da persoa receptora.

2. Se a comunidade de propietarios/as lles cede o dereito de cobramento da subvención ao/aos contratista/s para realizar as obras obxecto desta axuda, deberá achegar, xunto coa documentación relacionada no punto anterior, o anexo III. Neste caso, estará exenta da presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

3. A persoa titular da xefatura de área remitiralle a proposta de pagamento ao órgano competente pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, á vista do informe técnico e da documentación achegada. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución de pagamento da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Vixésimo. Renuncia

A comunidade de propietarios/as beneficiaria poderá renunciar á subvención por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vixésimo primeiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo segundo. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo terceiro. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de beneficiarios, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e esta poderase substituír pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

3. Ademais, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Vixésimo cuarto. Información ás persoas interesadas

En relación con este procedemento administrativo, poderase obter documentación e información adicional a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da Xunta https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou na páxina web oficial do IGVS http://igvs.xunta.gal/web/igvs/portada

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

Vixésimo quinto. Eficacia

Esta resolución produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file