Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18364

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 26 de xaneiro de 2023, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

O acordo de modificación de estatutos foi elevado a público mediante escritura autorizada polo notario de Santiago de Compostela Manuel Remuñán López, o día 6 de febreiro de 2023, co número de protocolo 280/2023 e inscrita no Rexistro Mercantil o 9 de febreiro de 2023.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, da nova redacción dos estatutos da Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2023

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da
Consellería de Facenda e Administración Pública

Anexo

Artigo 2. Obxecto social

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. ten por obxecto a actividade asistencial, o desenvolvemento, execución e explotación de infraestruturas sanitarias, a prestación de servizos de consultoría no eido sanitario, así como a prestación de servizos relacionados co ámbito sanitario.

En particular, constituirán parte do obxecto social as seguintes actividades:

a) A promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación, por si mesma ou mediante terceiros, de toda clase de infraestruturas sanitarias que sexan promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou nas cales esta participe, incluída a prestación de servizos de carácter non clínico ou asistenciais no eido sanitario que se desenvolvan nelas.

b) A prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario, especialmente no eido da alta tecnoloxía sanitaria.

c) A prestación de servizos de xestión ordinaria e administración doutras sociedades ou fundacións que teñan definido nos seus estatutos o carácter de públicas e que estean vinculadas por razón do seu obxecto social a actividades sanitarias e da saúde.

d) A realización da actividade asistencial que lle sexa encargada polo Servizo Galego de Saúde.

e) A participación en iniciativas, proxectos ou actividades de I+D+I en Biomedicina ou en Ciencias e Tecnoloxías da Saúde e outras relacionadas co sector sanitario que permitan a xeración de coñecemento científico ou tecnolóxico no ámbito da saúde, así como a súa aplicación e transferencia, sen prexuízo das competencias da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Acis).

As actividades recollidas no obxecto social poderanse realizar, total ou parcialmente, ben mediante a creación de sociedades filiais, ben participando noutras sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou ben mediante calquera outra fórmula admitida en dereito, respectando en todo caso o marco normativo definido no artigo 1 destes estatutos.

Constitúe o CNAE da actividade principal o 8610. Os CNAE doutras actividades accesorias que tamén realiza a entidade son 8621, 8622 e 8690.

Artigo 13. Constitución da xunta

A xunta xeral, ordinaria ou extraordinaria, quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, cando os accionistas presentes ou representados posúan, cando menos, o vinte e cinco por cento do capital subscrito con dereito a voto. En segunda convocatoria, será válida a reunión da xunta calquera que sexa o capital concorrente a ela.

A xunta xeral poderá ter lugar de forma presencial ou telemática, sempre que os asistentes estean interconectados entre si por videoconferencia ou outros medios telemáticos que permitan o seu recoñecemento e identificación e a permanente comunicación entre eles.

Artigo 15. Requisitos de convocatoria e xunta universal

O anuncio expresará a data da reunión en primeira convocatoria e a orde do día. Poderá, así mesmo, facerse constar a data en que, se procede, se reunirá a xunta en segunda convocatoria. Entre a primeira e a segunda reunión deberá mediar, polo menos, un prazo de 24 horas. Farase mención do dereito de calquera accionista a obter da sociedade pública, de forma inmediata e gratuíta, os documentos que serán sometidos á súa aprobación e, se é o caso, o informe dos auditores de contas. Non obstante, a xunta entenderase convocada e quedará validamente constituída para tratar calquera asunto, sempre que estea presente todo o capital desembolsado e os asistentes acepten por unanimidade a súa realización.

En caso de que teña lugar por medios telemáticos, na convocatoria especificaranse os medios que se van utilizar, que deberán garantir o recoñecemento e a identificación dos asistentes e a permanente comunicación entre eles.

Artigo 26. Reunións

O Consello de Administración reunirase, convocado polo presidente ou por quen faga as súas veces, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao trimestre e, en sesión extraordinaria, cando así o solicite o presidente por propia iniciativa ou por solicitude dun terzo dos seus membros.

As reunións do Consello de Administración poderanse realizar de forma presencial na localidade onde radique o domicilio social, ou en calquera outro lugar acordado por unanimidade dos seus membros, ou por medios telemáticos. Para iso, na convocatoria especificaranse o lugar da reunión ou os medios que se van utilizar, que deberán garantir o recoñecemento e a identificación dos asistentes e a permanente comunicación entre eles.

Para a válida constitución das sesións requírese convocatoria por escrito dirixida ao domicilio de cada conselleiro con catro días de antelación, en que se expresarán a orde do día, o lugar e a hora da sesión. En caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderase realizar con vinte e catro horas de antelación por un medio que deixe constancia.

Así mesmo, considerarase formalmente constituído o Consello cando, estando presentes todos os seus membros, así o acorden por unanimidade.

Para que quede validamente constituído o Consello requírese a concorrencia, presentes ou representados noutros membros do Consello, da metade máis un dos seus membros.

Artigo 29. Comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional

Por proposta da Presidencia, o Consello de Administración poderá constituír no seu seo comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais, sen que en ningún caso se poidan atribuír as facultades indelegables segundo a lei.

Os comités e as comisións serán presididos polo/a presidente/a e, na súa falta, polo/a conselleiro/a de maior idade.

As actas que, de ser o caso, se redacten serán autorizadas polo/a secretario/a do Consello de Administración.

Os comités e as comisións poderán ter lugar de forma presencial ou telemática, sempre que os asistentes estean interconectados entre si por videoconferencia ou outros medios telemáticos que permitan o seu recoñecemento e identificación e a permanente comunicación entre eles.