Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18110

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2023 pola que se convocan cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN), co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.

O Decreto 152/2021, do 21 de outubro, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 216, do 10 de novembro), establece os requisitos que debe reunir o persoal socorrista para exercer a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, e é requisito indispensable a inscrición no rexistro.

Por outra banda, o artigo 21 do citado Decreto 152/2021 dispón que a Academia Galega de Seguridade Pública, nas súas propias instalacións ou ben de forma conveniada ou subcontratada, poderá impartir os cursos de formación continua, os cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas e o de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais.

Na súa consecuencia, para fomentar a realización da formación mínima e o acceso ao Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia, dentro das actividades programadas para o ano 2023, e conforme o establecido na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA) e de cursos de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN) co obxectivo de acadar a formación mínima que deben reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as bases descritas no anexo I.

A Estrada, 14 de marzo de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal, se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, o número de horas lectivas, o número de prazas, as datas de realización e os horarios dos distintos cursos. As actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e tarde.

Os cursos convocados realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos delas se poidan facer fóra das súas instalacións.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Segunda. Obxectivos e contido das actividades formativas

Obxectivos:

Obter a formación necesaria para a inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia.

Contido:

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución é o establecido no anexo I e no anexo II do Decreto 152/2021, que establecen diferentes módulos formativos.

Terceira. Destinatarios/as

Persoas interesadas na inscrición no Rexistro profesional do persoal de socorrismo, información e primeiros auxilios de Galicia por medio da acreditación da formación mínima establecida no artigo 4.1 e no 4.2 do Decreto 152/2021, do 21 de outubro, e as persoas que, ao abeiro da disposición transitoria primeira do Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, estiveron inscritas provisionalmente no Rexistro de Socorristas Acuáticos e que na actualidade se encontran coa inscrición caducada poderán obter a formación mínima e renovar a inscrición na sección correspondente.

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

a) Cumprir os requisitos establecidos no artigo 4.1 e no 4.2 do Decreto 152/2021, do 21 de outubro.

b) Non estar inscrito de forma definitiva na sección ou seccións correspondentes do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

2. Proba específica:

Superar a proba específica «combinada con aletas», que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados e que se regula na base novena desta convocatoria.

3. Requisitos físicos/psíquicos:

Os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición será de sete (7) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios xerais de selección

1. A selección realizarase por orde de entrada da solicitude de inscrición.

2. Na selección reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Cando no proceso de selección non se completase a reserva do punto segundo, a dita reserva, de existir suficiente número de solicitantes, completarase co resto de solicitudes.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web, http://agasp.xunta.gal, unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Proba específica

De acordo co previsto nos anexos I e II do Decreto 152/2021, polo que se regulan as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático, información e primeiros auxilios nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas na Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas admitidas nos cursos deberán superar a proba específica «combinada con aletas», que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados, e cuxo contido poderá consultarse na ficha específica do curso da páxina web da Agasp, http://agasp.xunta.gal, na pestana «formación».

As persoas admitidas nos cursos serán convocadas para a realización da proba específica «combinada con aletas», que deberá superarse nun tempo máximo de cinco minutos e trinta segundos.

As persoas convocadas para a realización desta proba deberán vir provistas do material seguinte:

– Gorro e gafas de natación.

– Traxe de baño.

– Chancletas para o acceso á piscina.

– Útiles persoais de aseo.

– Xogo de aletas.

As persoas admitidas que non superen esta proba específica serán dadas de baixa no curso correspondente.

Décima. Vestimenta e material

O/a alumno/a para a realización da parte práctica na piscina ou nun espazo acuático natural deberá asistir ao curso co material descrito nesta epígrafe. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en instalacións acuáticas (CAFDO-IA).

– Gorro e gafas de natación.

– Traxe de baño.

– Chancletas para o acceso á piscina.

– Útiles persoais de aseo.

Curso de adaptación da actividade física e deportiva ao socorrismo en espazos acuáticos naturais (CAFDO-EAN).

– Gorro e gafas de natación,

– Traxe de baño.

– Útiles persoais de aseo.

– Xogo de aletas.

– Traxe de neopreno.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deban recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/do alumna/o ao longo do curso.

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar, sen necesidade de nova publicación, o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as datas e o lugar da súa realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

ANEXO II

Cursos de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo acuático na Comunidade Autónoma de Galicia

Denominación do curso

Lugar de realización

Prazas por edición

Proba específica

Datas e horarios do curso

Curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia (CAFDO-EAN)

Vilagarcía de Arousa

25

28 de marzo ás 13.00 horas

11, 12, 13, 17, 18, 19, 20, 24, 25, 26, 27 de abril e 2, 3, 4 de maio en horario de tarde