Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18108

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade da encomenda do Servizo Galego de Saúde á Axencia Galega de Infraestruturas da xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla (Lugo).

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade da seguinte encomenda coas seguintes características:

– Resolución do 13 de febreiro de 2023, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla (Lugo).

– Actividade: a Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a xestión das actuacións para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla (Lugo).

A Axencia Galega de Infraestruturas obrígase a:

1. Realizar os actos e negocios xurídicos propios da preparación, selección de contratista, adxudicación e execución dos contratos que sexan precisos para o cumprimento do obxecto da encomenda e, particularmente, os de obra, dirección da obra, dirección de execución material e coordinación de seguridade e saúde.

2. Con base no establecido no artigo 62 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, asumir a función de responsable do contrato, para o que o órgano de contratación designará unha persoa física ou xurídica vinculada a esta Axencia, a que corresponderá supervisar a súa execución, adoptar as decisións e ditar as instrucións necesarias co fin de asegurar a correcta realización da prestación pactada, dentro do ámbito de facultades que o órgano de contratación lle atribúa.

3. Convocar o Servizo Galego de Saúde para que designe unha persoa representante que asistirá ao acto de recepción das obras en que se levará a cabo a súa entrega.

4. Calquera competencia que lle corresponda en virtude da normativa de aplicación.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda intersubxectiva a medio propio, segundo o disposto no artigo 13.1 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ao ter a Axencia Galega de Infraestruturas a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Financiamento: a realización das actividades e/ou actos e negocios xurídicos necesarios para a execución desta encomenda de xestión por parte da Axencia Galega de Infraestruturas efectuarase a título gratuíto, sen que exista retribución ou tarifa.

– Prazo de vixencia: a eficacia da encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa sinatura ata a data de finalización do prazo de garantía.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade