Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 16 de marzo de 2023 Páx. 18104

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 3 de marzo de 2023 pola que se prorroga a autorización do centro privado estranxeiro British Royal School, de Culleredo, e se amplían ensinanzas.

Por Orde do 22 de xaneiro de 2018 (DOG do 2 de febreiro) o centro privado estranxeiro British Royal School foi autorizado para impartir, con carácter temporal, as ensinanzas do sistema educativo Británico de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade); ensinanzas que se corresponden co primeiro e segundo curso do 2º ciclo da etapa de educación infantil do sistema educativo de España, prorrogada mediante Orde do 29 de xaneiro de 2019 (DOG do 22 de febreiro), en que tamén se amplían as ensinanzas de Year 1 (5 a 6 anos) ata Year 2 (6 a 7 anos).

A titularidade do centro solicita unha prórroga da devandita autorización temporal ata o 16 de marzo de 2026, e a autorización para impartir as ensinanzas desde Year 3 (7 a 8 anos) a Year 6 (10 a 11 anos) do Currículo Nacional de Inglaterra, que se corresponden co 2º, 3º, 4º e 5º curso da educación primaria do sistema educativo de España.

O British Council emitiu un certificado de acreditación, con data do 8 de abril de 2022, no que sinala que o centro reúne os requisitos para impartir as ensinanzas desde o curso de Nursery ata Year 6 do Currículo Nacional de Inglaterra, con validez ata a data da seguinte inspección que terá lugar antes do 16 de marzo de 2026.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación informa que non se aprecia disposición ningunha que impida o establecemento dun centro docente para impartir a devanditas ensinanzas e tendo e conta o principio de reciprocidade, non existe inconveniente para a autorización.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga da autorización temporal

Prorrogar a autorización temporal do centro privado estranxeiro British Royal School, para impartir as ensinanzas de Nursery (3 a 4 anos) ata Year 2 (de 6 a 7 anos), do Currículo Nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro; ensinanzas que se corresponden co segundo ciclo da educación infantil e 1º curso da educación primaria do sistema educativo de España.

Artigo 2. Autorización temporal de novas ensinanzas

Autorizar as ensinanzas de Year 3 (7 a 8 anos) a Year 6 (10 a 11 anos), do Currículo Nacional de Inglaterra, para alumnado español e estranxeiro; ensinanzas que se corresponden con 2º, 3º, 4º e 5º curso de educación primaria do sistema educativo de España.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: British Royal School.

Código do centro: 15033137.

Titular: Royal School International, S.L.

Enderezo: rúa Nueva York, 61.

Localidade: A Zapateira.

Concello: Culleredo.

Código postal: 15174.

Provincia: A Coruña.

Artigo 3. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 4. Profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 3 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 5. Validez da autorización

As ensinanzas as que fan referencia os artigos 1 e 2 desta orde terán validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde do 16 de marzo de 2026.

Artigo 6. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades