Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2023 Páx. 18466

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 8 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Bergondo, no núcleo rural de Gandarío.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 8 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Bergondo (A Coruña), no núcleo rural de Gandarío, mediante Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 3 de marzo de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das Normas Subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1816&_aaeTipology_WAR_aae_id=1816

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 8 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Bergondo (A Coruña), no núcleo de Gandarío.

O Concello de Bergondo remite a modificación puntual referida para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado por Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Bergondo dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 28.10.1992 (texto refundido do 2.12.1992).

2. O arquitecto municipal emitiu informe sobre a documentación ambiental o 9.5.2016.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 22.7.2016 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Secretaría Xeral de Calidade Ambiental e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico o 29.8.2016 (DOG 28.9.2016) resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco das consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU, o Instituto de Estudos do Territorio, o 10.1.2017; e a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, o 12.8.2016.

5. Constan informes municipais do arquitecto, do 8.5.2017 e 16.11.2017; e do xurídico, do 15.11.2017, en relación co documento de aprobación inicial e a súa tramitación.

6. O concello solicitou con carácter previo á aprobación inicial os seguintes informes:

a) Deputación Provincial da Coruña: informe do 1.6.2018, desfavorable; e posterior informe do 22.3.2019, favorable.

b) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 19.1.2018, emendado o 27.7.2018, sobre estradas, no que sinala que non hai afeccións á rede de estradas autonómicas.

c) Dirección Xeral de Aviación Civil: informe do 2.3.2018, con observacións.

7. Constan informes municipais, técnicos (do 30.10.2019 e 7.11.2019) e xurídico (18.11.2019), favorables á aprobación inicial.

8. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación puntual en sesión do 28.11.2019.

9. A modificación foi sometida a información pública por dous meses (La Voz de Galicia do 15.1.2020 e DOG do 15.1.2020), sen que fosen presentadas alegacións.

10. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 10.9.2020:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 17.6.2020, favorable.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 29.5.2020, sen obxeccións.

• Augas de Galicia: informe do 10.6.2020, favorable.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 1.6.2020, en materia de costas, sen obxeccións; e informe do 22.7.2020 sobre a adaptación ao Plan de ordenación do litoral, sen observacións.

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático: informe do 20.5.2020 canto que non constan solos contaminados no ámbito da modificación.

• Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 25.5.2020, canto que non se afecta ningún monte de xestión pública ni veciñal en man común.

b) Foron solicitados os informes da Dirección Xeral de Defensa do Monte e da Dirección Xeral de Emerxencia e Interior, sen que non fosen emitidos en prazo.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Betanzos, Cambre, Paderne e Sada. Recibiuse resposta de Cambre (11.5.2020, sen obxeccións) e de Paderne (26.3.2020, sen obxeccións).

11. A Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil emitiu o 25.5.2020 un informe en que se indica que non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

12. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente constan os seguintes:

a) Ministerio de Defensa: informe do 21.2.2020, favorable.

b) Área de Fomento da Subdelegación do Goberno na Coruña: informe do 3.3.2020, de non afectación a bens do Estado ou das entidades xestoras da Seguridade Social nin as propiedades ou zonas de servidume afectadas á defensa nacional.

c) Deputación Provincial da Coruña: informe do 8.5.2020, favorable.

d) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica: informe do 4.3.2020, con observacións de carácter xeral.

13. Constan informes municipais técnico (do 5.5.2021 e 19.5.2021) e xurídico (19.5.2021) favorables á aprobación provisional.

14. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en pleno de data 27.5.2021.

15. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 19.7.2021 informe autonómico favorable en materia de costas sobre a modificación puntual.

16. A Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico emitiu o 19.12.2021 informe favorable, con necesidade de representar nos planos as liñas de dominio público marítimo-terrestre, servidumes e zona de influencia.

17. O arquitecto municipal emitiu informes o 3.3.2022 e o 18.3.2022 sobre o documento presentado (formado por planos) para dar cumprimento ao informe estatal en materia de costas. Consta informe xurídico do 21.3.2022, favorable. O concello pleno 31.3.2022 aprobou a adaptación da modificación puntual ao informe favorable en materia de costas.

18. O concello remitiu o expediente para os efectos da súa aprobación definitiva que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o día 18.5.2022.

19. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu o 7.6.2022 prorrogar a vixencia do informe ambiental estratéxico por un prazo de 2 anos, contados desde o 28.9.2022.

20. O concello remitiu documentación adicional que tivo entrada na Xunta de Galicia o 4.11.2022, nomeadamente expediente administrativo, proxecto coa dilixencia de aprobación provisional e declaracións responsables. O Servizo de Urbanismo da Coruña requiriu nova emenda o 2.12.2022, que o concello cumprimentou o 19.12.2022.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación aprobada inicial e provisionalmente limítase ás parcelas afectadas pola alteración das aliñacións da vía perpendicular á estrada provincial DP-0809 de acceso á praia de Gandarío, desde a estrada autonómica AC-162, excluíndo as vías provinciais que incluía o borrador. O ámbito está clasificado case totalmente como solo urbano de núcleo rural (solo de núcleo rural segundo a disposición transitoria 1ª.2.c) da LSG) e no seu extremo leste como solo urbanizable SUR (ao que é de aplicación o disposto na LSG para o solo rústico, segundo a disposición transitoria 1ª.2.c) e d) da LSG).

2. As normas subsidiarias vixentes establecen as aliñacións en planos (cun largo de 6 m) e texto (artigo 107, que establece un largo mínimo de 8 m en todo caso).

3. A modificación ten por obxecto executar a sentenza 4056/2014 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con base no informe do arquitecto municipal do 21.9.2015, trazando as aliñacións garantindo un largo proxectado de 8 m para a vía incluída no ámbito. Así mesmo, modifícase o artigo 107 da normativa do plan (regulador das aliñacións na zona residencial extensiva-vivenda unifamiliar), de xeito que cando nos planos de ordenación das normas se grafe unha dimensión menor a 8 m prevalecerá esta. Estas modificacións coinciden no borrador (dentro do ámbito final) e nos documentos de aprobación inicial e provisional.

4. O ámbito da modificación está afectado polo Plan de ordenación do litoral de Galicia e incluído dentro da área de mellora ambiental e paisaxística. Así mesmo, no seu extremo leste, está afectado por un corredor (plano AL 12).

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): a execución dunha sentenza e a regularización da rede viaria poden ser conceptuadas como de interese público para os efectos da formulación dunha modificación do plan xeral.

2. O proxecto aprobado provisionalmente cumpre as observacións formuladas no punto III.2.a) e b) do informe da SXOTU do 22.7.2016. Porén, debe corrixirse no punto 1.5 da memoria, a categorización asignada ao solo clasificado como urbanizable polas normas subsidiarias (extremo leste do ámbito) por canto por aplicación da disposición transitoria 1ª.2.c) e d), a esta zona correspóndelle a categoría de solo rústico de protección das augas (zona de policía de leitos).

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 8 das NSP do Concello de Bergondo, no núcleo de Gandarío, coa condición sinalada no punto III.2.a) anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.