Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2023 Páx. 18541

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co obxecto de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e incrementar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE)1470/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

Para a modalidade A (festivais de música) non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas sempre que cumpriran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

3. Solicitudes.

3.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base terceira, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

3.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados desde o día seguinte á publicación desta convocatoria.

5. Información ás persoas interesadas.

5.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

5.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

5.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

6. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

7. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas e convocatoria para o ano 2023
(código de procedemento CT213A)

Primeira. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT213A).

2. Nesta convocatoria establécense dúas modalidades:

– Modalidade A: festivais de música.

– Modalidade B: festivais de artes escénicas.

3. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000,00 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

4. Estas subvencións son incompatibles con outras subvencións polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e dos seus organismos dependentes.

5. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do proxecto obxecto de subvención.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución aprobatoria das bases de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e de artes escénicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

7. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Segunda. Persoas beneficiarias

– Modalidade A: festivais de música.

1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas que carezan de personalidade xurídica propia, tales como comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado.

– Modalidade B: festivais de artes escénicas.

1. Poderán acceder as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo festivais obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e criterios establecidos nestas bases.

2. Poderán acceder a esta convocatoria as entidades locais galegas.

3. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberase acreditar que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

4. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumpriran o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

En ambas modalidades, non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

Terceira. Modalidades e requisitos das subvencións

1. Establécense dúas modalidades:

– Modalidade A: festivais de música.

– Modalidade B: festivais de artes escénicas.

2. Para poder optar a estas axudas, tanto na modalidade A como na modalidade B, o festival obxecto da solicitude deberá cumprir cos seguintes requisitos comúns:

– Debe celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro do ano 2022 ata o 31 de outubro do ano 2023. Enténdense incluídos aqueles festivais iniciados ata o 31 de outubro de 2023 que desenvolvan a maior parte da actividade neste período.

– Ter realizado un mínimo de 2 edicións, excluída a edición obxecto desta convocatoria.

3. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos específicos para cada modalidade:

– Modalidade A: festivais de música

• Ten que desenvolverse dentro dun único período de quince días; e dous dos días, como mínimo, deben ser consecutivos.

• Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 30 % do orzamento subvencionable.

• Un mínimo do 80 % dos concertos programados teñen que ser con entradas de pagamento.

• A programación deberá estar conformada por un mínimo de catro grupos por día.

– Modalidade B: festivais de artes escénicas.

• Debe ter un orzamento mínimo de contratación artística do 40 % do orzamento subvencionable.

• A programación de compañías maioritariamente compostas por artistas que desenvolvan principalmente a súa actividade profesional en Galicia debe representar, como mínimo, o 30 % do orzamento de contratación profesional artística do festival, agás no caso daqueles festivais que polas súas características intrínsecas non poidan acadar esta porcentaxe e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.

• Un mínimo do 60 % das representacións escénicas teñen que ser con entradas de pagamento, excepto os festivais de rúa.

• A programación debe estar conformada por un mínimo de seis compañías.

4. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por unha mesma persoa solicitante nas distintas modalidades, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por persoa solicitante. Para estes efectos, deberase establecer unha orde de prelación sobre os proxectos presentados, que as comisións de valoración terán en conta no caso de que varios proxectos se consideren subvencionables. Non poderán presentar o mesmo proxecto distintas persoas solicitantes.

Cuarta. Financiamento, contías e límites

1. O crédito asignado ao financiamento da subvención será de 575.000,00 €, suma que irá a cargo das seguintes aplicacións orzamentarias do código de proxecto 2015-00003:

– Modalidade A: un total de 360.000,00 € na aplicación 10.A1.432B.470.0.

– Modalidade B: un total de 215.000,00 € distribuídos do seguinte xeito: 60.000,00 € na aplicación 10.A1.432B.460.0, 121.090,91 € na aplicación 10.A1.432B.470.0 e 33.909,09 € na aplicación 10.A1.432B.481.0.

Ao estar distribuída a contía total máxima anual entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Contías e límites máximos:

A contía das subvencións determinarase en función da dispoñibilidade orzamentaria, o custo do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

Modalidade

Límite da subvención sobre
o orzamento subvencionable

Contía máxima
da subvención

Festivais de música

30 %

50.000,00 €

Festivais de artes escénicas

60 %

50.000,00 €

No caso das solicitudes conxuntas de entidades locais ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá acadar ata un máximo do 85 % do orzamento subvencionable, respectando en todo caso a contía máxima da subvención establecida.

3. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos, falta de calidade dos proxectos presentados ou outras, non se esgotase a contía establecida en cada modalidade, a Dirección da Agadic poderá reasignar as contías en calquera das modalidades.

Quinta. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se acredite o seu pagamento antes da data de xustificación.

2. Para os efectos desta convocatoria son gastos subvencionables:

– Gastos de promoción, difusión e publicidade.

– Alugueiro de espazos, servizos e equipamentos técnicos.

– Cachés dos grupos e compañías.

– Dotación de premios outorgados polo festival.

– Gastos de viaxes e aloxamento das persoas participantes nas actividades propostas, excluídas as mantenzas.

– Gastos derivados da xestión dos dereitos de autor.

– Gastos xerais e de persoal asociados ao desenvolvemento do proxecto (ata un máximo do 30 % do proxecto presentado).

3. En ningún caso serán subvencionables os gastos relativos a:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio da persoa solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Sexta. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Achegarase a seguinte declaración responsable, que se inclúe no anexo II, en ambas modalidades:

Declaración responsable, nas subvencións que se soliciten por importe superior aos 30.000 € e o solicitante sexa suxeito incluído na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, que cumpre cos prazos de pagamento establecidos nela.

Sétima. Prazo para presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Oitava. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:

1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.2. Entidades públicas que integran a Administración local e organismos delas dependentes:

– Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa responsable da Secretaría da entidade, ou cargo asimilable, en que se faga constar o acordo adoptado polo órgano competente para solicitar a subvención.

– Normas de creación e estatutos de constitución, no suposto de entidades do sector público.

– Acreditación do cumprimento de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio 2021, no suposto de entidades locais.

– No suposto de entidades do sector público, a rendición de contas anuais ante o seu órgano de goberno.

2. Xunto coa anterior documentación deberán presentar a seguinte documentación específica:

A. Modalidade A: festivais de música.

A.1. Anexo III.

A.2. Anexo IV: programación do festival para o que se solicita subvención.

A.3. Memoria da traxectoria e evolución do festival, cun máximo de 10 páxinas, que recolla aqueles aspectos que a Comisión terá en conta para a valoración do punto B.1 dos criterios artísticos para a modalidade A (festivais de música), así como aqueloutros que a persoa solicitante considere para a mellor defensa da epígrafe.

A.4. Memoria do festival correspondente á última edición realizada con indicación e explicación das seguintes epígrafes:

A.4.1. Interese da programación realizada.

A.4.2. Interese estratéxico para o sector: liñas e accións dirixidas ao fomento e promoción do sector musical galego.

A.4.3. Actividades complementarias: liñas e iniciativas levadas a cabo dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (representacións de artes escénicas, accións no ámbito audiovisual e artes plásticas, obradoiros, concursos, encontros…). Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.

A.5. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:

A.5.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto.

A.5.2. Potencialidade do plan de comunicación, con indicación das estratexias de difusión e promoción do proxecto, as accións que se pretenden realizar e o gasto estimado para esta partida.

A.6. Anexo VI: memoria económico-financeira, que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base quinta e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE.

A.7. Indicación da porcentaxe de artistas mulleres que participaron no festival na edición anterior a esta convocatoria, especificando: relación de grupos contratados / nº total de artistas / nº total de artistas mulleres.

A.8. Documentación acreditativa de ser festival adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia.

B. Modalidade B: festivais de artes escénicas.

B.1. Anexo III.

B.2. Memoria do festival en edicións anteriores, cun máximo de 10 páxinas, que inclúa separadamente o tratamento das seguintes epígrafes:

B.2.1. Antigüidade do festival.

B.2.2. Recoñecementos acadados.

B.2.3. Interese artístico das programacións.

B.2.4. Interese estratéxico para o sector: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego.

B.2.5. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

B.3. Memoria do proxecto para o cal se solicita subvención, que inclúa as seguintes epígrafes:

B.3.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto.

B.3.2. Duración do festival (anexo V).

B.3.3. Producións, coproducións ou residencias do festival (anexo V).

B.3.4. Estreas absolutas no festival (anexo V).

B.3.5. Repercusión na creación e fomento de públicos.

B.3.6. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival. Para a súa valoración, as actividades deben estar descritas e non só identificadas.

B.3.7. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

B.4. Viabilidade técnica e económica do proxecto: memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base quinta, e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE (anexo VI).

B.5. Compromiso de produción, coprodución ou residencia en que consten as condicións económicas e/ou técnicas.

B.6. Documentación acreditativa de ser festival adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia.

B.7. Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitarlles ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se topen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento e avaliación de solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou aos profesionais ou expertos consultados para as xestións das solicitudes.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

4. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Décimo terceira. Comisións de valoración

1. Para a valoración das solicitudes presentadas, constituiranse dúas comisións de valoración (unha por cada modalidade), que serán nomeadas pola persoa titular da Dirección da Agadic e que estarán integradas por:

– Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic para a avaliación dos criterios automáticos, que desempeñarán, cada unha delas, a presidencia de cada unha das comisións.

– Tres expertos externos de entre profesionais do eido musical para a modalidade A (festivais de música) e outros tres do ámbito escénico para a modalidade B (festivais de artes escénicas), para a valoración dos criterios artísticos.

– Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, que fará as funcións de secretaría das comisións de ambas modalidades, con voz e sen voto.

2. A condición de vogal das comisións ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros das comisións declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria. Así mesmo, absteranse se concorre algunha das circunstancias descritas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Tanto as comisións como o órgano instrutor poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

4. Os vogais que valorarán os criterios artísticos, previamente á cualificación das solicitudes, elaborarán un documento en que concreten os criterios definidos na base décimo cuarta para aplicalos de xeito obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

5. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos establecidos na base décimo cuarta e a segunda fase será a avaliación dos criterios artísticos establecidos na mesma base.

A puntuación final dos proxectos consistirá na suma de ambas as valoracións.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes, as comisións emitirán un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, indicando a puntuación asignada a cada un deles de xeito motivado e levantarase acta facendo unha proposta dos que se consideran subvencionables.

Décimo cuarta. Valoración e criterios de avaliación

As comisións valorarán as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

– Modalidade A: festivais de música (puntuación máxima: 100 puntos).

Criterios automáticos

50 puntos

A.1. Memoria do festival en edicións anteriores:

9 puntos

A.1.1. Antigüidade (excluída a edición obxecto desta convocatoria):

– De 3 a 5 edicións: 1 punto.

– De 6 a 12 edicións: 3 puntos.

– De 13 a 20 edicións: 4 puntos

– Máis de 20 edicións: 5 puntos

Ata 5 puntos

A.1.2. Artistas mulleres que participaron no festival na edición anterior:

– Ata o 20 %: 1 punto

– Entre o 21 % e o 30 %: 2 puntos

– Entre o 31 % e o 40 %: 3 puntos

– Máis do 40 %: 4 puntos

Ata 4 puntos

A.2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención:

20 puntos

A.2.1. Duración do festival:

– 2 días: 1 punto

– 3 días: 3 puntos.

– 4 días ou máis: 6 puntos

Ata 6 puntos

A.2.2. Nivel de contratación artística galega.

(Valorarase o orzamento de contratación artística de grupos de música galegos. Non se terán en conta para este criterio os grupos de música «por determinar»).

– Do 10 ao 20 % da contratación artística do festival: 2 puntos

– Entre o 21 e o 30 %: 3 puntos

– Entre o 31 e o 40 %: 5 puntos

– Máis do 40 %: 7 puntos

Ata 7 puntos

A.2.3. Número de grupos contratados.

(Non se terán en conta para este criterio os grupos de música «por determinar»).

– De 9 a 12 grupos: 1 punto

– De 13 a 14 grupos: 2 puntos

– De 15 a 17 grupos: 3 puntos

– De 18 a 20 grupos: 4 puntos

– De 21 a 25 grupos: 5 puntos

– Máis de 25 grupos: 7 puntos

Ata 7 puntos

A.3. Viabilidade técnica e económica do proxecto:

21 puntos

A.3.1. Traxectoria e experiencia da empresa organizadora do festival.

(Para valorar esta epígrafe teranse en conta os anos de constitución da empresa: data de alta no IAE ou CNAE, escrituras de constitución da empresa...).

– De 3 a 4 anos: 1 punto

– De 5 a 9 anos: 2 puntos

– De 10 a 14 anos: 3 puntos

– De 15 a 19 anos: 4 puntos

– 20 ou máis anos: 5 puntos

Ata 5 puntos

A.3.2. Concertos de pagamento de entrada:

– Entre o 81 % e o 84 %: 1 punto

– Entre o 85 % e o 90 %: 2 puntos

– Máis do 90 %: 3 puntos

Ata 3 puntos

A.3.3. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE):

– Entre o 20 % e o 30 %: 1 punto

– Menos do 20 % e ata o 15 %: 3 puntos

– Menos do 15 % ata o 10 %: 4 puntos

– Menos do 10 %: 6 puntos

Ata 6 puntos

A.3.4. Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas:

(Valorarase o nivel de patrocinios e fondos propios con que conta a entidade para levar a cabo a actividade con respecto ao orzamento subvencionable, sen IVE).

– Menos do 10 %: 1 punto

– Entre o 11 % e 20 %: 2 puntos

– Entre o 21 % e 30 %: 3 puntos

– Entre o 31 % e ata o 40 %: 4 puntos

– Máis do 40 %: 5 puntos

Ata 5 puntos

A.3.5. Adhesión ao Carné Xove impulsado pola Xunta de Galicia.

(O festival que se atope adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia recibirá 2 puntos).

2 puntos

Criterios artísticos

50 puntos

B.1. Traxectoria e evolución do festival.

Avaliarase a evolución do festival desde a súa creación valorando o incremento e a mellora na contratación artística, a calidade e traxectoria do proxecto e das persoas encargadas da dirección executiva e artística, as melloras introducidas na produción do evento, as innovacións e melloras introducidas nos eidos ambiental e de innovación tecnolóxica, a evolución da imaxe, o traballo realizado de cara á proxección nacional e internacional do festival... Así mesmo, teranse en conta neste punto os premios acadados a nivel nacional e internacional e todos aqueles aspectos que demostren a progresión positiva no desenvolvemento do festival.

Ata 10 puntos

B.2. Memoria do festival da última edición realizada:

Ata 25 puntos

B.2.1. Interese da programación realizada.

Valorarase a dirección artística, a calidade da programación e a singularidade dos contidos, a innovación tecnolóxica, a promoción da diversidade cultural, a integración na programación da perspectiva e igualdade de xénero, o coidado ambiental, a accesibilidade, así como a existencia de actividades dirixidas a públicos e colectivos diversos (familiar, crianzas, persoas en risco de exclusión…).

Ata 15 puntos

B.2.2. Interese estratéxico para o sector.

Valoraranse as iniciativas e accións dirixidas ao fomento e promoción do sector musical galego (proxección de artistas emerxentes, posta en valor de empresas auxiliares do sector musical con arraigamento en Galicia, colaboracións con outras entidades...).

Ata 5 puntos

B.2.3. Actividades complementarias.

Valoraranse as liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (representacións de artes escénicas, accións no ámbito audiovisual e artes plásticas, obradoiros, concursos, encontros...).

Ata 5 puntos

B.3. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención:

15 puntos

B.3.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto.

Valorarase a dirección artística, a calidade da programación e a singularidade dos contidos, a innovación tecnolóxica, as melloras con respecto a edicións anteriores, a promoción da diversidade cultural, a integración na programación da perspectiva e igualdade de xénero, o coidado ambiental, a accesibilidade, así como a existencia de actividades dirixidas a públicos e colectivos diversos (familiar, crianzas, persoas en risco de exclusión…).

Ata 10 puntos

B.3.2. Potencialidade do plan de comunicación.

Valoraranse as estratexias de difusión e promoción do proxecto e as accións concretas que se pretenden levar a cabo, así como a coherencia do plan presentado e o gasto estimado para esta partida.

Ata 5 puntos

Nesta modalidade A (festivais de música), só se subvencionarán os 16 proxectos que acaden a maior puntuación. No caso de empate, atenderase á maior puntuación obtida nos criterios automáticos.

– Modalidade B: festivais de artes escénicas (puntuación máxima: 100 puntos).

Criterios automáticos

53 Puntos

A.1. Memoria do festival en edicións anteriores:

8 puntos

A.1.1. Antigüidade (excluída a edición obxecto desa convocatoria).

– De 3 a 5 edicións: 1 punto

– De 6 a 12 edicións: 3 puntos

– Máis de 12 edicións: 5 puntos

Ata 5 puntos

A.1.2. Recoñecementos acadados.

(Non se terán en conta os premios e recoñecementos non acreditados convenientemente nin os que non veñan reflectidos no anexo correspondente).

0,75 puntos por recoñecemento/premio.

Ata 3 puntos

A.2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención

22 puntos

A.2.1. Duración do festival:

– Ata 3 días de duración: 1 punto

– De 3 a 5 días: 2 puntos

– Máis de 5 días: 6 puntos

Ata 6 puntos

A.2.2. Producións, coproducións ou residencias do festival:

1,5 puntos por cada produción, coprodución ou residencia, acreditados mediante compromiso asinado coa entidade, no que consten as súas condicións económicas e/ou técnicas.

Ata 8 puntos

A.2.3. Estreas absolutas no festival:

2 puntos por cada estrea.

Ata 8 puntos

A.3. Viabilidade técnica e económica do proxecto:

23 puntos

A.3.1. Representacións de artes escénicas de pagamento de entrada:

– Entre o 61 % e o 70 %: 1 punto

– Entre o 71 % e o 80 %: 4 puntos

– Entre o 81 % e o 90 %: 8 puntos

– Máis do 90 %: 10 puntos

Ata 10 puntos

A.3.2. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE):

– Entre o 50 % e o 60 %: 2 puntos

– Menos do 50 % e ata o 30 %: 3 puntos

– Menos do 30 %: 5 puntos.

Ata 5 puntos

A.3.3. Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas: valoración do nivel de patrocinios e fondos propios con que conta a entidade para levar a cabo a actividade con respecto ao orzamento subvencionable (sen IVE).

– Entre o 5 % e o 15 %: 2 puntos

– Entre o 16 % e o 30 %: 3 puntos

– Máis do 30 %: 6 puntos

6 puntos

A.3.4. Adhesión ao Carné Xove impulsado pola Xunta de Galicia.

(O festival que se atope adherido ao programa Carné Xove da Xunta de Galicia recibirá 2 puntos).

2 puntos

Criterios artísticos

47 puntos

B.1. Traxectoria e interese cultural e artístico do festival nas edicións anteriores:

22 puntos

B.1.1. Interese artístico das programacións realizadas.

Ata 11 puntos

B.1.2. Interese estratéxico para o sector.

(Valoraranse as liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego realizadas polo festival en edicións anteriores).

Ata 6 puntos

B.1.3. Repercusión, incidencia e impacto no territorio.

Ata 5 puntos

B.2. Valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención:

25 puntos

B.2.1. Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos.

Ata 14 puntos

B.2.2. Repercusión na creación e fomento de públicos.

Ata 4 puntos

B.2.3. Actividades complementarias: liñas e iniciativas dirixidas ao fomento e promoción do sector cultural galego (concertos, obradoiros, concursos, certames, encontros…) realizadas polo festival.

Ata 3 puntos

B.2.4. Plan de comunicación: estratexias de difusión e promoción do proxecto.

Ata 4 puntos

Para esta modalidade, como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgaráselles ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a. Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b. Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c. Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

b) Fusión municipal. Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Nesta modalidade (festivais de artes escénicas), para ser beneficiario será requisito imprescindible acadar unha puntuación mínima na fase de valoración de 50 puntos, polo que resultarán excluídos de subvención os que no acaden a dita puntuación.

Décimo quinta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte das comisións de valoracións, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamiento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Décimo sexta. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sétima. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberanlle remitir á Agadic a memoria económica financeira (anexo VI) adaptada á subvención concedida, só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e, como máximo, pola diferenza entre ambas cantidades.

Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo oitava. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

Cando ao beneficiario se lle outorgase a subvención por importe superior a 30.000,00 € e sexa un suxeito dos incluídos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos no punto anterior, circunstancia que se acreditará pola presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e no suposto que non poidan presentalas acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo VI ou unha copia del ou similar).

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, copias de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento bancario pola persoa beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas, etc.).

f) Carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes, de acordo co artigo 48.2.g) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No suposto de que a persoa beneficiaria da subvención sexa unha entidade local estará obrigada a xustificar ante o órgano outorgante o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada por:

– Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos da subvencións concedidas. No caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

5. O prazo de xustificación da subvención concedida rematará o 15 de outubro de 2023 para aqueles festivais que finalicen antes do 30 de setembro. Para os restantes, o prazo de xustificación rematará o 15 de novembro de 2023.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

3. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo VII).

Vixésima. Pagamentos anticipados

1. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000,00 €, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000,00 €, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000,00 €, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

2. Os beneficiarios non incluídos nos supostos de exención do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que reciban pagamentos anticipados quedan exonerados da constitución de garantía de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá eximir da obriga da súa constitución.

Vixésimo primeira. Pagamentos a conta

1. A persoas beneficiarias poderán solicitar pagamentos á conta ata un 80 % da subvención concedida, respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo da xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación.

2. O importe conxunto dos pagamentos a conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada e estarán exentos da constitución de garantía, de conformidade co disposto no artigo 62.2 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Vixésimo segunda. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención.

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Facer constar o logotipo da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión e promoción relacionados coa actividade subvencionada, excepto no suposto de que o festival se iniciase antes da presentación da solicitude.

f) A persoa beneficiaria deberá dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

g) Nos programas dos festivais, no suposto de que conten con eles, deberase incluír nun lugar destacado unha páxina de publicidade segundo as indicacións da Agadic, sen ningún custe para a Axencia.

h) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e no suposto de que tal previsión non figure ata o 50 % do seu importe.

En ningún caso se poderán subcontratar actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido.

O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto no na base vixésimo cuarta destas bases.

Vixésimo terceira. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % nas partidas de gastos dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións de outros, que non afecte a custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar, debidamente, o cambio na documentación de xustificación presentada.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten aos requisitos para poder optar ás subvencións exixidos nesta resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo cuarta. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipuladas nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cando o cumprimento pola persoa beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade, e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, procederá unha perda parcial do dereito ao total da subvención nos seguintes casos:

– Perda dun 2 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

– Perda dun 2 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

Vixésimo quinta. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesións e todos cantos actos deriven dela poñen fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2023. Román Rodríguez González, presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file