Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19625

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 8 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT104B).

BDNS (Identif.): 682631.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Empresarios (persoas físicas ou xurídicas) e as persoas físicas e xurídicas sen ánimo de lucro que promovesen as intervencións arqueolóxicas comprendidas no ámbito da presente orde, desenvoltas en bens inmobles de titularidade privada, sempre que non estean en ningún dos supostos dos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as actuacións arqueolóxicas estean autorizadas e fosen realizadas desde o ano 2017 en diante e estean finalizadas na data de publicación da presente orde.

b) Que as actuacións se desenvolvesen conforme os proxectos arqueolóxicos presentados e se cumprisen as obrigas de responsabilidade da dirección de acordo co establecido no Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que se acredite a presentación e a entrega dos correspondentes informes valorativos ou das memorias técnicas e da acta de depósito dos materiais de acordo co citado Decreto 199/1997.

Segundo. Finalidade

A concesión de axudas, polo procedemento abreviado de concorrencia non competitiva, aos promotores particulares de calquera tipo de obras que afecten un conxunto histórico, zona arqueolóxica ou xacementos catalogados ou inventariados, nos casos en que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ou a figura de planeamento vixente determine a necesidade de realizar intervencións arqueolóxicas, en concepto de colaboración no financiamento do custo da execución do proxecto arqueolóxico realizado de acordo cos requisitos establecidos nos artigos 96 e 97 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de intervencións arqueolóxicas e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT104B).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 50.000,00 euros, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

10.05.433A.770.0: 25.000,00 €.

10.05.433A.781.2: 25.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades