Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19627

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 13 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago, e se convoca a súa XXIV edición para o ano 2023 (código de procedemento CT141A).

Elías Valiña Sampedro, cura párroco da Igrexa católica no Cebreiro, foi un estudoso do Camiño de Santiago. Sinalizou coas frechas amarelas o traxecto desde Francia. En Galicia recuperou tramos perdidos da ruta e promoveu a creación do Boletín del Camino de Santiago.

No transcurso do Encuentro Jacobeo dos párrocos do Camiño, que tivo lugar en Santiago de Compostela entre os días 20 e 24 de maio de 1985, xa resultaba evidente para todos que Elías Valiña era a persoa que debía estar á fronte do movemento xacobeo para o coordinar. Foi elixido por unanimidade.

O cura do Cebreiro escribiu, entre outras publicacións, El Camino de Santiago: estudio histórico-jurídico (1971) e El Camino de Santiago. Guía del peregrino (1985).

É por mor de gratitude e de recoñecemento do seu labor de renacer deste gran camiño medieval que a Xunta de Galicia creou este premio para distinguir dentro das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cun labor de protección, revitalización ou fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, tanto dentro como fóra de Galicia, a aquela entidade que unha comisión de valoración considere que é máis merecente nesta edición de obter o premio Elías Valiña.

A convocatoria do Premio Elías Valiña pretende salientar coa distinción, desde a súa primeira convocatoria, o labor de entidades xacobeas a prol de revitalizar os valores que foron e son propios do Camiño de Santiago.

Eses valores que todas as persoas temos presentes, pero de non doada concreción, son, entre outros, a dignidade das persoas, a paz entre os pobos, a solidariedade, o respecto mutuo, a compaixón ou a ansia de aliviar o sufrimento doutra persoa que está nunha situación de dor ou de necesidade, ou a resiliencia ante situacións adversas.

O avance cara ao desenvolvemento destes valores non é sempre progresivo no devir histórico e acontece que hai momentos, como o actual, de encrucillada, de desconcerto e desafío en que se resente de maneira abrupta a consecución desa mellora.

Neste cambio de época que se albisca cómpre fixar máis o foco nos devanditos valores dun Camiño de peregrinación como o que trae a Compostela persoas de todos os confíns do mundo, que buscan respostas no seu interior e no encontro fecundo coas outras persoas que encontran no seu duro camiñar.

Xurdiu coa intención de vindicar o ideal dunha Europa unida, superadora de guerras e opresións e interrelacionada no político, no cultural e no social.

A paz entre os pobos e a procura da convivencia harmónica son uns dos fins máis nobres que pode ambicionar unha sociedade culturalmente madura sometida aos riscos e oportunidades dimanantes dos procesos de globalización. Nesta liña, é chave o respecto entre as culturas que xeraron e xeran os diferentes pobos que constitúen o urdido da humanidade. En efecto, o intento de compresión de valores distintos dos propios é unha vía que axuda a poder acadar eses fins tan necesarios como dignificadores.

O Camiño a Santiago, ben que enraizado na tradición relixiosa cristiá, transcendeu esta xa nas últimas décadas do século pasado para se converter nunha referencia humanista plena de valores que a sociedade precisa vigorizar, tales como a solidariedade e a fraternidade entre todas as persoas, por riba dos credos relixiosos, das ideoloxías, das orixes, das condicións ou das clases sociais.

En cada volta dos distintos camiños a Compostela, en cada relanzo desa metáfora da propia vida de cada persoa que peregrina avivecen eses valores de empatía e de fraternidade; coa persoa con que se camiña, axudando e recibindo axuda, recoñecéndose nela como individuos que tamén se senten parte dun corpo social que percibe os camiños de Santiago cun alcance superior ao dun recurso económico ou un produto turístico.

O Camiño de Santiago foi sempre un catalizador das mellores enerxías da sociedade europea; articulador dun espazo multicultural e plural sobre a base do encontro humano xerador de vencellos de afectividade, diálogo e compromiso; un territorio fértil para a creación, a innovación e a cultura en todas as súas manifestacións.

O Camiño é do pobo europeo que o soñou, o concibiu e lle deu forma, desde o pequeno e cotián ata o sublime e inmorredoiro. Sen a base popular, desde as capas máis humildes ata os sectores máis privilexiados, este fenómeno singular e multisecular non tería sido posible.

O que corresponde ás institucións á altura do século XXI é acompañar e estimular, mediante signos efectivos de recoñecemento, aqueles que seguen a dar vida e autenticidade a uns itinerarios de peregrinación dinámicos e renovados.

A capacidade de entrega, apoio mutuo, acollida, pulo e humanismo xorden do máis fondo do home contemporáneo, que se resiste, nun mundo dominado polo materialismo científico-técnico, a esquecer as súas raiceiras de irmandade e transcendencia, espiritualidade e cooperación. En homenaxe a este factor humano e asociativo singular, este premio segue concitando aprecio entrañable por parte das persoas que fan posible día a día o Camiño como un sendeiro vital cargado de futuro. Unha ruta aberta a todos que as institucións non poden deixar de apoiar, asumir e protexer.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía para Galicia, que establece no seu artigo 27.18 como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o patrimonio histórico, artístico, arqueolóxico, de interese de Galicia e, no artigo 32, que corresponde á nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

Correspóndelle a esta consellería a elaboración de normas e propostas para impulsar a protección e valorización dos Camiños de Santiago e fomentar a revitalización destes sen menoscabo do seu coidado, e promover e difundir os seus valores intrínsecos impulsando actividades por medio das que se divulgue e facilite a comprensión da enorme potencialidade cultural dos camiños de Santiago.

No exercicio destas funcións, a consellería con competencia en materia de cultura convoca o presente Premio Elías Valiña para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago co fin de estimular o esforzo de colectivos e persoas que, como Elías Valiña Sampedro, insuflan de azos, enerxías e entusiasmo o fenómeno cultural xacobeo.

Como nas edicións inmediatamente anteriores desenvólvese, neste ano 2023, o que se entende por labor revitalizador, especificando e engadindo conceptos inherentes a este, como a protección na súa dobre vertente de conservación material e recuperación, o fomento do coñecemento e a potenciación dos valores sociais, espirituais e solidarios propios dos camiños. Isto contribuirá tamén a unha maior precisión na procura de obxectividade para o outorgamento do premio.

Determínase, así mesmo, a posibilidade de compartir o premio entre varias solicitudes, así como as consecuencias do devandito resultado.

Así mesmo, mantense a posibilidade de recoñecemento, por medio dunha mención especial, a unha persoa física pola súa sensibilidade, o seu compromiso e a súa dedicación nun exame da traxectoria vital en prol do fomento dos valores culturais dos Camiños de Santiago.

En consecuencia, do anteriormente exposto, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DISPÓN:

Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión do Premio Elías Valiña na súa XXIV edición.

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Convócase o Premio Elías Valiña para o ano 2023 e establécense as bases reguladoras polas que se rexerá a súa concesión (código de procedemento CT141A).

Artigo 2. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria e o establecemento das bases reguladoras da concesión do Premio Elías Valiña, para distinguir o labor revitalizador dos valores propios dos Camiños de Santiago como un recoñecemento institucional e social ao esforzo protector e de fomento do coñecemento e dos valores propios dos Camiños de Santiago, por parte das asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que inclúan estes fins no seu obxecto social (código de procedemento CT141A).

Inclúese, así mesmo, a posibilidade de que o xurado propoña unha mención especial, sen dotación económica, a unha persoa física que, pola súa sensibilidade e interese, contribuíse coa súa traxectoria vital ao fomento dos valores culturais dos Camiños de Santiago. Esta mención só poderá outorgarse de xeito individual.

2. O premio poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

3. A asociación ou entidade premiada recibirá un diploma e o importe do premio, que lle será aboado mediante transferencia bancaria. No caso de que o premio sexa compartido, serao a partes iguais entre as persoas galardoadas.

Artigo 3. Financiamento e réxime xurídico

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.433A.781.0 que figura dotada no orzamento de gastos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades dentro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe máximo de 15.000 € (quince mil euros).

2. A concesión do premio queda sometida á condición da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O procedemento para a concesión do premio recollido nesta orde será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia competitiva sinalado, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará á regulación establecida no título preliminar, capítulo II, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións normativas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

E, supletoriamente:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

b) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. O premio regulado ao abeiro desta orde é compatible con outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entidades públicas ou privadas, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán participar as asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, cunha traxectoria que acredite o seu labor na protección, revitalización, fomento do coñecemento e dos valores propios do Camiño de Santiago, e que desenvolvan a súa actividade tanto dentro como fóra de Galicia.

2. Estas entidades deberán ter acreditada unha traxectoria de cando menos cinco anos de funcionamento efectivo na consecución dos obxectivos establecidos na convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin as que fosen premiadas nas cinco convocatorias anteriores co Premio Elías Valiña.

Artigo 5. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión deste premio e da mención especial referida nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é a competente para ditar a resolución da súa concesión, con indicación do nome da entidade premiada ou premiadas e a contía que lles corresponde.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar as solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias deste premio poden estar situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico dispares, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un deles e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación tecnolóxica existente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ata que remate o procedemento.

2. O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas interesadas e daráselles un prazo de dez días para que emenden os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa solicitude, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 7. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación da persoa que asine a solicitude en nome da entidade.

b) Copia dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

c) Memoria xustificativa do labor realizado neste campo, en que se detallarán as actividades ordenadas e sistematizadas conforme os criterios establecidos no artigo 12 destas bases e polo período de cinco anos, co grao de concreción axeitado para facilitar a valoración. A memoria incluirá, como anexo, unha táboa resumo da memoria xustificativa en que se enumeren, baixo as súas correspondentes catro epígrafes: as intervencións encamiñadas á protección do patrimonio (autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no caso de ser necesario); os traballos de investigación, documentación e fomento do coñecemento do camiño e o fenómeno xacobeo entre a comunidade especializada e científica; as accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo, e as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, indicando datas, ámbitos territoriais, autoría e, se é o caso, persoas destinatarias e a súa cuantificación.

d) Certificados, informes ou calquera outro documento subscrito por un organismo oficial que avale a candidatura, pola súa importancia e relevancia no ámbito cultural, ou tres entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela que acrediten o desenvolvemento do labor de protección, revitalización e promoción das rutas xacobeas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• NIF (número de identificación fiscal) da entidade solicitante.

• DNI ou NIE (número de identidade de estranxeiría) da persoa representante.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Consellería de Facenda.

• Certificado de estar ao día nos pagamentos á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a documentación presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Composición.

Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse a un xurado encargado da súa valoración, que terá a consideración de Comisión de Valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e estará integrado polos seguintes membros:

a) A persoa titular da subdirección competente en materia de protección do patrimonio cultural, que exercerá a vicepresidencia.

b) A persoa que presida o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago (regulado no capítulo I do Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago) ou a persoa en que delegue.

c) Dúas persoas especialistas de recoñecido prestixio en materia xacobea nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de cultura.

d) A persoa que represente a institución, asociación cultural, fundación ou persoa gañadora na última convocatoria, ou persoa en que delegue.

e) As persoas que presidan as entidades inscritas no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago de Compostela cos números 174, 175, 176 e 177, que serán substituídas o vindeiro ano polas catro seguintes e así sucesivamente ata que roten todas, ou persoas en que deleguen.

f) Actuará como secretaria, con voz e sen voto, a persoa titular do servizo competente en materia de protección dos Camiños de Santiago da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

No caso de que na mesma entidade concorresen a condición de último gañador do Premio Elías Valiña e da entidade inscrita no Rexistro de Entidades do Camiño de Santiago, segundo a relación prevista nesta orde cos números 174, 175, 176 e 177, a entidade formará parte do xurado en calidade de gañadora da última edición, co que entraría a formar parte deste a seguinte entidade rexistrada na orde que proceda segundo a numeración correlativa subseguinte.

A mesma solución será de aplicación no caso de que non se acade un mínimo de sete persoas por motivos de imposibilidade ou renuncia a participar como xurado da entidade gañadora da última edición ou dalgunha ou dalgunhas das entidades que correspondan, segundo a prelación prevista neste artigo.

2. Funcións.

As propostas do xurado especificarán a avaliación que lles corresponde en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. O xurado valorará as candidaturas, ata un máximo de 100 puntos, segundo a documentación acreditativa que se presentase, de acordo coas seguintes epígrafes:

a) Intervencións encamiñadas á protección do patrimonio (ata un máximo de 25 puntos):

– Número de intervencións na recuperación, a conservación, a sinalización, o acondicionamento e a valorización de tramos do Camiño de Santiago ou de elementos asociados, así como no seu contorno. Segundo a seguinte tipificación:

Cada intervención de recuperación do trazado en terreos de propiedade privada e a súa doazón ao patrimonio público da Administración correspondente: nos camiños declarados bens de interese cultural, 6 puntos, e no resto dos camiños a Compostela, 3 puntos.

Cada intervención de conservación nos camiños declarados bens de interese cultural, 2 puntos. No resto dos camiños a Compostela, 1 punto.

Cada intervención de acondicionamento e de valorización de tramos, ou de elementos asociados, así como no seu contorno: nos camiños declarados bens de interese cultural, 4 puntos; no resto dos camiños a Compostela, 2 puntos.

b) Traballos de investigación, de documentación e de fomento do coñecemento do Camiño e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía: ata un máximo de 25 puntos.

– Número de traballos (xornadas, seminarios e outros eventos análogos, edicións de folletos e revistas, artigos, publicacións e/ou material audiovisual): de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada traballo; de ámbito europeo, 2 puntos cada traballo, e de ámbito mundial, 3 puntos cada traballo.

– Participación en programas en medios de comunicación social: de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada participación; de ámbito europeo, 2 puntos cada participación, e de ámbito mundial, 3 puntos cada participación.

– A súa repercusión pública: a súa difusión no ámbito galego ou estatal, 1 punto; o seu alcance no ámbito europeo, 2 puntos, e o espallamento no ámbito mundial, 3 puntos.

c) Accións de sensibilización e fomento do asociacionismo con fins relacionados co fenómeno xacobeo e organizacións de peregrinacións e outras actividades para membros e persoas simpatizantes, ata un máximo de 25 puntos.

– Número de accións e a súa repercusión: de ámbito galego ou estatal, 1 punto cada traballo; de ámbito europeo, 2 puntos cada traballo, e de ámbito mundial, 3 puntos cada traballo.

– Número de novos membros ou de participantes nas accións de sensibilización a asociacionismo, segundo a seguinte ponderación:

Por cada cinco novos membros que causen alta nas entidades xacobeas de ámbito galego ou estatal, 1 punto.

Por cada dous novos membros que sexan dado de alta na entidade xacobea de ámbito europeo, 2 puntos.

Por cada novo membro que sexa dado de alta na entidade xacobea de ámbito mundial, 3 puntos.

d) Accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social, ata 25 puntos, segundo a seguinte descrición:

Número de accións relacionadas coa peregrinación a Compostela na súa vertente organizativa, e a súa incidencia. Así:

– En canto a labores de acollida e hospitalidade nos albergues en funcións de hospitaleira ou hospitaleiro: por cada albergue atendido pola entidade xacobea no territorio galego ou no estatal, 1 punto; no continente europeo, 2 puntos; no resto do mundo: 3 puntos.

– Por accións educativas, de especial significación, complexidade e singularidade, desenvolvidas pola entidade xacobea durante a peregrinación, para a promoción da integración de grupos con diversidade funcional e de contribución á reintegración na sociedade de grupos de persoas que estean ou estiveran cumprindo condena, de persoas vítimas de adicións de distinta tipoloxía, ou de violencia exercida sobre elas, e realización de tarefas asistenciais en xeral. Valorarase con 2 puntos cada acción.

A ponderación individual de cada un dos criterios será realizada polos membros da Comisión de Valoración no seu conxunto, que adoptará unha decisión ponderada e xustificada en relación cos devanditos criterios e de xeito comparativo entre todas as candidaturas.

Artigo 13. Resolución e notificación á entidade gañadora

1. Á vista da deliberación do xurado, contida no ditame en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural elevarao, xunto coa proposta de resolución, á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

2. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, á vista da proposta, ditará a resolución que proceda debidamente motivada, no prazo de quince días, que será obxecto de notificación á entidade gañadora e tamén se publicará no Diario Oficial de Galicia e, así mesmo, na páxina web da consellería.

3. O órgano xestor deberá observar que no momento de ditar resolución se cumpren as formalidades previstas no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En calquera caso, transcorridos dez días hábiles desde a notificación da concesión deste premio sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia a este, entenderase que o acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

5. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima a persoa interesada para entender desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

6. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos ou no caso de entidades estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Inclusión no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios

1. O premio outorgado ao abeiro desta orde figurará no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do premio poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. A documentación da candidatura premiada ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu adecuado arquivo, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e esta reserva para si o dereito de divulgación gratuíta da dita documentación por calquera medio de reprodución con destino a actividades divulgativas.

4. A documentación das candidaturas non premiadas seralles devolta ás persoas interesadas no caso de que estas o soliciten expresamente.

Artigo 15. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que porá fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas, cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que as persoas beneficiarias incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades instruirá, se é o caso, un expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 17. Control

As persoas solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou polo Consello de Contas ou polo Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Ademais, deberán facilitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web oficial da consellería https://www.cultura.gal/, na súa epígrafe Servizos, na alínea de Axudas, subvencións e bolsas.

b) Nos teléfonos 981 54 48 62, 981 54 47 49 e 981 54 48 17.

c) Presencialmente, nas dependencias do Servizo de Protección e Fomento, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento da orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file