Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19732

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2022/046-4).

Expediente: IN407A 2022/046-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA e substitución do apoio 9SP9RBRF//12 da LMTA GON807.

Concello: Nigrán.

Feitos:

Primeiro. O 3 de febreiro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA e substitución do apoio 9SP9RBRF//12 da LMTA GON807.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do apoio 9SP9RBRF//12 do tramo GON8075464 por un C 2000/20 e de 251 metros de condutor LA-110 desde o apoio 9SMEHR2T//11 ata o apoio 9SRQCCNH//13. As actuacións están previstas no concello de Nigrán (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, a Axencia Galega de Infraestruturas e o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Nigrán e polo Servizo do Patrimonio Cultural.

A Axencia Galega de Infraestruturas non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 3 de marzo de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Debido á imposibilidade de efectuar a notificación á persoa titular da parcela 54035A075001450000HU, esta xefatura publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia do 1 de xullo de 2022 e no Boletín Oficial del Estado do 5 de xullo de 2022.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 3 de marzo de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 25 de marzo de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 18 de marzo de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán do 4 de marzo de 2022 ata o 9 de abril de 2022, conforme certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Antonio Rodríguez Vidal, Carlos Pereira Alonso, Gloria Comesaña Álvarez e Pablo Sestelo Troncoso. A seguir resúmese o seu contido:

– A posibilidade de instalar a liña por terreos de dominio público, neste caso pola senda peonil e ciclista recentemente construída.

– A viabilidade de realizar o trazado subterráneo da liña.

– Cando se construíu a senda peonil e ciclista xa era de coñecemento de todos os organismos, incluídos o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas, a existencia do apoio 9SP9RBRF//12, polo tanto, sería ese o momento idóneo para soterrar a liña.

– Perda do valor da parcela por reiteradas expropiacións; primeiramente pola senda peonil, agora polo emprazamento do apoio.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– O proxecto foi elaborado tendo en conta a lexislación que lle é de aplicación e os condicionamentos técnicos que lle afectan.

– O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesidade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

– Destaca que será no acto de levantamento de actas previas á ocupación cando as persoas titulares dos predios afectados poderán presentar as alegacións que estimen oportunas para a valoración dos bens afectados. Tamén incide en que a expropiación dos bens afectados non os fai antieconómicos, nin impide o seu uso segundo se estaba realizando.

– Destaca que na planimetría que figura no proxecto queda claramente determinada a localización, trazado e características da liña de distribución.

– Responden que se modifica o emprazamento do apoio debido a unha solicitude de recuamento (retirar o apoio que se encontra no medio da beirarrúa) realizado pola Axencia Galega de Infraestruturas.

– Sobre a proposición de trazados alternativos, esta non cumpre coa normativa.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Respecto ao trazado alternativo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do apoio 9SP9RBRF//12 da LMTA GON807 e liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 251 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9SMEHR2T//11 do tramo GON8075464 e final no apoio 9SRQCCNH//13 do tramo GON8075464. A instalación está situada en Nigrán (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

– Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Rel decreto 1955/200, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpre co conxunto dos puntos do mencionado artigo. En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

– Tamén cabe destacar que, con carácter xeral, son os instrumentos de planificación urbanística os que establecen a necesidade de soterrar as liñas de alta tensión. Algúns plans municipais recollen unha rede eléctrica subterránea en función de se o solo é urbano ou urbanizable. No informe emitido polo Concello de Nigrán clasifica o solo como de núcleo rural e na súas conclusións manifesta que non hai observacións de carácter urbanístico á actuación proposta, non sendo unha nova rede, senón a substitución de apoio existente.

Conforme ao indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA e substitución do apoio 9SP9RBRF//12 da LMTA GON807 (expediente IN407A 2022/046-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra