Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19712

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilanova de Arousa (expediente IN407A 2022/094-4).

Expediente: IN407A 2022/094-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: substitución do apoio 9QSKIHTC//61 da LMTA VAR805.

Concello: Vilanova de Arousa.

Feitos:

Primeiro. O 29 de marzo de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución do apoio 9QSKIHTC//61 da LMTA VAR805.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do apoio de formigón 9QSKIHTC//61 debido ao seu mal estado por un de tipo celosía C-1000/12. Este apoio debe ser desprazado uns metros da súa posición orixinal para cumprir as alturas regulamentarias dos condutores. Debido a este desprazamento, será necesario realizar un novo tendido de 84 metros de liña aérea entre o apoio proxectado e o apoio 9QQU5XS8//62, así como retensar os vans contiguos. As actuacións están previstas no lugar de Cálago, no concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vilanova de Arousa, a Demarcación de Costas del Estado e o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural.

A Demarcación de Costas do Estado informa que as obras non se sitúan en terreos de afección ao dominio público marítimo-terrestre, nin as súas servidumes.

O Concello de Vilanova de Arousa non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 18 de maio de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 18 de maio de 2022 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 14 de xuño de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 26 de maio de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vilanova de Arousa desde o 18 de maio de 2022 ata o 21 de xuño de 2022, conforme o certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións de Andrés Cardalda Nogueira. A seguir resúmese o seu contido:

– Que existen outros titulares afectados que non están recollidos na relación de bens e dereitos afectados. Alega que a parcela afectada e as tres situadas ao norte proceden dunha mesma parcela que foi repartida debido a unha herdanza e como consecuencia se configurou unha servidume de paso, agora afectada polo novo apoio.

– Non está suficientemente xustificada as razóns do desprazamento do apoio. Solicita que o apoio se manteña na mesma localización, en caso contrario, propón que se sitúe o apoio á marxe leste do camiño de servidume que atravesa a parcela de sur a norte.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A seguir resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– Conforme a consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais, o camiño de servidume que alega o afectado non se encontra rexistrado e, polo tanto, para os efectos legais non existe.

– Reitera que as parcelas con referencia catastral 36061A031000900000LM, 36061A031000880000LO e 36061A031000890000LK non entran dentro da afección das actuacións proxectadas. A única parcela afectada é a 3606A031000870000LM.

– Proxectar o apoio no mesmo punto topográfico resulta incompatible debido a varios motivos. Primeiro, conforme a ITC (instrución técnica complementaria) LAT 07, os apoios conectaranse á terra mediante electrodos tipo pica vertical ou anel pechado, incompatible co muro existente. Segundo, para cumprir cos esforzos mecánicos e as distancias de seguridade regulamentarias é necesario un apoio de tipo metálico, cuxa superficie de afección é distinta á do apoio de formigón. Terceiro, a cimentación mínima requirida de seguridade para ese apoio é incompatible co seu emprazamento actual. Cuarto, a opción de recuamento cara á parcela 36061A031000910000LO, contigua á parcela actualmente afectada, non é posible debido á existencia de construcións.

– Tamén se valorou outras alternativas, porén non resultan adecuadas. Estudouse a posibilidade de realizar un paso subterráneo da liña, pero non existe camiño viable polo cal realizar a canalización de conexión coa rede existente. Analizouse a posibilidade de colocar o apoio no lado contrario da parcela en dirección leste, nun camiño público, porén o trazado aéreo sobrevoaría construcións e non se podería cumprir coas distancias de seguridade recollidas na ITC LAT 07.

– Ademais, a viabilidade de trazados alternativos vese moi limitada por estar nunha área de afección ao Patrimonio Cultural.

– Con relación á posibilidade de situar o apoio sen solución de continuidade pegado á marxe leste do camiño de servidume que atravesa a parcela, UFD sinala que pode ser factible modificar unha marxe ou outra do camiño de servidume mencionado, pero sempre tendo en conta a superficie de cimentación do apoio e as condicións legais do camiño de servidume.

– Aclara que a substitución do apoio implica a súa desmontaxe e retirada.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Respecto á existencia de terceiros afectados, conforme indica o artigo 140 do Real decreto 1955/2000, é responsabilidade da empresa beneficiaria a elaboración e inclusión na solicitude de declaración de utilidade pública dunha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados que o solicitante considere de necesaria expropiación.

– Respecto ao trazado alternativo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000.

– Respecto á localización do novo apoio no mesmo punto topográfico, tense en conta o indicado na contestación dada pola empresa beneficiaria.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 84 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado 9QSKIHTC//61 e final no apoio existente 9QQU5XS8//62. A instalación está situada no lugar de Cálago, Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Con relación á existencia de terceiros afectados que non se tiveron en conta, cabe indicar que a empresa beneficiaria é a que debe indicar os bens e dereitos afectados. Neste caso, UFD sinala unicamente a parcela 3606A031000870000LM.

– De todas as maneiras, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– Con relación á insuficiente xustificación da necesidade de situar o apoio noutro emprazamento, remítese a contestación dada pola empresa promotora.

– Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. O trazado proposto non cumpre co conxunto dos puntos do mencionado artigo. En todo caso considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

– Destácase, de acordo coa contestación dada por UFD, a posibilidade que existe de situar o apoio sen solución de continuidade pegado á marxe leste do camiño de servidume que atravesa a parcela, sempre conforme a normativa vixente. Viabilidade que pode ser estudada incluso iniciado o expediente expropiatorio.

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Substitución do apoio 9QSKIHTC//61 da LMTA VAR805 (expediente IN407A 2022/094-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra