Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 2023 Páx. 19719

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2022/091-4).

Expediente: IN407A 2022/091-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA e substitución do apoio A1H3OEXN//40 da LMTA TRO703.

Concello: Redondela.

Feitos:

Primeiro. O 29 de marzo de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA e substitución do apoio A1H3OEXN//40 da LMTA TRO703.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a substitución do apoio A1H3OEXN//40 do tramo TRO7035061 por un C 500/120 e de 105 metros de liña aérea entre os apoios A1G4QWN4//39 e A1HXM536//41. As actuacións están previstas no lugar de Parada, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, o Servizo de Montes de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Redondela e polo Servizo de Montes.

Os demais organismos non emitiron os condicionado técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante o escrito do 12 de abril de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 12 de abril de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 6 de maio de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 26 de abril de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela. A continuación resúmese o seu contido:

– Erros na relación de bens e dereitos afectados.

– Non consta que as partes anteriores e posteriores da liña aérea estean declaradas de utilidade pública.

– O proxectado impide a ampliación do campo de fútbol e a conformación da zona deportiva. Desde 1996, a Comunidade de Montes reclama o traslado da liña.

– Propón que se traslade a liña ou que se soterre.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

– O proxecto foi elaborado tendo en conta a lexislación que lle é de aplicación e os condicionamentos técnicos que lle afectan.

– O proxecto cumpre cos requisitos que deben concorrer para a declaración de utilidade pública: a xustificación da necesitade da instalación e a determinación da relación de bens e dereitos.

– A LMT TRO703 Trasiego-Barreiro é unha liña existente e o que se pretende é a substitución dun apoio e de 105 do condutor. No ano 2011, a Comunidade de Montes afectada acadou un acordo con UFD en que recoñecía a situación e as afeccións das liñas que discorren polo monte da súa titularidade, percibindo a compensación económica pactada.

– A declaración ou non da utilidade pública do conxunto da liña é irrelevante respecto a este proxecto.

– Poderá a Comunidade, conforme o artigo 59 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos da variación.

– Sobre a proposición de trazados alternativos, esta non cumpre coa normativa.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Basea esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Con relación á valoración dos predios e os prexuízos causados polas afeccións da instalación que se vai construír, estes poderanse poñer de manifesto na presentación da folla de aprecio que requirirá esta xefatura territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Respecto ao trazado alternativo, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do apoio A1H3OEXN//40, por un C-500/12, e liña de media tensión aérea (LMTA) a 15 kV, con condutor LA-56, de 105 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente A1G4QWN4//39 da LMTA TRO703 e final no apoio existente A1HXM536//41 da LMTA TRO703. Retensado do van aéreo de 68 metros contiguo ao apoio A1G4QWN4//39. A instalación está situada no lugar de Parada, Chapela, concello de Redondela (Pontevedra).

Cuarta. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse:

– Respecto aos erros detectados na relación de bens e dereitos, esta xefatura informa que se tiveron en conta e serán corrixidos para futuras notificacións.

– Sobre a declaración de utilidade pública de toda a liña, sinálase que a declaración se realiza sobre un proxecto concreto e se aplica aos titulares de bens e dereitos afectados que non pactaran libremente co peticionario da instalación.

– Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, o alegante será informado do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

– De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de aprecio, momento no cal o titular concretará o valor que estime, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

– Ademais, o artigo 23 de Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

– Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo.

– Por outra parte, a posibilidade de modificar o trazado implica afectar outras persoas que poden igualmente opoñerse ao dito cambio. En todo caso considerarase non admisible a variante cando o custo desta sexa superior nun 10 % ao orazamento da parte da liña afectada pola variante.

– Tamén cabe destacar que, con carácter xeral, son os instrumentos de planificación urbanística os que establecen a necesidade de soterrar as liñas de alta tensión. Algúns plans municipais recollen unha rede eléctrica subterránea en función de se o solo é urbano ou urbanizable. No informe emitido polo Concello de Redondela manifesta que, desde o punto de vista urbanístico municipal, non existe inconveniente ao proxectado.

– Finalmente, hai que ter en consideración que este proxecto trátase da substitución dun apoio e dunha parte do condutor dunha liña existente, non se trata dunha nova instalación. E, polo tanto, como recolle o parágrafo segundo do artigo 59 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, o dono do predio servente poderá solicitar o cambio de trazado da liña, se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos da variación.

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA e substitución do apoio A1H3OEXN//40 da LMTA TRO703 (expediente IN407A 2022/091-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 27 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra