De conformidade coa proposta elevada polas comisións nomeadas para xulgar os concursos para a provisión de prazas dos corpos docentes universitarios, convocados mediante resolución desta universidade do 2 de decembro de 2022 (BOE do 12 de decembro), e unha vez presentada polas persoas interesadas a documentación a que fai referencia a base novena da convocatoria, esta reitoría, no uso das atribucións conferidas polo artigo 65 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (BOE do 13 de abril), e polo artigo 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), e demais disposicións concordantes, resolve efectuar o nomeamento das persoas que se relacionan no anexo.
O citado nomeamento producirá plenos efectos a partir da correspondente toma de posesión por parte das persoas interesadas, que deberá efectuarse no prazo máximo de 20 días, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que ditou o acto, sen que neste caso se poida interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, conforme o previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2023
Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela