Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2023 Páx. 19999

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2022/332-4).

Expediente: IN407A 2022/332-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e recolocación CT Millarada 36AA15.

Concello: Redondela.

Feitos:

Primeiro. O 19 de agosto de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e recolocación CT Millarada 36AA15.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a desmontaxe do centro de transformación Millarada (36AA15) de 100 kVA e a súa substitución por un centro de transformación compacto de 250 kVA. Tamén se desmonta a liña de media tensión entre os apoios A3S7UW52//99 e A3S0EHKK//99-2-CTA. Para dar servizo ao novo transformador será necesaria a instalación duns 52 metros de condutor RHZ1. As actuacións están prevista no lugar de Millarada, no concello de Redondela (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido.

Terceiro. Mediante o escrito do 5 de outubro de 2022, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Debido á imposibilidade de efectuar a notificación a todas as persoas afectadas, esta xefatura publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia do 13 de decembro de 2022 e no Boletín Oficial del Estado do 19 de decembro de 2022.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 5 de outubro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 31 de outubro de 2022.

– Xornal Faro de Vigo: 14 de outubro de 2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela desde o 11 de outubro de 2022 ata o 4 de xaneiro de 2023, conforme certificado emitido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS), a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, de 104 metros de lonxitude, con orixe e final no paso aéreo subterráneo proxectado no apoio existente A3UDXQ4S, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado. Centro de transformación compacto telecontrolado, a 250 kVA con RT 15kV/400V, emprazado na parcela con referencia catastral 36045A035006270000WT, en Millarada, no concello de Redondela (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e recolocación CT Millarada 36AA15 (expediente IN407A 2022/332-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 28 de febreiro de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra