Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2023 Páx. 20238

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2023 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Antecedentes:

Con data do 27 de decembro de 2022, publícase no Diario Oficial de Galicia número 245 o Anuncio do 14 de decembro de 2022 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de clave LU/22/055.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderá formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2023

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 9 de marzo de 2023, polo que se aproba o trámite de información pública e informe das administracións afectadas e definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, de clave LU/22/055.06, sen modificacións respecto ao trazado sometido a información pública.

2º. Aprobar definitivamente o proxecto de trazado de mellora de accesibilidade e conectividade das paraxes de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia nas rutas de acceso polo norte á cidade de Lugo, de clave LU/22/055.06, actuación financiada polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Lugo, Meira, Outeiro de Rei, Riotorto, O Vicedo e Xove, nos cales se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser caso, puideren aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño.