Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2023 Páx. 20056

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de marzo de 2023 pola que se regula a presentación electrónica de solicitudes de declaración de aldea modelo (código de procedemento MR713A).

O concepto de aldea modelo xorde do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Fegamp e a empresa pública Seaga para a limpeza das franxas de seguridade das aldeas de Galicia. Son aquelas aldeas nas cales se implanta o sistema público de limpeza das franxas sempre que exista o compromiso dos propietarios de implantaren actividade agrogandeira nestas franxas.

Este convenio, asinado en agosto do ano 2018, ten como obxecto principal a implantación dun sistema público de limpeza das faixas, en que a limpeza a leva a cabo a empresa pública Seaga.

Coa aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, desenvólvense os procedementos de mobilización da terra agroforestal, previamente recollidos nalgunhas das disposicións da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, que quedou derrogada coa entrada en vigor desta lei.

Unha aldea modelo é un instrumento voluntario de recuperación de terras mediante a realización de actuacións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras que rodean núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego, co fin de promover actividade económica ligada ao sector primario e reducir o risco de incendios forestais.

As actuacións poderán abranguer todo ou parte do núcleo rural da aldea co obxecto da súa rehabilitación e recuperación arquitectónica e urbanística, con fins residenciais, de interese turístico, de transformación ambiental ou outros análogos, que propicien a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación. O procedemento é aberto, require do compromiso das persoas propietarias pero tamén da implicación das alcaldías. O proceso iníciase cunha solicitude por parte do Concello, que debe contar cun perímetro definido nas inmediacións da aldea en cuestión, que abarque unhas determinadas parcelas cuxos titulares apoien a iniciativa. Unha vez presentada a solicitude, e logo de recibir un informe técnico favorable por parte do órgano xestor do Banco de Terras de Galicia, será o Consello Reitor da Agader quen declare a aldea modelo, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral da Agader, que a continuación será declarada de utilidade pública e interese social desde a Consellería do Medio Rural.

En consecuencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto aprobar a posta en funcionamento do procedemento para a presentación electrónica de solicitudes de declaración de aldea modelo, reguladas no capítulo III do título V (artigos 79 a 82) e no capítulo II do título VI (artigos 110 a 121) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este procedemento habilitarase na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal e figurará na Guía de procedementos e servizos regulada pola Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, co código MR713A.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Este procedemento vai dirixido aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 111.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Forma e lugar de presentación de solicitudes. Prazo de resolución

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo para ditar resolución expresa sobre a solicitude de declaración de aldea modelo e para notificala será de cinco (5) meses contados desde o día en que a solicitude tivo entrada no Rexistro da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Se transcorre o prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 4. Documentación complementaria

1. De conformidade co artigo 111.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Proposta de perímetro da aldea modelo.

b) Documentación xustificativa do acordo das persoas titulares que representen o 70 % da superficie do perímetro proposto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Documentación xustificativa de que o Concello está adherido ao Sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias (artigo 21 da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file