Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20682

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da convocatoria efectuada pola Resolución do 12 de decembro de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

Primeiro. O 17 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 12 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto.

Segundo. No ordinal segundo da dita resolución establécese o obxecto das subvencións, que é a corrección de impactos paisaxísticos presentes tanto en edificios de titularidade municipal como en certos equipamentos de titularidade municipal, ou ben os producidos por eles debido ao seu aspecto exterior, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo de paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices da paisaxe de Galicia a través de dúas liñas de axuda que son:

Liña I: equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Liña II:

A) Fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos: as actuacións que se subvencionarán son, en todo caso, de índole menor, xa que non se cambiará o seu uso.

B) Outras construcións ou instalacións de titularidade municipal destinadas a outros equipamentos de servizos públicos, de acordo coa clasificación que establece a epígrafe 3 do anexo I do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (Decreto 143/2016, do 22 de setembro).

Terceiro. A Resolución do 12 de decembro de 2022, no punto 1 do ordinal sexto, indica que as subvencións obxecto desta resolución se financiarán cun crédito total de 1.000.000,00 de euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.760.00, código de proxecto 2021 00002, dos orzamentos do Instituto de Estudos do Territorio para o ano 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán recibir a subvención oportuna.

Cuarto. O punto 4 do ordinal sétimo da Resolución do 12 de decembro de 2022 establece que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación complementaria exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas. O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta a aquela que se establece nesta resolución.

Quinto. Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 18.1.2023 ás 12.19 horas.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O punto 6 do ordinal décimo cuarto da Resolución do 12 de decembro de 2022 establece que, unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, se publicará no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia.

Segunda. Os artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 32 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, establecen a obriga do órgano xestor de publicar, no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web, o esgotamento da partida orzamentaria asignada.

En virtude do exposto anteriormente, e de acordo co establecido na normativa citada,

RESOLVO:

Dar a coñecer o esgotamento do crédito autorizado para as axudas convocadas pola Resolución do 12 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT402B), tramitado como expediente anticipado de gasto, que se produciu coa solicitude que tivo entrada o día 18.1.2023 ás 12.19 horas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2023

Enrique Luis de Salvador Sánchez
Director do Instituto de Estudos do Territorio