Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 28 de marzo de 2023 Páx. 20679

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se establece un prazo adicional e excepcional para presentar determinadas solicitudes do grao inicial da carreira profesional.

O 28 de outubro de 2022, na Mesa Sectorial, os/as representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSIF, SATSE e UGT asinaron un acordo sobre as futuras convocatorias de carreira profesional (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro).

Ese acordo, conxuntamente co asinado o 6 de xullo de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 144, do 30 de xullo), constitúen actualmente as bases aplicables á carreira profesional no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao dito organismo.

O Acordo do 28 de outubro de 2022, no seu punto III, relativo ao grao inicial, ademais de ampliar o ámbito do persoal que pode solicitar o dito grao, dispuxo que as solicitudes de grao inicial presentadas ata o último día do prazo que estableza a Dirección Xeral de Recursos Humanos terán efectos desde o 7 de agosto de 2018, sempre que nesa data xa se cumprisen os requisitos para o acceso. Noutro caso, os efectos serán desde o primeiro día, posterior a esa data, en que se cumpran os ditos requisitos.

En execución dese punto do acordo, a Resolución deste centro directivo do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro), xuntamente con outras previsións relativas á convocatoria ordinaria do ano 2022 e a un procedemento excepcional de encadramento, publicou os novos requisitos para acceder ao grao inicial e dispuxo que as solicitudes de grao inicial presentadas ata o día 31 de xaneiro de 2023 terían efectos desde o 7 de agosto de 2018, nos termos acordados o 28 de outubro.

Posteriormente, a comisión de seguimento da carreira profesional acordou que a mellora relativa ao grao inicial que estableceu o Acordo do 28 de outubro de 2022 (efectos retroactivos) debe aplicarse non unicamente á categoría/especialidade que figure na solicitude do/da profesional entre o 5 de decembro de 2022 e o 31 de xaneiro de 2023 (por prestar servizos nela), senón ás diversas categorías/especialidades en que, de ser o caso, prestase servizos algún día desde o 7 de agosto de 2018; e precisou que, por razóns de carácter técnico, sería tras o 31 de xaneiro de 2023 cando se abriría un prazo especial para presentar as solicitudes de grao inicial nesas outras categorías/especialidades.

Por outra parte, ese mesmo prazo especial debe ser utilizado para que o actual persoal laboral residente en formación do Servizo Galego de Saúde (MIR, EIR...) poida solicitar o grao inicial polos servizos que, de ser o caso, prestase como persoal estatutario a partir do 7 de agosto de 2018.

En atención ao que antecede, en virtude do disposto no artigo 7.e) da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, logo do acordo da comisión de seguimento da carreira profesional,

RESOLVO:

Primeiro. Solicitudes de grao inicial noutra categoría/especialidade

O/a profesional que, de conformidade co que estableceu a Resolución deste centro directivo do 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro), tivese habilitada a solicitude de grao inicial entre o 5 de decembro de 2022 e o 31 de xaneiro de 2023 en determinada categoría/especialidade (por prestar servizos nela), e pretenda o recoñecemento do grao inicial nesa ou noutra categoría/especialidade distinta na cal traballase algún día desde o 7 de agosto de 2018, poderá solicitalo no prazo que se iniciará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de abril de 2023.

Segundo. Persoal laboral residente en formación do Servizo Galego de Saúde

No mesmo prazo establecido no punto primeiro, o persoal do Servizo Galego de Saúde con vínculo de laboral residente en formación (MIR, EIR...) entre o 5 de decembro de 2022 e o 31 de xaneiro de 2023 poderá solicitar o grao inicial en calquera categoría/especialidade na cal, de ser o caso, prestase servizos algún día desde o 7 de agosto de 2018, no Servizo Galego de Saúde ou entidades adscritas.

Terceiro. Regulación do grao inicial

Esta resolución executa acordos da comisión de seguimento da carreira profesional e é complementaria da ditada por este centro directivo o 25 de novembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro). Polo tanto, para os demais aspectos da regulación do grao inicial aplicarase o que establece esa Resolución do 25 de novembro de 2022.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpoñer recurso de reposición ante esta dirección xeral no prazo dun mes contado a partir da mesma data, de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos