Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2023 Páx. 20807

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923C).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, á Secretaría Xeral da Emigración correspóndenlle, como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as competencias recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e, en particular, as relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

As comunidades galegas, os centros e as casas de Galicia no exterior son asociacións en que tradicionalmente se reúnen as persoas emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións, que contan na súa maioría con instalacións propias para a organización de actividades, reúnese un gran número de persoas galegas, que son os axentes principais a través dos cales Galicia fomenta a súa cultura.

De acordo co anterior e co obxectivo de posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan e fortalezan os vínculos coa cultura de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración vén convocando anualmente o Programa de obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega, dirixidos a manter viva a nosa identidade e a promover a nosa cultura na Galicia exterior.

A raíz da situación excepcional creada pola pandemia da COVID-19, a Secretaría Xeral da Emigración abriu na convocatoria de 2021 a posibilidade de realizar os obradoiros en liña, na modalidade de formación virtual, para permitir que as persoas galegas no exterior seguisen accedendo ao coñecemento do patrimonio inmaterial de Galicia e mantendo os vínculos coa nosa cultura mesmo en momentos de illamento social. Esta posibilidade continuou en 2022 e consolídase nesta nova convocatoria, dada a valoración positiva da experiencia realizada por todas as partes implicadas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aqueloutras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións (código de procedemento PR923C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2023.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar á organización dos obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude.

3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude no cal veñan desenvolvendo esas actividades.

4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Artigo 3. Características do programa

1. O programa de obradoiros ten como finalidade potenciar as nosas tradicións e costumes, promover a nosa cultura, manter viva a nosa identidade e posibilitar que os galegos e galegas que residen no exterior conserven os seus vínculos con Galicia.

Os diferentes obradoiros poderán desenvolverse de xeito presencial ou como aula virtual, e as entidades deberán optar por unha ou outra na solicitude de participación.

Os obradoiros presenciais desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

Os obradoiros virtuais realizaranse a través dunha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactuarán conforme as necesidades das persoas participantes co fin de optimizar a aprendizaxe. As entidades beneficiarias responsabilizaranse da súa organización e de elixir a plataforma dixital a través da cal se levarán a cabo.

2. O profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración, de conformidade co establecido nesta resolución, por proposta da entidade ou de oficio, conforme o previsto na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para elaborar as listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para inscribir as persoas candidatas (DOG núm. 37, do 21 de febreiro); unha mesma persoa non pode ser designada para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade.

As entidades poderán propor un profesor/a incluído nas listas para que imparta o correspondente curso. Así mesmo, para atender os supostos de non haber formadores/as dispoñibles nas listas na modalidade solicitada, tamén poderán propoñer profesorado non incluído nelas. Estas últimas propostas deberán acompañarse dun currículo que as avale.

No caso de non dispor de persoas formadoras nas listas nin ter recibido proposta da entidade, a Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia, poderá designar profesorado entre profesionais que sexan referentes nas respectivas modalidades.

3. As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades indicadas no artigo 4.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade de maneira consecutiva nos dous últimos anos.

Artigo 4. Modalidades e características específicas dos obradoiros

1. O programa consta das seguintes modalidades de obradoiro:

a) Obradoiros de folclore:

1º. Obradoiros de baile.

2º. Obradoiros de gaita.

3º. Obradoiros de percusión.

4º. Obradoiros de pandeireta e canto.

b) Obradoiros de artesanía:

1º. Obradoiros de encaixe de palillos.

2º. Obradoiros de confección de traxes tradicionais.

c) Obradoiros de cociña galega.

d) Seminarios de cultura galega.

2. As características específicas de cada modalidade de obradoiro son as seguintes:

a) Obradoiros de folclore e artesanía:

Terán unha duración de 40 horas e, se son presenciais, desenvolveranse nun máximo de 15 días consecutivos, axustando o seu horario ás necesidades das persoas solicitantes.

O alumnado proposto non será inferior a 15 persoas, salvo casos excepcionais debidamente xustificados, tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

Terán unha duración de 20 horas e desenvolveranse nun máximo dunha semana, axustando o seu horario ás necesidades das persoas solicitantes.

O alumnado proposto non será inferior a 20 persoas.

Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

Na modalidade de formación presencial, e sempre que as circunstancias o permitan, realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega

Terán unha duración de 20 horas e desenvolveranse nun máximo dunha semana, axustando o seu horario ás necesidades das persoas solicitantes.

O alumnado proposto non será inferior a 30 persoas e os seus contidos promoverán o achegamento á realidade sociocultural de Galicia.

Artigo 5. Financiamento

1. As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto.

2. Para a realización dos obradoiros resérvase un crédito de 150.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Gastos subvencionables e contías

1. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

a) Remuneración do profesorado, que inclúe a elaboración e impartición de contidos; establécense as seguintes contías por curso realizado:

1º. Cursos impartidos en España e Portugal: 1.400 euros.

2º. Cursos impartidos no resto de Europa, América e Oceanía: 1.600 euros.

3º. Cursos impartidos de xeito virtual: 1.600 euros.

b) Desprazamento do profesorado ao lugar de realización do curso:

Aboarase o billete de ida e volta ao lugar de realización do curso nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía da indemnización será de 0,20 euros por quilómetro.

c) Custo de ata 2.000 euros para materiais artesáns específicos, que non se atopen fóra de Galicia e sexan necesarios para desenvolver os obradoiros.

d) Custo de ata 900 euros para adquirir alimentos nos obradoiros de cociña presenciais. No suposto de obradoiros virtuais, o custo máximo será de 400 euros.

2. Pola súa parte, as entidades beneficiarias faranse cargo dos seguintes gastos:

a) Gastos de estadía e manutención do profesorado en lugar e condicións adecuados, cando o obradoiro se desenvolva de xeito presencial.

b) Traslados do profesorado dentro da cidade onde teña lugar o curso, no caso da modalidade presencial.

c) Derivados da xestión e dotación das instalacións.

d) De subministración doutro material funxible necesario.

3. A Secretaría Xeral da Emigración indemnizará con 100 euros o profesorado que fose nomeado para impartir un seminario que se anulase por causas que non lle fosen imputables e se lle comunicasen dentro do prazo dos 90 días previos á data de realización prevista.

Artigo 7. Concorrencia con outras axudas ou subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades con sede social en España presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español poderán presentar as solicitudes por medios electrónicos ou de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) e en Montevideo (Uruguai), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, tendo en conta que as entidades destinatarias destas subvencións están situadas en múltiples países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable en cada un e con características legais, técnicas e funcionais distintas, non asimilables á situación vixente en Galicia, que imposibilitan ou impiden a presentación electrónica de solicitudes. O medio de presentación elixido manterase para calquera tipo de relación coa Secretaría Xeral da Emigración ata que remate o procedemento.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada das persoas preinscritas para cada modalidade de obradoiro solicitada, segundo o modelo do anexo II, na cal constarán apelidos e nome, documento identificativo ou pasaporte, idade e orixe galega dos participantes; e na cal se fará constar que a entidade conta coa súa autorización para a cesión dos datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar esta convocatoria.

No caso de optar pola formación virtual, deberase indicar unha conta de correo electrónico por cada persoa participante.

Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade recollidos no artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, poderanse recoller experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web http://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes.

Así mesmo, as persoas participantes nos obradoiros poden autorizar que se lles remita información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

b) Currículo da persoa formadora proposta, no suposto de que non estea incluída na lista de persoas formadoras elaborada ao abeiro da Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración.

c) Memoria da actividade cos seguintes contidos:

1º. Obradoiros de folclore e artesanía (anexo III):

1.1. Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do persoal directivo, profesorado ou axudantes responsables do obradoiro, grupo ou escola.

1.2. Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

1.3. As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

1.4. No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos tres últimos anos.

1.5. Para os obradoiros de artesanía, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e as actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

2º. Obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega (anexo IV):

2.1. Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

2.2. Instalacións, dotacións e descrición do material preciso.

2.3. Actividades de difusión da cociña e da cultura galegas realizadas nos tres últimos anos e oportunidade da actividade proposta.

d) Certificado de residencia fiscal emitido en 2023 polas autoridades competentes do país de residencia, no suposto de entidades que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español.

2. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I faranse constar as seguintes declaracións:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade da solicitada ao abeiro desta resolución.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que se está ao día no pagamento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non se ten pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Que a entidade solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

h) Que consta na entidade o consentimento por escrito de todas as persoas participantes para que se lle tomen e difundan imaxes súas con motivo da súa participación nas actividades obxecto desta convocatoria.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

4. As entidades con sede social en España e aqueloutras que así o elixisen, ao abeiro do artigo 8.2, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente.

Se algunha destas entidades presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Consonte o disposto no artigo 8.2 da convocatoria, excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español que presenten a solicitude de xeito presencial poderán presentar a documentación complementaria por esta mesma vía en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Instrución e resolución do procedemento

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de comunidades galegas.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, en execución do disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse a entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

5. Unha vez efectuada a avaliación, o órgano instrutor, á vista do expediente e do informe emitido pola Comisión de Valoración prevista no artigo 13, formulará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada.

Esta proposta notificarase ás entidades interesadas mediante a súa publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (http://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de dez días presenten as alegacións oportunas.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas entidades interesadas, formularase a proposta de resolución definitiva, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

6. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración resolverá esta convocatoria dentro das dispoñibilidades orzamentarias ditando as resolucións que procedan, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de tres meses contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación resultante e a axuda proposta tras aplicar a cada unha delas os criterios previstos no artigo 14.

2. A Comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliaraas conforme os seguintes criterios:

a) Número de persoas preinscritas para o obradoiro (ata 20 puntos):

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

b) Número de persoas galegas preinscritas para o obradoiro (ata 30 puntos):

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

c) Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos):

– Obxectivos que se perseguen coa realización do seminario: ata 10 puntos.

– Instalacións propostas e material con que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

c.1) No caso de solicitudes de obradoiros de folclore:

– A maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

c.2) No caso de solicitudes de obradoiros de cociña, artesanía e seminarios de cultura galega:

– A maior antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña, cultura galega e participación en feiras artesanais: ata 10 puntos.

Non se adxudicarán cursos que non obteñan unha puntuación mínima de 20 puntos e, en caso de empate nas puntuacións, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

2. Co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de obradoiros da mesma modalidade.

En primeira adxudicación concederase a organización dun obradoiro por entidade. No suposto de haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, concederanse, en primeiro lugar e seguindo a orde de puntuación, a aqueles centros que leven máis tempo sen obter axuda da Secretaría Xeral de Emigración para a organización dun obradoiro.

De alcanzar o crédito previsto nesta resolución e ata o seu esgotamento, poderase incrementar consecutivamente o número de cursos concedidos a cada entidade seguindo a orde de puntuación.

3. Para a concesión dos obradoiros será necesaria a adecuación das instalacións e dotacións previstas na solicitude para a súa organización. Quedarán excluídas as propostas de organización de obradoiros daqueles centros que, a criterio da Secretaría Xeral da Emigración, non poidan asegurar condicións adecuadas para o seu desenvolvemento.

4. No contexto actual de incerteza económica e enerxética mundial consecuencia do conflito internacional derivado da guerra de Ucraína, a Secretaría Xeral da Emigración poderá decidir a non realización de obradoiros presenciais se os prezos dos billetes para o desprazamento superasen a contía de 2.300 euros por obradoiro e comprometesen o desenvolvemento do programa. Nestes supostos, ofrecerase á/ás entidade/s afectadas que o obradoiro pase a realizarse na modalidade virtual.

5. Concluída a valoración, a comisión emitirá un informe concretando o resultado da avaliación efectuada conforme o previsto nos números anteriores.

Artigo 15. Publicación e notificación

1. Publicaranse na páxina web http://emigracion.xunta.gal, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como a proposta provisional de resolución.

A eficacia dos citados actos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación. O cómputo dos prazos efectuarase, en todo caso, desde a publicación dos actos na páxina web indicada e non desde a súa comunicación.

2. As resolucións serán notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, publicaranse na páxina web http://emigracion.xunta.gal

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Excepcionalmente, no caso das entidades domiciliadas fóra do territorio español, de acordo co previsto no artigo 8.2 desta convocatoria, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos; non obstante, poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por este medio.

A entidade interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades con sede social en España deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Excepcionalmente, as entidades domiciliadas fóra do territorio español tamén poderán realizar trámites posteriores accedendo á Carpeta cidadá e, opcionalmente, poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as entidades beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano que a concede.

b) Recoller por escrito o consentimento do alumnado proposto para participar nos obradoiros para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a axuda relativa á correspondente convocatoria e indicar expresamente na solicitude que contan con el (anexo II).

c) Facerse cargo dos gastos derivados da realización da actividade que se recollen no artigo 6.2.

d) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información relativas aos obradoiros realizados, a condición de subvencionados pola Xunta de Galicia.

e) Informar o público de que a actividade está financiada pola Xunta de Galicia. No suposto de obradoiros presenciais, colocarase no lugar de realización, nun sitio destacado e visible, un cartel informativo dun tamaño mínimo A3, no cal apareza o anagrama da Xunta de Galicia.

f) Remitir á Secretaría Xeral da Emigración, no prazo dun mes desde o remate do obradoiro, unha memoria informativa e acreditativa do seu desenvolvemento (anexo V) e, no suposto de obradoiros presenciais, achegar fotografías que acrediten a publicidade do financiamento público conforme o previsto na letra anterior.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos obradoiros comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do curso correspondente.

Artigo 18. Pagamento

Os gastos que, de conformidade co previsto no artigo 6, deban ser asumidos pola Secretaría Xeral da Emigración aboaranse unha vez que esta comprobe que as actividades se desenvolveron conforme o establecido nesta resolución, agás no suposto de obradoiros de cociña galega, os previstos para compra de alimentos na letra d) do artigo 6.1, dos que se anticipará ata o 80 % unha vez nomeada a persoa que se encargará da súa impartición.

O prazo para a xustificación do gasto é dun mes contado desde o remate do obradoiro e, en todo caso, dentro do exercicio correspondente ao ano da convocatoria.

Artigo 19. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria, nos termos e supostos previstos no artigo 33 da dita lei.

Para establecer a contía do reintegro, considerarase como cantidade recibida o importe equivalente aos gastos realizados para a realización do obradoiro ou obradoiros de que se trate, conforme o establecido no artigo 6.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file