Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2023 Páx. 20839

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923C).

BDNS (Identif.): 683178.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar á organización de obradoiros deste programa as entidades que estean inscritas no Rexistro da Galeguidade.

2. Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan constituídos grupos ou escolas de folclore da modalidade solicitada cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude.

3. Os obradoiros de artesanía están dirixidos ás entidades que teñan un taller cun ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, en que veñan desenvolvendo esas actividades.

4. Os obradoiros de cociña galega e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior, dirixido ás persoas asociadas galegas e á súa descendencia, así como a aqueloutras interesadas no feito cultural de Galicia que participen nas actividades destas asociacións (código de procedemento PR923C).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de obradoiros de folclore, artesanía, cociña galega e seminarios de cultura galega en entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR923C).

Cuarto. Importe

Para realizar os obradoiros resérvase un crédito de 150.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023.

De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración