Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 2023 Páx. 20919

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2023 pola que se convoca o curso monográfico Economía política e estabilidade orzamentaria.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia, recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Economía política e estabilidade orzamentaria, de acordo coas bases que se indican a seguir.

Primeira. Obxectivos e contidos

A presente actividade ten como obxectivo principal estudar e analizar os conceptos básicos sobre as políticas públicas relacionadas co principio de estabilidade orzamentaria.

Neste curso monográfico abordaranse, entre outros, os seguintes contidos:

• A estabilidade orzamentaria: conceptos.

• A estabilidade orzamentaria no debate das ideas económicas. Secuencia histórica.

• As contas públicas e os obxectivos da política económica.

• O gran debate sobre as regras: regras mellor que discrecionalidade?

• As regras e a Eurozona.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local e das universidades do Sistema universitario de Galicia, que se encadre nalgunha das seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) de persoal funcionario.

• Grupos I e II de persoal laboral.

Exceptúase o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o persoal das escalas dos corpos da Policía de Galicia e bombeiros, e o persoal do Servizo Galego de Saúde. Non se entende por tal o persoal empregado público da escala de saúde pública e Administración sanitaria, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Datas: 10, 11, 17 e 18 de abril de 2023.

Modalidade: presencial.

Horario: de tarde.

Horas lectivas: 12.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Corenta (40).

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso monográfico Economía política e estabilidade orzamentaria.

4. Aquelas persoas solicitantes que non pertenzan á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou ás súas entidades públicas instrumentais deberán achegar ao enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal> a documentación acreditativa do grupo ou subgrupo profesional a que pertencen. A non presentación desta documentación no prazo de matrícula establecido nesta convocatoria suporá a exclusión da persoa solicitante.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 3 de abril de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente, incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular, e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas; en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible, en todo caso e como máximo o día 5 de abril de 2023, ata as 12.00 horas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización. Nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública