No Diario Oficial de Galicia (DOG) do 29 de decembro de 2022 publicouse o Anuncio do 28 de decembro polo que se convoca o proceso selectivo para a cobertura, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, dun técnico superior, licenciado en Ciencias Económicas (categoría 004 do grupo I), con destino na Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.
Consonte a indicación do anuncio, as bases do proceso de selección e os sucesivos anuncios desta convocatoria publícanse no enderezo electrónico e no taboleiro de anuncios da Axencia Galega da Calidade Alimentaria: https://mediorural.xunta.gal/gl/conselleria/organismos-adscritos/axencia-galega-da-calidade-alimentaria/documentacion
O prazo de presentación das solicitudes, de 20 días hábiles, iniciouse o 16 de xaneiro de 2023, ás 00.00.00 horas, e rematou o 10 de febreiro de 2023 ás 23.59.59. Transcorrido este prazo, de acordo coa prescrición do artigo 7 das bases, o día 1 de marzo de 2023 publicouse a lista provisional de admitidos e excluídos, así como a lista de aspirantes pendentes de acreditar a posesión do título Celga 4, e abriuse un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación, para a presentación de emendas. Rematado o prazo outorgado sen constar ningunha emenda, cómpre publicar a lista definitiva.
Por todo o exposto, o presidente da Axencia, no exercicio das competencias previstas no artigo 13 do Decreto 52/2018, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos,
RESOLVO:
Primeiro. Aprobación das listas definitivas
Aprobar e publicar as listas definitivas de aspirantes admitidos (anexo 1) e excluídos (anexo 2) para cubrir, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso oposición, a praza de persoal laboral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria identificada no Decreto 79/2022, do 25 de maio.
(1) Técnico superior (licenciado en Ciencias Económicas).
Xerencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Santiago de Compostela).
Grupo I.
Segundo Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Impugnación
Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ante o presidente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, nos termos previstos nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023
José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria