Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 30 de marzo de 2023 Páx. 21226

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do Acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral no ámbito do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela.

Visto o texto da acta do acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral no ámbito do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, que se subscribiu con data do 27 de decembro de 2022, entre a representación da Universidade de Santiago de Compostela e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CC.OO., CIG, CIUS, CSIF e UGT, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2 y 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2023

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Acordo para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento
da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario
e para o establecemento do complemento de desempeño do persoal
laboral no ámbito do persoal de administración e servizos
da Universidade de Santiago de Compostela

O Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP), establece como dereito individual a promoción profesional definindo a carreira como o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional conforme os principios de igualdade, mérito e capacidade.

Xa que logo, o TREBEP é norma básica e deixa ás leis de función pública das CC.AA., a regulación e desenvolvemento do seu propio esquema de carreira, Galicia, na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, desenvolve no capítulo II do título VI, a promoción profesional e a avaliación do desempeño. En concreto, o artigo 77 regula a carreira horizontal para o persoal funcionario de carreira, supeditando a súa aplicación ao seu desenvolvemento regulamentario.

En ausencia dese regulamento, a disposición transitoria oitava da Lei 2/2015 establece a posibilidade de desenvolver un sistema transitorio de recoñecemento da progresión da carreira administrativa, complementario ao grao persoal e configurado como unha retribución adicional ao complemento de destino.

Pola súa banda, para o persoal laboral cómpre establecer un complemento equivalente ao establecido para o persoal funcionario e que, acolléndonos á denominación prevista para o persoal laboral da Xunta de Galicia, se nomeará complemento de desempeño e que se configura en contía e condicións equivalentes.

A Universidade de Santiago de Compostela non implantou ningún dos complementos mencionados a diferenza doutras administracións territoriais e universitarias. O desenvolvemento dun sistema de carreira profesional para o persoal funcionario e do complemento de desempeño análogo para o persoal laboral, require dun deseño que permita avaliar e recoñecer a progresión profesional no posto, adaptado ás singularidades dos grupos e categorías profesionais existentes. Este proceso, que require dun tempo para a súa reflexión e negociación coa representación do persoal, non impide a posta en marcha dun sistema transitorio nos mesmos termos que outras administracións, como a Xunta de Galicia. Con esta finalidade, subscríbese este acordo que permite o acceso ao grao I de xeito transitorio.

Este acordo divídese en tres seccións, a primeira relativa ás disposicións xerais, a segunda sobre o acceso transitorio ao grao I e a última coas disposicións relativas á Comisión de Seguimento, a negociación do sistema ordinario de carreira profesional e a vixencia do acordo.

No uso das competencias atribuídas polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e pola Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos, o xerente en representación da Universidade de Santiago de Compostela e as organizacións sindicais CC.OO., CIG e FeSP-UGT, subscribiron o 27 de decembro de 2022 o seguinte,

ACORDO:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste acordo é articular o sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa do persoal funcionario e o establecemento do complemento de desempeño do persoal laboral, ambos os dous no ámbito do persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, o procedemento de acceso transitorio ao grao I do persoal de administración e servizos (en diante, PAS) da USC.

Artigo 2. Ámbito subxectivo

Este acordo é de aplicación ao seguinte persoal:

a) Persoal funcionario de carreira.

b) Persoal funcionario interino.

c) Persoal laboral fixo.

d) Persoal laboral temporal.

Artigo 3. Complemento retributivo

O grao I que se articula de xeito transitorio neste acordo aboarase mediante unha retribución complementaria de carácter fixo para o corresponden corpo, escala ou especialidade no suposto do persoal funcionario e como un complemento de desempeño no suposto do persoal laboral.

As contías anuais que se perciban por esta retribución devindicaranse en 12 mensualidades coa seguinte contía:

Grupo/Subgrupo

Complemento en termos anuais do grao I

Grupo 1/A1

2.627,96 €

Grupo 2/A2

1.839,18 €

Grupo 3/C1

1.186,09 €

Grupo 4/C2

1.006,68 €

Estas contías serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal do sector público.

O complemento percibirase, en todo caso, na situación de servizo activo.

Artigo 4. Efectos económicos

En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional correspondente ao grao I recoñecido terá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:

– En 2023 o 50 %, que poderá aumentar ata o 60 % no suposto de que no último trimestre se constate que non se executou nos termos previstos a partida do Plan de PAS dos orzamentos. Esta avaliación realizarase antes do 30 de outubro, unha vez elaborado o peche provisional de contas.

– En 2024, sempre que as dispoñibilidades económicas e legais o permitan, o restante ata completar o 100 %.

Artigo 5. Requisitos xerais de acceso ao grao I no sistema transitorio

O persoal incluído no ámbito de aplicación deberá cumprir os seguintes requisitos:

– Estar en situación de servizo activo. O grao que se recoñecerá será o correspondente ao grupo ou subgrupo de pertenza na dita data. Para os efectos de completar o período de permanencia, computarase o tempo transcorrido na situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza.

– Ter a condición de persoal de administración e servizos na USC o 31.12.2022 cunha antigüidade de 5 anos.

– Acreditar de conformidade co previsto na convocatoria que non foi obxecto de sanción disciplinaria nos últimos 5 anos ou que, de existir, xa estea prescrita.

– Cumprir algún dos requisitos específicos previstos para o acceso ao grao I no artigo 9.

Artigo 6. Procedemento

No primeiro trimestre de 2023 realizarase unha convocatoria na que o persoal de administración e servizos da USC disporá dun prazo de presentación de solicitudes de forma electrónica a través dun modelo normalizado dispoñible no Catálogo de procedementos da sede electrónica da Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 7. Valoración das solicitudes

A Xerencia estimará as solicitudes tras comprobar o cumprimento dos requisitos. No caso de apreciar a falta dalgún destes requisitos, requiriráselle á persoa solicitante para que os acredite no prazo que se estableza na convocatoria.

Artigo 8. Resolución

O prazo máximo de resolución é de 3 meses contado desde a data final de presentación das solicitudes.

Sección 2ª. Acceso transitorio ao grao I

Artigo 9. Requisitos específicos de acceso ao grao I no sistema transitorio

Para o réxime transitorio de acceso ao grao I, o persoal ao que lle é de aplicación este acordo, debe cumprir algún dos seguintes requisitos específicos:

a) Formación recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos por escolas, centros ou organismos oficiais, cursos ofertados no marco dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas e cursos impartidos por organizacións sindicais sempre que estean homologados por organismos oficiais. Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valorarán módulos separados dun determinado curso.

A suma de todos os cursos debe acadar un mínimo de 40 horas.

Excepcionalmente, poderá acollerse a este criterio aquel persoal con máis de 20 anos de servizos prestados que non acade as 40 horas de formación, sempre que o xustifique na solicitude.

b) Formación impartida: nos mesmos supostos que na letra a) impartidos por empregados públicos que soliciten o acceso ao grao I. A suma de todos os cursos impartidos debe acadar un mínimo de 10 horas.

c) Realización de todos os cursos de doutoramento ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora, segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA), o título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, ou especialista universitario.

d) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

e) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo ou xefatura de sección ou postos de nivel equivalente.

f) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

g) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

h) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.

Sección 3ª. Desenvolvemento e seguimento do acordo

Artigo 10. Comisión de Seguimento

Constitúese unha Comisión de Seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes e pola Xerencia da Universidade de Santiago de Compostela, que a presidirá.

A Comisión de Seguimento reunirase por iniciativa da presidencia ou da maioría dos representantes da parte social.

Artigo 11. Sistema ordinario

No prazo de tres meses desde a sinatura deste acordo a Xerencia proporalle ás organizacións sindicais o calendario de negociación durante o ano 2023 para o sistema ordinario de recoñecemento da carreira administrativa e de recoñecemento do complemento de desempeño, co obxecto de realizar a súa implantación no ano 2024.

No suposto de que non se acorde o sistema ordinario, no seo da Comisión de Seguimento desenvolverase un sistema transitorio para acceder ao grao II que será de aplicación no ano 2024.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

E para que así conste, asinan o presente acordo as seguintes persoas, o 27 de decembro de 2022 en Santiago de Compostela.

En representación da Universidade:

Antonio Javier Ferreira Fernández

Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

En representación das organizacións sindicais:

Catuxa Lombao Vázquez

Comisións Obreiras (CC.OO.)

Xosefina Rosa Guitián Lema

Confederación Intersindical Galega (CIG)

José Ramón Bahamonde Hernández

Unión General de Trabajadores FeSP-UGT