Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21455

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 27 de marzo de 2023 pola que se modifica a Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado pola Orde do 6 de febreiro de 2014, regulou o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.

O sistema iniciou o seu funcionamento segundo o disposto na Resolución conxunta do 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento de Chave365, servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Esta resolución habilitou a alta en Chave365 electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia e presencialmente nas oficinas de rexistro que se habiliten para estes efectos.

A situación vivida nos últimos anos derivada da pandemia da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de simplificar os mecanismos de obtención de medios de identificación dixital para as persoas interesadas e, en particular, a necesidade de habilitar mecanismos que non exixan a súa presenza física.

A evolución actual das tecnoloxías de vídeo identificación permite utilizar estes sistemas para a verificación da identidade das persoas interesadas garantindo as condicións de seguridade necesarias.

Así, o Regulamento (UE) 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se derroga a Directiva 1999/93/CE, recolle a posibilidade de verificación da identidade da persoa solicitante dun certificado cualificado utilizando outros métodos de identificación recoñecidos a escala nacional que garantan unha seguridade equivalente en termos de fiabilidade á presenza física.

A normativa estatal desenvolveu esta opción na Lei 6/2020, do 11 de novembro, reguladora de determinados aspectos dos servizos electrónicos de confianza, e na Orde ETD/465/2021, do 6 de maio, pola que se regulan os métodos de identificación remota por vídeo para a expedición de certificados electrónicos cualificados.

Polo tanto, cómpre adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para incorporar sistemas de identificación remota que faciliten a alta no sistema e simplifiquen os procedementos de xestión.

Por outra banda, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 9 que a Xunta de Galicia determinará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes e mais as entidades galegas asentadas fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables, con especial atención ás medidas necesarias para asegurar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas suficientes para o acceso a tales servizos públicos dixitais.

Así mesmo, as persoas estranxeiras non residentes en España atopan moitas dificultades para obter medios de identificación e sinatura que lles permitan relacionarse electronicamente coas administracións naqueles procedementos en que poden actuar como persoas interesadas.

Para facilitar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas considérase necesario adaptar o sistema de claves concertadas Chave365 para axustalo ás necesidades de cidadáns e cidadás non residentes e abrir, ademais, a posibilidade de utilizalo por persoas estranxeiras non residentes en España.

A experiencia acumulada desde a entrada en vigor da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, fai necesario introducir algúns cambios ou melloras que repercutan nun máis áxil funcionamento.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia. Así mesmo, o procedemento de elaboración adecuouse ao disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, contando cos preceptivos informes favorables.

En consecuencia, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

O punto 1.2.1 do anexo da Orde do 6 de febreiro de 2014 pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, queda redactado da seguinte maneira:

«1.2.1. Claves concertadas.

1.2.1.1. Descrición do sistema de claves concertadas Chave365.

O sistema de claves concertadas Chave365 baséase nun mecanismo de clave disociada composta por tres partes diferenciadas: un identificador de persoa usuaria, unha clave de acceso -ou contrasinal- e códigos de sinatura dun só uso. A clave de acceso inicial e os códigos de sinatura xeraranse de forma automática e nunha contorna segura.

O identificador de persoa usuaria será o NIF para as persoas residentes en España, e un identificador no sistema para as persoas non residentes en España que non dispoñan de NIF.

A utilización do sistema de claves concertadas terá carácter voluntario. O consentimento das persoas interesadas para o uso deste sistema de sinatura producirase mediante o seu rexistro previo como usuarios ou usuarias, de conformidade co previsto neste protocolo.

A sede electrónica da Xunta de Galicia recollerá as actuacións electrónicas en que é posible o uso das claves concertadas como sistema de acceso e sinatura.

1.2.1.2. Procedemento de alta no sistema.

A persoa usuaria poderá solicitar na sede electrónica da Xunta de Galicia ou nas oficinas de rexistro habilitadas para ese efecto, que se publicarán na devandita sede, o uso do sistema de claves concertadas Chave365.

Para completar a alta no sistema será necesaria a verificación da identidade da persoa solicitante. Esta verificación poderá realizarse presencialmente nas oficinas de rexistro habilitadas, na sede electrónica utilizando un certificado recoñecido, por medios de vídeo identificación ou por outros medios que ofrezan garantías equivalentes.

En caso de verificación positiva, desencadearase un proceso automatizado que xerará e comunicará unha clave de acceso que será enviada ao teléfono móbil da persoa solicitante do servizo. Alternativamente, poderanse empregar outros mecanismos que resulten proporcionais e seguros para realizar esta comunicación.

1.2.1.3. Uso de Chave365 como mecanismo de identificación e sinatura.

A persoa usuaria utilizará o seu identificador e a clave de acceso para identificarse ante os sistemas para os que se habilitase o mecanismo de clave concertada.

O sistema poderá incorporar mecanismos adicionais que reforcen a verificación da identidade no acceso ao sistema.

O sistema limitará o número de intentos errados de acceso dunha persoa usuaria, bloqueándoo automaticamente en caso de superalo.

Nos supostos onde a tipoloxía do procedemento ou actuación así o permita, de conformidade co disposto no Esquema Nacional de Seguridade, o cidadán ou cidadá poderá empregar o seu identificador e a clave de acceso para a sinatura electrónica dunha actuación concreta.

En virtude das garantías e medidas de seguridade adecuadas á natureza e circunstancias dos trámites e actuacións, habilitaranse mecanismos adicionais de seguridade no momento da sinatura:

– O procedemento xeral consistirá no emprego dun código de sinatura dun só uso que se enviará ao teléfono móbil ou correo electrónico da persoa usuaria no momento da sinatura. Este código xerarase e será comunicado de forma automática, e permitirá asinar a actuación en cuestión. Será un código dun só uso e terá unha duración máxima de 24 horas. O sistema limitará o número de intentos errados de sinatura da actuación, e bloqueará a persoa usuaria en caso de superalo.

– O sistema acreditará a correcta realización dos trámites ou actuacións. Igualmente, deberá quedar constancia do emprego deste mecanismo no documento asinado.

– Poderán habilitarse outros mecanismos alternativos ao procedemento xeral que garantan as mesmas condicións de seguridade, integridade e non repudio.

1.2.1.4. Procedemento de modificación de datos ou baixa no sistema.

As persoas usuarias poderán solicitar, ante as oficinas de rexistro habilitadas ou de forma electrónica, a baixa no servizo de claves concertadas ou a modificación dos datos asociados.

1.2.1.5. Período de validez.

A validez do mecanismo de claves concertadas será dun máximo de catro anos desde a verificación da identidade. Transcorrido o devandito período, será necesario solicitar unha nova alta utilizando algún dos mecanismos establecidos no procedemento de alta inicial. Para evitar períodos sen servizo, a renovación a través dunha nova alta poderá solicitarse con antelación á data de caducidade.

1.2.1.6. Garantías de funcionamento.

As características do sistema garantirán o seu funcionamento conforme os criterios de seguridade, integridade e non repudio previstos na normativa vixente e de acordo coas opcións tecnolóxicas dispoñibles en cada momento.

Estableceranse exixencias rigorosas de calidade e renovación da clave de acceso. A sede electrónica da Xunta de Galicia permitirá ás persoas usuarias do sistema a modificación da súa clave de acceso.

No suposto de bloqueo dunha persoa usuaria, poderá desbloqueala e rexenerar a clave de acceso previa verificación da súa identidade. Esta verificación poderá realizarse presencialmente nas oficinas de rexistro habilitadas, na sede electrónica utilizando un certificado recoñecido, por medios de vídeo identificación ou por outros medios que ofrezan garantías equivalentes».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública