Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Venres, 31 de marzo de 2023 Páx. 21460

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (código de procedemento PR925A).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do devandito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Xunta de Galicia, en materia de emigración, establece como unha das súas áreas de actuación prioritaria a asistencia sociosanitaria digna para todas as persoas galegas residentes no exterior, mediante, entre outros, o programa de axudas económicas individuais. Este programa ten como obxectivo contribuír a paliar a carencia de medios económicos para poder afrontar as necesidades básicas de subsistencia e atención socio-sanitaria.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece no seu artigo 5 a asistencia e protección, por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración, pretende, nunha actuación coordinada co Estado español, consolidar unha política de atención e protección ás persoas galegas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade, coa finalidade de garantirlles o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais e estatutarios en termos de igualdade coas persoas españolas residentes en Galicia.

En consecuencia, convén realizar unha convocatoria de axudas para atender estas situacións, que se tramitará na modalidade de concorrencia non competitiva, prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e establecer uns requisitos e criterios básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal forma que garantan a súa obxectividade e non se xeren expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, da situación a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos destinados a ela.

Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, estaren dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro nos que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubriren as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as devanditas axudas para o ano 2023 (código de procedemento PR925A).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 9.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:

a) para as axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante, o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida fose beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.

b) para as axudas por situacións de precariedade no seo da unidade familiar, un dos membros desa unidade familiar, sempre e cando o falecemento do solicitante se produza en data posterior ao día en que finalice o prazo para a presentación das solicitudes e anterior á formulación da proposta de resolución do programa polo órgano instrutor, e o solicite dentro dese período á Secretaría Xeral da Emigración, con indicación expresa do seu compromiso de asumir as obrigas dispostas nesta convocatoria para os beneficiarios.

4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Requisitos xerais das persoas solicitantes

1. Sen prexuízo da necesidade de cumprir e acreditar os requisitos específicos que se indican para cada un dos supostos de axuda nos seguintes artigos, para acceder a estas axudas as persoas solicitantes deben reunir os requisitos xerais que se sinalan a seguir:

a) A condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.

b) Estar inscritas como residentes no Rexistro de Matrícula Consular nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria, e vivir nese país polo menos desde 3 meses antes ao día de remate do prazo de presentación das solicitudes.

c) Carecer de rendas ou ingresos suficientes.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

Malia o disposto no parágrafo anterior, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

d) Carecer de patrimonio suficiente.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no punto anterior en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas nese punto en cómputo anual.

e) Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigadas a prestarlles asistencia.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4. Axudas para paliar situacións de precariedade socioeconómica na unidade familiar

Poderán solicitar as axudas para este fin as persoas que cumpran, ademais dos requisitos xerais previstos no artigo 3.1, os seguintes:

1. Os residentes nun país iberoamericano co cal o Estado español non teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social: ter 70 anos feitos e uns ingresos por calquera concepto da unidade económica familiar inferiores ao 25 % da contía prevista no artigo 3.1.c).

2. Os residentes nun país iberoamericano co cal o Estado español teña asinados convenios bilaterais en materia de seguridade social: presentar un informe social que avale tal situación.

Artigo 5. Axudas para contribuír á atención de necesidades de carácter sociosanitarias

Poderán solicitar este tipo de axudas as persoas que cumpran os requisitos xerais previstos no artigo 3.1 e se encontren nalgún dos seguintes supostos:

1. Que o propio solicitante ou algún dos integrantes da súa unidade familiar padeza unha enfermidade grave e careza da correspondente cobertura para o seu tratamento ou atención, ou ben se atope nunha situación de dependencia que faga necesarios coidados e asistencia por parte doutra persoa.

Entenderase por situación de dependencia o estado de carácter permanente en que se encontran as persoas que, por razóns derivadas da idade, enfermidade ou discapacidade ligadas á falta ou perda de autonomía física, mental, intelectual ou sensorial, precisen da atención doutra ou doutras persoas ou axudas importantes para realizar as actividades básicas da vida diaria ou, no caso das persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, doutros apoios para a súa autonomía persoal.

As actividades básicas da vida diaria son as tarefas máis elementais da persoa que lle permiten desenvolverse cun mínimo de autonomía e independencia e que están referidas ao coidado persoal, aos labores domésticos básicos, á mobilidade esencial e ás funcións básicas mentais ou intelectuais.

2. Ter entre 18 e 65 anos e encontrarse en situación de invalidez ou enfermidade permanente que lle incapacite para o desenvolvemento de calquera tipo de actividade laboral.

3. Ter feitos os 65 anos e padecer unha enfermidade crónica que requira dun tratamento continuado para o cal careza de cobertura suficiente.

Artigo 6. Axudas para as mulleres que sufran violencia de xénero

Poderán solicitar as axudas deste suposto as mulleres maiores de idade ou menores emancipadas que cumpran os requisitos xerais do artigo 3.1 e acrediten sufrir unha situación de violencia de xénero no ano anterior ao da convocatoria.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal.

Artigo 8. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de trinta (30) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, e de conformidade co establecido no artigo 32 da LPACAP, a Secretaría Xeral da Emigración, por razóns xustificadas, poderá ampliar o prazo de presentación de solicitudes mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Acreditación da condición de persoa galega residente no exterior

A condición de persoa galega residente no exterior deberase acreditar mediante a presentación da seguinte documentación:

a) A nacionalidade española, mediante o pasaporte español en vigor ou certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que a acredite. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

2. Ter vinculación con calquera concello galego no PERE e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no número 1 da letra b). A vinculación cun concello galego no PERE deberá estar acreditada de forma actualizada para o ano da convocatoria e non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que a dita incapacidade impida a inscrición no dito padrón.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. Para acreditar o cumprimento dos requisitos xerais, as persoas solicitantes achegarán coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación (salvo que resultasen beneficiarias do programa en 2022, suposto en que esta poderá ser substituída, para os casos das alíneas d), e), f), g) e h), por unha declaración responsable segundo o anexo II, nos termos establecidos no artigo 69 da LPACAP):

a) Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, se é o caso.

b) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

c) No caso de que a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar deberá presentar, ademais, un xustificante do custo mensual do dito centro.

d) Documentación xustificativa oficial na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

De non existir no país de residencia a posibilidade de obter a documentación xustificativa oficial mencionada, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

e) Se é o caso, documentación que acredite a convivencia familiar.

f) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou mediante constancia en documento público. No caso de teren fillos/as en común, abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.

g) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación rexistral.

h) Se presenta solicitude como emigrante galego/a ou fillo/a de emigrante galego/a (artigo 2.1) ou presenta solicitude como neto/a de emigrante galego/a (artigo 2.2):

– Pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

– Documentación acreditativa da condición de persoa galega residente no exterior, de conformidade co establecido no artigo 9: documento oficial que acredite o lugar de nacemento en Galicia; certificado de nacemento que acredite a nacionalidade española; documento oficial que acredite que a última veciñanza administrativa en España foi en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos; certificado ou acreditación de ter un ano de residencia continuada en Galicia (neto/a).

– Documentación que acredite que é descendente ata o primeiro grao de consanguinidade (fillo/a) ou segundo grao (neto/a) de emigrante galego/a ou da persoa residente en Galicia máis de dez (10) anos.

i) Se presenta solicitude como cónxuxe viúvo/a, parella de feito ou relación análoga ou como fillos/as (no caso de falecemento do/da emigrante galego/a, do/da seu/súa fillo/a ou do/da seu/súa neto/a) (artigo 2.3.a):

– Documento público que acredite a identidade da persoa solicitante.

– Documentación acreditativa dos requisitos da persoa falecida (emigrante galego/a, fillo/a de emigrante ou neto/a galego/a).

– Certificado ou outros documentos xustificativos da filiación ou matrimonio, parella de feito coa persoa falecida.

– Certificado oficial de defunción.

j) Se é o caso, outros documentos xustificativos que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Para os efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos específicos dos distintos supostos de axuda, as persoas solicitantes presentarán a seguinte documentación:

2.1. Para acceder ás axudas orientadas a paliar a situación de precariedade no seo da unidade familiar do artigo 4.2: un informe social emitido por un organismo oficial de ampla traxectoria no eido asistencial ou sanitario que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa as súas condicións de vida e conclúan cunha valoración concreta acerca da suposta situación de precariedade. Se nalgún país resulta imposible ou moi difícil dispoñer dun informe oficial dese estilo, o órgano instrutor arbitrará outro medio alternativo que permita acreditar a situación de precariedade.

2.2. Para acceder ás axudas previstas no artigo 5.1: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave emitido polo sistema público do país de residencia, ou un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, expedido polos servizos médicos dun centro de saúde público oficial do país de residencia ou dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.

2.3. Para poder obter ás axudas previstas no artigo 5.2: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia ou un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.

2.4. Para os casos de enfermidades crónicas previstos no artigo 5.3: un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.

2.5. Para os casos de violencia de xénero do artigo 6: unha sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe social emitido por un organismo oficial que acredite o padecemento da situación de violencia no ano anterior e/ou no mesmo ano da convocatoria.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que deberán ser solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para obter a axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Padrón de españois residentes no estranxeiro.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Réxime de concesión

1. As solicitudes presentadas para os supostos do artigo 4 tramitaranse na modalidade de concorrencia non competitiva, segundo o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as especiais características destas axudas, así como a dificultade obxectiva de realizar unha comparación ou prelación das solicitudes presentadas. O importe das axudas fixarase en función do número de solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias e non poderá superar a contía mínima das axudas que se concederán no resto dos supostos previstos nesta resolución, de conformidade co establecido no artigo 19.3 da citada lei.

2. O réxime de concesión das axudas económicas para os supostos dos artigos 5 e 6, tendo en conta as especiais características destas axudas, tramitarase igualmente polo procedemento de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, ben que nestes supostos o importe da axuda se outorgará en función da puntuación obtida ao aplicar os criterios de valoración establecidos no artigo 18 e da gravidade do suposto polo cal se solicita, en función da seguinte orde decrecente, segundo os artigos correspondentes a cada suposto: 6 (violencia de xénero), 5.2 (invalidez ou enfermidade permanente), 5.1 (dependencia ou enfermidade grave que precise de coidador/a) e 5.3 (enfermidades crónicas). Mediante a combinación destes dous criterios, e cos límites establecidos no artigo 14.2, determinarase, de xeito progresivo, o importe da axuda para todas as puntuacións de cada un dos supostos.

Artigo 14. Financiamento e límite das contías das axudas

1. Financiamento.

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 (accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2023.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de tres millóns cincocentos cincuenta e nove mil trescentos euros (3.559.300,00 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para os supostos do artigo 4.1, o crédito será de un millón cen mil euros (1.100.000,00 €).

– Para o suposto do artigo 4.2, o crédito será dun millón oitocentos mil euros (1.800.000,00 €).

– Para os supostos dos artigos 5 e 6, o crédito será de seiscentos cincuenta e nove mil trescentos euros (659.300 €).

De non esgotarse o total dalgún dos créditos anteriores, poderase asignar a contía sobrante a calquera dos outros supostos.

Os créditos iniciais poderán ser ampliados en función do previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou mesmo programa, ou derivadas dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou no suposto previsto no artigo 25.3 do citado decreto.

2. Límites mínimo e máximos das contías.

Para as persoas beneficiarias dos países que non teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español, a contía da axuda estará limitada cunha cota inferior a 150 € e unha cota superior a 450 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas é tal que a contía individual por axuda resulta inferior a 150 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade que solicitasen a axuda polo suposto do artigo 4.1 (axudas por encontrarse a unidade familiar en situación de precariedade), ata acadar o dito mínimo de 150 €.

A contía da axuda para as persoas beneficiarias de países que teñan asinados convenios en materia de seguridade social co Estado español estará limitada cunha cota inferior a 500 € e unha cota superior a 1.500 €. Non obstante, se o número de solicitudes admitidas é tal que a contía individual por axuda resulta inferior a 500 €, denegaríanse aquelas solicitudes correspondentes ás persoas de menor idade que solicitasen a axuda polo suposto do artigo 4.2 (axudas para paliar situacións de necesidade no seo da unidade familiar) ata acadar o dito mínimo de 500 €.

Artigo 15. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras, antes do 31 de decembro do ano desta convocatoria.

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

3. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. As axudas previstas no artigo 4 son incompatibles coa solicitude de axudas por outro suposto na mesma unidade económica familiar.

A axuda que se conceda corresponderase co suposto de maior gravidade, de ser da mesma gravidade, coa de maior puntuación e, se esta for a mesma, coa persoa solicitante de maior idade.

4. Cada persoa solicitante soamente poderá pedir unha axuda por un único suposto. De presentarse máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

5. Cando nunha mesma unidade económica familiar concorra máis dunha persoa beneficiaria, a contía das axudas será minorada nun 50 %, agás a do suposto de maior gravidade.

No caso de ser o mesmo suposto, minorarase a de menor puntuación e, de ser a mesma, a de menor idade.

Cando a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar, a contía máxima da axuda non superará a diferenza entre o custo do centro e os ingresos acreditados por ela.

En todo caso, non superará o importe previsto nesta resolución.

Artigo 16. Competencia e instrución

1. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da subdirección xeral competente en programas sociais que nomeará a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, coa colaboración, se é o caso, das comisións previstas no punto seguinte. Compete a esa comisión emitir un informe en que se concrete o resultado da avaliación de todas as solicitudes, coas contías das axudas correspondentes a aquelas persoas que cumpran os requisitos para ser beneficiarias, que se fixarán en función do disposto nos artigos 13, 14 e 18. Isto supón, determinar, en primeiro lugar, os importes das axudas para paliar a situación de precariedade da unidade familiar (artigo 4), e despois o resto, atendendo nestes casos á puntuación acadada en cada caso e a orde fixada no 13.2, e sempre dentro dos límites impostos polo artigo 14 e o crédito dispoñible.

3. A persoa titular da subdirección a quen se atribúe a instrución dos expedientes destas axudas poderá instar a constitución doutras dúas comisións para avaliar, en concreto, as solicitudes presentadas por persoas residentes en Arxentina e Uruguai. Nese suposto, cada unha delas estará integrada por tres persoas, dúas traballadoras da delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e en Montevideo, respectivamente, e a persoa titular da Delegación da Xunta nese país, que a presidirá. Corresponde ao persoal técnico das devanditas delegacións rexistrar e analizar as solicitudes que reciban, propoñer os requirimentos de documentación que consideren necesarios á Secretaría Xeral da Emigración, avaliar os expedientes para a súa aprobación pola respectiva comisión, e remitir o informe emitido pola mesma ao servizo competente en materia de programas sociais.

4. No suposto no que a persoa solicitante cometa un erro ao indicar o suposto de axudas ao que pretenda optar ou non cumpra os requisitos específicos para o tipo de axuda marcada, as comisión avaliadoras poderán dirixir esa solicitude ao suposto de axuda que corresponda segundo o cumprimento dos requisitos establecidos nesta convocatoria.

5. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá desistida da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da LPACAP, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

6. Os expedientes serán avaliados polas comisións segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 18 desta resolución para os distintos supostos. Posteriormente, o órgano instrutor, á vista do informe da comisión do punto segundo, elevará a proposta de resolución das solicitudes presentadas á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

7. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, ademais da competencia de resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria, ten a facultade de ditar cantas resolucións sexan precisas para cumprir co obxecto do programa de axudas económicas individuais destinadas a residentes no exterior.

Artigo 17. Tramitación

O procedemento para a tramitación e concesión das axudas que se convocan nesta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, e na LPACAP.

Artigo 18. Criterios de valoración para os supostos dos artigos 5 e 6

Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os que se sinalan a seguir, tendo en conta que a puntuación maior se corresponderá coas situacións de maior gravidade ou escaseza de medios, dentro duns tramos que establecerá a comisión avaliadora nomeada polo titular da Secretaría Xeral da Emigración para os distintos supostos.

1. Para os supostos dos artigos 5.1:

a) O grao de dependencia de terceiros/gravidade da enfermidade: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

2. Para o suposto do artigo 5.2:

a) O grao de autonomía: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

3. Para o suposto do artigo 5.3:

a) A estimación dos custos mensuais do tratamento: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

4. Para o suposto do artigo 6:

a) As cargas familiares da persoa solicitante, considerando para tal fin as persoas menores de vinte e catro (24) anos ou maiores desta idade discapacitadas que dependan economicamente da persoa solicitante: de 1 a 4 puntos.

b) Os ingresos económicos e o patrimonio de que dispón a persoa solicitante: de 1 a 3 puntos.

c) A idade da persoa solicitante: de 1 a 2 puntos.

Artigo 19. Resolución. Modificación da resolución de concesión. Pagamento e reintegro

1. O prazo máximo para resolver será de cinco (5) meses contados desde a publicación da convocatoria.

Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderanse entender desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a Secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

3. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión.

O medio de pagamento preferente será a transferencia bancaria. A tales efectos, a persoa solicitante cubrirá a epígrafe de datos bancarios do anexo I ou presentará un certificado bancario da conta da súa titularidade onde pretende que se lle abone o importe.

Cando no país se presenten dificultades para facer efectivo o pagamento mediante transferencias bancarias ou as circunstancias así o aconsellen, cabe empregar outros sistemas alternativos como poden ser as tarxetas prepagamento ou cheques nominativos.

O pagamento correspondente ás axudas de Arxentina e Uruguai poderá aboarse directamente a cada unha das persoas beneficiarias ou a unha conta da titularidade da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, que será a que se encargue de aboar a cada unha das persoas beneficiarias residentes neses países o importe correspondente.

A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes.

4. Procederán o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outra inobservancia considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda da realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que prevexa a normativa xeral da Xunta de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que considere precisas a Secretaría Xeral da Emigración para asegurar o cumprimento do contido e as condicións do programa.

2. Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lles corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino destas axudas.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptúase a Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de forma potestativa recurso de reposición, perante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de forma potestativa recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file