Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2023 Páx. 22069

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 26/2023, do 30 de marzo, polo que se convocan eleccións aos órganos de goberno das entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 27.dous da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúe á Comunidade Autónoma a competencia na organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións dos termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o réxime local correspondan á Comunidade Autónoma ao abeiro do artigo 149.1.18 da Constitución e o seu desenvolvemento.

O artigo 199 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, establece que o réxime electoral dos órganos das entidades locais de ámbito territorial inferior ao municipio será o que establezan as leis das comunidades autónomas que as institúan ou recoñezan.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, regula a organización das entidades locais menores e indica no seu artigo 158 que contarán cun alcalde pedáneo que será elixido directamente polos veciños, por sistema maioritario, mediante a presentación de candidatos polos distintos partidos, federacións, coalicións ou agrupacións de electores, coincidindo coas eleccións locais. A xunta veciñal estará formada polo alcalde pedáneo, que a presidirá, e por un número de vogais que non superará o terzo do de concelleiros que integren o concello. A designación dos vogais farase de conformidade cos resultados das eleccións para o concello, na sección ou seccións constitutivas da entidade local menor, segundo o disposto na lexislación electoral xeral. Pola súa vez, o artigo 199.3 da Lei 5/1985, do 19 de xuño, establece un número de dous vogais nos núcleos de poboación inferior a 250 residentes e de catro nos de poboación superior á devandita cifra, sempre que o número de vogais non supere o terzo do de concelleiros que integran o concello. Neste caso o número de vogais será de dous.

A Xunta Electoral Central, mediante Acordo do 23 de xaneiro de 2019, estableceu que, nos supostos en que as comunidades autónomas asuman a competencia de creación de novas entidades territoriais cuxa composición e organización requira a realización de eleccións, é a comunidade autónoma a que asume as competencias en materia de convocatoria e xestión dos comicios correspondentes.

De conformidade coa normativa aplicable en materia de réxime electoral xeral, con motivo da expiración dos mandatos das actuais corporacións locais, derivados das eleccións do 26 de maio de 2019, cómpre convocar tamén eleccións para as entidades locais de ámbito territorial inferior ao municipio da Comunidade Autónoma que, con tal carácter, constan inscritas no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, para a súa realización o día 28 de maio de 2023.

Por todo o anterior, en cumprimento do disposto no artigo 42.3 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de marzo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e data de realización das eleccións

Convócanse eleccións aos órganos de goberno das entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia relacionadas no anexo, que se realizarán o día 28 de maio de 2023.

Artigo 2. Número e designación dos vogais das xuntas veciñais

O número de vogais da xunta veciñal de cada entidade local será o establecido no artigo 199.3 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral.

A súa designación farase segundo o disposto no artigo 158.4 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 3. Duración da campaña electoral

A campaña electoral, de quince días de duración, comezará ás cero horas do venres 12 de maio de 2023 e rematará ás vinte e catro horas do venres 26 de maio de 2023.

Artigo 4. Réxime xurídico

As eleccións convocadas por este decreto rexeranse polo disposto na normativa de réxime electoral xeral.

Disposición derradeira única. Efectos

Este decreto producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Provincia de Ourense

Entidade local menor

Municipio

Berán

Leiro

Provincia de Pontevedra

Entidade local menor

Municipio

Arcos da Condesa

Caldas de Reis

Bembrive

Vigo

Camposancos

Guarda, A

Chenlo

Porriño, O

Morgadáns

Gondomar

Pazos de Reis

Tui

Queimadelos

Mondariz

Vilasobroso

Mondariz