Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 5 de abril de 2023 Páx. 22311

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas para o ano 2023 dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS215A).

O artigo 148.1.20 da Constitución española establece que as comunidades autónomas poderán asumir competencias, entre outras, en materia de asistencia social. Ao amparo do devandito precepto, o artigo 27.23 do Estatuto de autonomía para Galicia, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de servizos sociais a persoas con dependencia.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, reflicte no artigo 4.h) a autonomía persoal e vida independente como un dos principios xerais dos servizos sociais, e establece a obriga dos poderes públicos de facilitar os medios necesarios para que as persoas dispoñan das condicións máis convenientes e os apoios necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos vitais, dentro da unidade de convivencia que desexen.

Actualmente, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, correspóndelle ao dito órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma propoñer e executar as directrices xerais do Goberno no dito ámbito do benestar, que engloban as competencias en materia de servizos sociais, entre elas, a atención ás persoas discapacitadas e ás persoas maiores, a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia. Concretamente, a antedita consellería, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, correspóndenlle, entre outras, a función de ordenación, a planificación, a innovación estratéxica dos recursos sociosanitarios e a coordinación e a avaliación da súa actividade asistencial.

A Consellería de Política Social e Xuventude é consciente das especiais necesidades de atención e apoio que precisan as persoas diagnosticadas con esclerose laterial amiotrófica, unha enfermidade neurodexenerativa que deriva nunha gran dependencia. Así promove a través desta orde de convocatoria a concesión de axudas económicas coa finalidade de prestar apoio ás necesidades que van xurdindo na evolución da referida enfermidade e reforzar a cobertura existente na actualidade a través do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, tendo en conta a obriga dos poderes públicos de ofrecer recursos de apoio á atención das persoas dependentes na etapa final do seu proceso vital.

A cobertura das necesidades que van xurdindo na evolución da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica fomentarase coa presente convocatoria pública de concesión de axudas económicas, a través dun procedemento baixo réxime de concorrencia non competitiva.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas destinadas ás persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA), así como convocalas para o ano 2023.

2. O código de procedemento administrativo é BS215A.

Artigo 2. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das axudas económicas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, concedéndose a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 4.

2. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para realizar o pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data da súa presentación.

3. No momento en que se esgote o crédito orzamentario, a Consellería de Política Social e Xuventude acordará a inadmisión de novas solicitudes e publicará un anuncio no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da referida consellería, salvo que se produza un incremento de crédito de conformidade co disposto no artigo seguinte.

Artigo 3. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de tres millóns douscentos mil euros (3.200.000,00 €), con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.05.312D.480.0 e 13.05.312D. 780.0 (código de proxecto 2023 000138) da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe

13.05.312D.480.0

1.600.000,00 €

13.05.312D.780.0

1.600.000,00 €

2. De producirse remanente de crédito nunha das referidas aplicacións orzamentarias no marco do mesmo programa á reasignaranse as contías sobrantes, que se destinarán á aplicación orzamentaria á que se imputan os gastos que se van subvencionar nesta convocatoria, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Persoas beneficiarias das axudas económicas

1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos.

b) Estar empadroados/as nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar diagnosticadas da enfermidade da ELA.

d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitada a situación de dependencia.

2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 5. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables os seguintes gastos de investimento, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Adquisición de axudas técnicas para a mobilización como andadores, guindastes, cadeira de baño, cadeira, cinto de transferencia e outras axudas asimilables.

b) Adquisición de produtos de apoio destinados, segundo a clasificación da NORMA ISO 9999:2016, a:

1º. Tratamento médico personalizado.

2º. Entrenamento e aprendizaxe de capacidades.

3º. Mobilidade persoal.

4º. Aseo, coidado e protección persoal.

5º. Actividades domésticas.

6º. Mobiliario e adaptacións para vivendas.

7º. Comunicación e información.

8º. Manipulación de obxectos e dispositivos.

9º. Mellora e avaliación do contorno.

10º. Lecer e recreación.

c) Adquisición de produtos de hixiene e aseo persoal segundo o Catálogo de produtos de apoio do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas e non incluídos na letra b) deste número.

d) Adaptación funcional do fogar e o seu contorno, no caso de non estar incluídos nas letras anteriores: modificacións ou adecuación de espazos, instalacións e equipamentos que rodean a persoa beneficiaria co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúese adaptación do interior da vivenda, dos accesos a esta e das zonas de uso común comunitario, no caso de habelas.

e) Adquisición de vehículo adaptado ou adaptación deste.

2. Serán subvencionables os seguintes gastos correntes, no caso de non estar cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados:

1º. Fisioterapia manual.

2º. Fisioterapia respiratoria.

3º. Terapia ocupacional.

4º. Logopedia.

5º. Psicoloxía.

6º. Asistencia persoal/coidador profesional.

b) Transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais.

3. Non serán subvencionables as axudas técnicas e produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da consellería competente en materia de saúde pública incluído na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que a persoa solicitante cumpra os requisitos para a súa dispensación por esta.

4. Non se concederá a axuda para o transporte, no caso de que a persoa solicitante se atope nalgunha das seguintes situacións:

a) Ser usuario de praza de atención residencial e conte con servizo de transporte subvencionado.

b) Ser usuario de centro de atención diúrna e conte con servizo de transporte subvencionado.

5. As adquisicións e/ou servizos dos gastos subvencionables deberán estar realizados a partir do 1 de xaneiro de 2023 e estar efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 16.

6. A axuda consistirá nunha achega, que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria.

A contía de axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 17.

Artigo 6. Compatibilidade da axuda

1. A obtención desta axuda é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados nacionais, da UE ou de organismos internacionais, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o importe do gasto subvencionado.

2. En todo caso, a obtención desta axuda é incompatible:

a) Coas axudas técnicas e produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da Consellería competente en materia de saúde pública.

b) Coas axudas para o transporte, no caso de ser persoa usuaria de centro de atención diúrna ou residencial e o centro conte con servizo de transporte subvencionado.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderase presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2023.

Cando o ultimo día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación, de ser o caso.

b) Certificado ou informe médico oficial acreditativo de estar diagnosticado/a coa enfermidade da ELA.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

d) Grao e nivel de dependencia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.

h) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións do solicitante rexistradas na Base de datos nacional de subvencións no período solicitado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas solicitantes a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se esta non atende o requirimento efectuado, considerarase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 12.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares ou rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución e resolución

1. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral con competencias nas áreas de Atención Sociosanitaria e Innovación Asistencial quen elevará a súa proposta de resolución ao órgano competente para resolver, en aplicación do procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no relativo artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución do procedemento seguindo a orde de presentación das solicitudes, de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e emitirá proposta de resolución de concesión das axudas en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á persoa solicitante que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

3. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral con competencias nas áreas de Maiores e Atención Sociosanitaria, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a concesión das axudas económicas mediante a correspondente resolución. A resolución será notificada de conformidade co disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo dun mes contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitar.

4. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos derivadas da presente orde, practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta na disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produce o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación se que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación se esta fose expresa. Se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se esta fose expresa. Se non o fose, poderase interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

b) Con carácter previo á concesión e ao pagamento da axuda, estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de ningunha natureza coa Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e facilitar toda a información requirida pola Consellería de Política Social e Xuventude, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

e) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

f) Reintegrar, total o ou parcialmente, o importe da axuda no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para facer efectiva a devolución, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta orde e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 16. Período subvencionable e prazo de xustificación da axuda

1. O período da actividade subvencionable será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 8 de decembro de 2023.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data de finalización do período de xustificación establecido no número seguinte.

3. A data límite para presentar a documentación xustificativa será o 9 de decembro de 2023.

Artigo 17. Xustificación da axuda

1. As solicitudes do pagamento deberán efectualas a persoa beneficiaria de acordo co previsto no artigo 7 e con anterioridade a que remate, as datas límite a que se refire o artigo 16, mediante a presentación do anexo II.

2. Xunto coa solicitude de pagamento final (anexo II), a persoa beneficiaria debe presentar a seguinte documentación:

a) No caso de gastos de investimento:

1º. No caso de adquisición de axudas técnicas para a mobilización, adquisición de produtos de apoio, adquisición de produtos de hixiene e aseo persoal e servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados:

– Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

– Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento das facturas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2º. No caso de gastos de adaptación da vivenda:

– Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

– Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento das facturas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Xustificación da propiedade da vivenda (copia da escritura notarial de propiedade ou calquera outro medio válido en dereito).

– Copia do contrato de arrendamento e autorización da persoa propietaria do inmoble para facer as obras de adaptación.

3º. No caso de adquisición de vehículo adaptado ou adaptación de vehículo de motor:

– Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

– Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento das facturas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Xustificante do permiso de circulación.

– Declaración responsable da afectación do vehículo, que está ao seu nome e que é utilizado para o seu uso exclusivo, nos termos previstos no anexo II.

b) No caso de transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais:

– Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente do total dos gastos realizados.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

– Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento das facturas.

Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un xustificante de recepción do/da provedor/a asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

– Declaración responsable de asistencia polo período durante o cal se concede a axuda, asinada pola dirección do centro ou servizo asistencial onde acuda a persoa beneficiaria.

3. No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advertiráselle que non facelo dará lugar á perda do dereito e, tras a resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos intereses de demora.

Artigo 18. Pagamento da axuda

1. No caso de gastos de investimento previstos no número 1 do artigo 5, as persoas beneficiarias poderán solicitar un pagamento de ata o 50 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión.

2. No caso de gastos correntes previstos no número 2 do artigo 5, as persoas beneficiarias poderán solicitar un pagamento de ata o 80 % da cantidade da subvención concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión.

3. O importe restante que corresponda para completar o pagamento realizarase tras a xustificación definitiva da subvención.

Artigo 19. Reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das obrigas previstas no artigo 15, e, concretamente:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e segundo o establecido nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos.

d) Incumprimento das condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nesta orde.

2. Procederá o reintegro do 5 % da axuda concedida no caso de incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES8220800300873110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Calidade, Humanización e Xestión da Información-e a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou do teléfono 012.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

A consellería transmitiralle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral con competencias nas áreas de maiores e atención sociosanitaria para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude co fin de resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar instrucións

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral con competencias nas áreas de maiores e atención sociosanitaria para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria, as cales serán obxecto de publicación no portal de Benestar.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file