Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 5 de abril de 2023 Páx. 22333

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas para o ano 2023 dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS215A).

BDNS (Identif.): 686032.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán solicitar as axudas económicas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos.

b) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar diagnosticadas da enfermidade da esclerose lateral amiotrófica (en diante, ELA).

d) Ter recoñecida a situación de dependencia ou ter solicitada a situación de dependencia.

2. Ademais, as persoas beneficiarias da axuda teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, a través dun procedemento baixo o réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ás persoas con diagnóstico de ELA, así como realizar a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento administrativo BS215A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas para o ano 2023 dirixidas ás persoas con esclerose lateral amiotrófica e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS215A).

Cuarto. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. Serán subvencionables os seguintes gastos de investimento, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Adquisición de axudas técnicas para a mobilización, como andadores, guindastres, cadeiras de baño, cadeiras, cintos de transferencia e outras axudas asimilables.

b) Adquisición de produtos de apoio destinados, segundo a clasificación da norma ISO 9999:2016, a:

1º. Tratamento médico personalizado.

2º. Adestramento e aprendizaxe de capacidades.

3º. Mobilidade persoal.

4º. Aseo, coidado e protección persoal.

5º. Actividades domésticas.

6º. Mobiliario e adaptacións para vivendas.

7º. Comunicación e información.

8º. Manipulación de obxectos e dispositivos.

9º. Mellora e avaliación do contorno.

10º. Lecer e recreación.

c) Adquisición de produtos de hixiene e aseo persoal segundo o Catálogo de produtos de apoio do Centro de referencia estatal de autonomía persoal e axudas técnicas, e non incluídos na letra b) deste número.

d) Adaptación funcional do fogar e o seu contorno, no caso de non estaren incluídos nas letras anteriores: modificacións ou adecuación de espazos, instalacións e equipamentos que rodean a persoa beneficiaria co obxecto de facilitar ou habilitar a realización das actividades da vida diaria no fogar de maneira máis segura, sinxela e independente. Inclúese adaptación do interior da vivenda, dos accesos a ela e das zonas de uso comín comunitario, no caso de habelas.

e) Adquisición de vehículo adaptado ou adaptación de vehículo.

2. Serán subvencionables os seguintes gastos correntes, no caso de non estaren cubertos polo Sistema público de saúde ou mutualidade correspondente:

a) Servizos asistenciais complementarios ás prestacións da Seguridade Social ou mutualidades de previsión social prestados á persoa beneficiaria por profesionais habilitados:

1º. Fisioterapia manual.

2º. Fisioterapia respiratoria.

3º. Terapia ocupacional.

4º. Logopedia.

5º. Psicoloxía.

6º. Asistencia persoal/coidador profesional.

b) Transporte para a asistencia a tratamentos e centros asistenciais.

3. Non serán subvencionables as axudas técnicas e produtos de apoio incluídos no Catálogo xeral ortoprotésico da consellería competente en materia de saúde pública, incluído na Orde do 28 de maio de 2013 pola que se regula a prestación ortoprotésica na Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que a persoa solicitante cumpra os requisitos para a súa dispensación por esta.

4. Non se concederá a axuda para o transporte no caso de que a persoa solicitante se encontre nalgunha das seguintes situacións:

a) Ser usuaria de praza de atención residencial e contar con servizo de transporte subvencionado.

b) Ser usuaria de centro de atención diúrna e contar con servizo de transporte subvencionado.

5. As adquisicións e/ou servizos dos gastos subvencionables deberán estar realizados a partir do 1 de xaneiro de 2023 e ata o 8 de decembro de 2023, e estar efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 16, o 9 de decembro de 2023.

6. A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 12.000 euros por persoa beneficiaria.

A contía de axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 17.

Quinto. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de tres millóns douscentos mil euros (3.200.000,00 €), con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.05.312D.480.0 e 13.05.312D. 780.0 (código de proxecto 2023 000138) da Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

Importe

13.05.312D.480.0

1.600.000,00 €

13.05.312D.780.0

1.600.000,00 €

2. De producirse remanente de crédito nunha das referidas aplicacións orzamentarias no marco do mesmo programa, reasignaranse as contías sobrantes, que se destinarán á aplicación orzamentaria a que se imputan os gastos que se van subvencionar nesta convocatoria, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase ampliar excepcionalmente a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2023.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude