Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 10 de abril de 2023 Páx. 22767

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 28 de marzo de 2023 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Ver, no concello de Bóveda (Lugo).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-22-04.

Antecedentes:

1. Con data do 24 de abril de 2007 publícase no DOG (DOG núm. 79) a Orde do 18 de abril de 2001 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio, que se recollen anualmente no Pladiga, e que están compostas polos concellos que nela se relacionan. Nesta orde establécense zonas de alto risco (ZAR) de incendios forestais con base na ocorrencia de incendios, vulnerabilidade poboacional e ameazas aos ecosistemas forestais. Mediante esta orde, clasifícase o concello de Bóveda como ZAR sendo este obxecto de actuacións que permitan reducir o risco de incendios.

2. Segundo indicacións de persoal técnico do concello de Bóveda, existe interese por parte de produtores locais en poñer en produción terreos nesta zona, que na actualidade presumen dun avanzado estado de abandono ou infrautilización. Como resultado desta demanda proponse o estudo dun perímetro na parroquia de Ver como un posible proxecto de polígono agroforestal.

3. Entre as medidas que se van desenvolver tras a aprobación da Lei de recuperación de terra agraria de Galicia, encóntrase a posta en marcha de polígonos agroforestais, figuras que permiten recuperar as terras agrarias en situación de abandono ou infrautilización e pór de acordo as persoas titulares e as interesadas na posta en produción.

4. Por Acordo do 10 de maio de 2022, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE bNJWz0Sp4tO1, abriuse un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e a conveniencia ou non de iniciar o procedemento para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Ver, no concello de Bóveda (Lugo).

5. Por Resolución do 6 de marzo de 2023, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, CVE DwIjPKFYOLm0, resolveuse a conveniencia de iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Ver, no concello de Bóveda (Lugo).

6. O 28 de marzo de 2023, CVE fq0WJi6HpZM7, emitiuse informe con proposta de acordo favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do citado polígono agroforestal.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con CIF Q-1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellaría competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais, que se rexen polo disposto nos artigos 4.k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.

3. Este procedemento réxese polo disposto pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; o Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado por Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

4. Obxecto ou finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Ver (Bóveda) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

A mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:

– Existir unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 8.3.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE 2vDV2pWwEwi2.

– Dispor de documentos de manifestación do acordo das persoas titulares do 50,16 % da superficie das terras incluídas no perímetro proposto, as cales indicaron a conformidade coa adhesión ao proxecto, o 21,75 % non se manifestaron nin a favor nin en contra, e o 28,09 % restante da superficie do polígono agroforestal corresponde a propietarios ilocalizables cos que non se puido contactar. O feito de que case un terzo da superficie do perímetro estea en mans de persoas ilocalizables xustifica a necesidade para a iniciar o procedemento de investigación da titularidade, de acordo co artigo 90 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

6. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para o que ha de dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se alcanzar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no informe emitido o 17.2.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE Nm4W2qwLW392.

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 8.3.2023 polo subdirector de Mobilidade de Terras, CVE 2vDV2pWwEwi2.

No que se refire ao previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, participan os montes veciñais en man común de «Chá, Serra das Dúas Pequenas, Lama de Grelos, Llanada da Serra, Serrón de Abaixo, Serrón de Arriba, Fon Puñín, Trasdaserra» e «Val de Agueiros, O Chao, Os Trollos, Monterredondo, A Silla, Camiño Branco, Rego do San Roque, O Navallo, Val de Rodela, O Belón, A Lagoa, O Amedo, Santia, O Louto e A Costa» no polígono agroforestal. Este deberá aterse ao disposto no artigo 18.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. No desenvolvemento do proceso de constitución do polígono agroforestal, en caso de participación dun monte veciñal en man común, este terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos, agás acordo favorable, coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada lei, os montes veciñais en man común que estean xestionados cautelarmente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.

7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

No presente caso, cúmprese o requisito para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no punto 1.c) do artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Tamén concorre a circunstancia para darlle carácter preferente prevista no artigo 70.2.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, é de 12 meses, prorrogables.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a súa aprobación, consonte co previsto no artigo 84.4 da citada lei.

10. Declaración de utilidade pública e interese social (artigo 83.3 e 83.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellaría competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. A dita declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2.

Deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contado desde o día seguinte do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se teña ditado e notificado a resolución correspondente, o procedemento caducará, e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. Os orixinais e as copias electrónicas dos documentos que se sinalen con código de verificación electrónica (CVE) pódense verificar e descargar de xeito electrónico en https://sede.xunta.gal/cve

13. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes». Similares termos se establecen no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

ACORDO:

Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Ver, no concello de Bóveda (Lugo).

Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses, prorrogables.

Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún, podendo unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento.

Igualmente, se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 6 e seguintes e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; en ambos os dous casos o prazo contarase desde o día seguinte ao da súa notificación. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se xulgue procedente.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural