Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 11 de abril de 2023 Páx. 22855

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a mocidade, se dá publicidade ao convenio que asinarán este instituto e as entidades financeiras para a concesión destes avais e se procede á convocatoria do programa para o ano 2023 (código de procedemento VI402B).

A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, atribúe a este organismo autónomo a realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco, o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado o 20 de xaneiro de 2021 polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia, recolle as liñas de actuación pública nesta materia, e constitúe un instrumento moi importante da planificación das políticas públicas na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2025.

No programa 3 do eixe 1 da liña estratéxica A do pacto, que leva por rúbrica Acceso á vivenda, sinálase, dentro da acción 1, que un dos principais obstáculos para a adquisición de vivenda por parte da mocidade é que, aínda que teña capacidade de pagamento da cota hipotecaria resultante da compra, non dispón dos aforros necesarios para afrontar a cantidade non cuberta polo préstamo hipotecario que, con carácter xeral, supón o 20 % do prezo da vivenda.

Para os efectos de facer fronte a esas situacións, a Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, recolleu no punto sexto do seu artigo 41 a posibilidade da concesión de avais por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo co obxecto de garantir ás persoas menores de trinta e seis anos a compra da súa primeira vivenda. O citado precepto di así: «Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 44 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo para a concesión de avais, por un importe máximo de cinco millóns de euros, con destino á compra da primeira vivenda por menores de trinta e seis anos, cun límite máximo do 20 % do prezo da compravenda, polo tempo necesario para a amortización do importe avalado durante os primeiros anos da vixencia do préstamo, coas características e as condicións establecidas no programa que aprobe o dito instituto».

Neste senso, cómpre indicar que na xuntanza do Consello de Ministros do día 31 de xaneiro de 2023 se aprobou o Acordo polo que se autoriza a Comunidade Autónoma de Galicia para conceder garantías a través dunha liña de avais do Instituto Galego da Vivenda e Solo por un importe máximo de cinco millóns de euros.

En virtude do anterior, por medio desta resolución apróbase o programa de avais para a mocidade, o cal establece unha liña de avais que permite garantir ata o 20 % do prezo de adquisición da vivenda ou, se é o caso, do seu valor de taxación, se este é inferior, para aquelas persoas menores de trinta e seis anos que pretendan adquirir a súa primeira vivenda, sempre e cando conten cun crédito hipotecario por un importe que cubra, cando menos, o 80 % restante.

Así mesmo, a través desta resolución dáse publicidade ao convenio que asinaran entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades financeiras para a concesión destes avais e procédese á convocatoria para o outorgamento destas garantías para a anualidade 2023.

Esta resolución establece como sistema único de presentación das solicitudes para a concesión do aval a presentación electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, tendo en conta que as persoas destinatarias destes avais, mozos e mozas menores de trinta e seis anos, teñen acceso e dispoñen dos medios electrónicos necesarios para relacionarse electronicamente coas administracións públicas.

En consecuencia e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais.

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar o programa de avais para a mocidade e dar publicidade ao convenio que asinarán o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS) e as entidades financeiras para a concesión destes avais.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para a anualidade 2023 (código de procedemento VI402B) .

3. A concesión das garantías outorgadas en virtude desta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria.

Segundo. Definicións

Para os efectos desta resolución, enténdese por:

a) Persoa con discapacidade: interpretarase de conformidade co Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

b) Residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s: domicilio en que constan empadroadas todas elas.

c) Indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM): indicador definido no Real decreto lei 3/2004, do 25 de xuño, para a racionalización da regulación do salario mínimo interprofesional e para o incremento da súa contía. O devandito indicador será a unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos da/das persoa/s adquirente/s da vivenda, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

Para os efectos destes avais, tomarase en consideración o IPREM do ano que se especifique na correspondente convocatoria.

Terceiro. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, así como nas normas de dereito público e privado que resulten de aplicación.

Quinto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destes avais.

Así mesmo, habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para modificar os prezos de adquisición da vivenda previstos no ordinal sétimo.

II. Programa de avais para a mocidade.

Sexto. Características do Programa de avais para a mocidade

1. O Programa de avais para a mocidade ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que na data de presentación da correspondente solicitude teñan menos de trinta e seis anos.

2. O programa xestionarase en colaboración coas entidades financeiras que se adhiran a el a través da sinatura do convenio que figura no anexo I. Para tal fin, a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, calquera entidade financeira interesada, con oficinas abertas ao público en Galicia, poderá presentar electronicamente, a través do formulario PR004A dirixido á Dirección Xeral do IGVS, unha solicitude en que exprese o seu interese na subscrición do indicado convenio. Unha vez asinados os convenios, o IGVS dará publicidade na súa páxina web das entidades financeiras adheridas a este programa.

3. En cada resolución de convocatoria determinarase o importe máximo de avais que se concederán.

4. A garantía prestarase ata un 20 % do prezo de adquisición da vivenda ou, de ser o caso, do seu valor de taxación, no suposto de que este sexa menor. En ningún caso se outorgará para garantir importes derivados de conceptos distintos dos indicados.

5. A garantía só se prestará cando a operación de financiamento con garantía hipotecaria estea destinada á adquisición da primeira vivenda en propiedade da persoa solicitante e o dito financiamento comprenda, cando menos, o 80 % do prezo de adquisición ou, se é o caso, do valor de taxación, sen poder chegar a superar o 100 % do respectivo importe.

6. O IGVS encargarase de comunicar á entidade financeira a resolución de concesión do aval, a cal servirá de toma de razón para o seu outorgamento e para a formalización do correspondente contrato de préstamo con garantía hipotecaria.

7. Con carácter adicional ás causas legalmente previstas para a extinción de calquera afianzamento, a garantía do IGVS respecto a cada operación de financiamento quedará automaticamente sen efecto no momento en que os pagamentos do principal alcanzasen o importe avalado. A partir dese momento o IGVS quedará totalmente liberado da obriga de facer fronte ao aval.

8. A garantía ten carácter finalista, de maneira que o importe do préstamo avalado debe destinarse ao pagamento do prezo da vivenda financiada. Para tal efecto, os pagamentos que realice a persoa beneficiaria á entidade deberán destinarse a pagar exclusivamente a débeda hipotecaria e non outra débeda que poida ter coa entidade financeira.

Sétimo. Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa

1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estas deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

c) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

d) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa.

Para estes efectos, partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondentes aos datos fiscais da/das persoa/s solicitante/s, relativos ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.

2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a vivenda para a cal se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.

b) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos inherentes á adquisición, non supere os prezos de adquisición, segundo as zonas territoriais fixadas no anexo II onde se localice a vivenda:

− Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 240.000 euros.

− Concellos correspondentes á zona territorial 1: 180.000 euros.

− Concellos correspondentes á zona territorial 2: 130.000 euros.

3. Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/s persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/as persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en España. Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:

a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.

b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio, situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.

c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.

Oitavo. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa presentada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude, debidamente cuberta, deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.

3. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, deberá presentarse unha única solicitude, na cal se identificarán todas as que pretenden actuar como compradoras.

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, solicitou ou obtivo ningunha axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera axuda que lle sexa concedida a ela ou a calquera das persoas adquirentes para a mesma finalidade.

c) Declaración de que a vivenda que se pretende adquirir vai a ser a súa primeira vivenda en propiedade, así como, de ser o caso, das demais persoas que adquiron a vivenda.

d) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.

e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, son propietarias e/ou usufrutuarias dunha vivenda situada en España, agás os supostos exceptuados no punto tres do ordinal sétimo.

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Noveno. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Informe favorable da entidade financeira de autorización da operación de financiamento hipotecario para o suposto de que á/ás persoa/s solicitante/s se lle/lles conceda o aval.

c) Anexo IV, de comprobación de datos das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

d) Anexo V, de declaración responsable da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, no caso de non estaren obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:

– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.

– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).

– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.

e) No caso de que a/as persoa/s adquirente/s sexa/n propietaria/s ou usufrutuaria/s dalgunha vivenda en España e non poida/n dispoñer dela:

– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.

– Documentación que acredite que a/as persoa/s adquirente/s non pode/n habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.

– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.

f) No caso de que a persoa solicitante ou as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi adquirida por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.

g) No suposto de vivenda inaccesible por razóns de discapacidade dalgún membro da unidade de convivencia, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

h) Certificado ou volante de empadroamento conxunto de todas as persoas adquirentes da vivenda, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. No caso de ser presentada de forma presencial, requirirase a persoa interesada para que proceda á súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/as persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

d) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda e Función Pública, onde conste que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.

e) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal, no suposto de que a persoa solicitante sexa a única adquirente da vivenda ou, de seren varias, que non convivisen conxuntamente con anterioridade á adquisición da vivenda.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

b) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da consellería competente en materia de política social, da persoa solicitante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.

d) Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes.

e) Certificado acreditativo da discapacidade das persoas adquirentes e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de que este documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión da garantía.

Décimo cuarto. Procedementos de concesión e requirimentos de emenda

1. Examinada a solicitude, se esta non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez completado o expediente e despois das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo para resolver a concesión do aval será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Finalizado o citado prazo sen que se dite e notifique a resolución, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do aval ou a obtención concorrente de subvencións e axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da garantía.

Décimo sétimo. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da solicitude de outorgamento da garantía o incumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución.

2. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estivese validamente cuberta e se presentase acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na correspondente convocatoria.

Décimo oitavo. Obrigas das persoas beneficiarias do programa

As persoas beneficiarias do programa deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Someterse ás actuacións de comprobación, de verificación e control financeiro que poidan realizar os órganos competentes, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das devanditas actuacións.

b) Comunicar de inmediato, mesmo durante a tramitación da solicitude, á entidade financeira que estea a realizar a dita tramitación, así como á Dirección Técnica de Fomento do IGVS, calquera modificación das condicións que puidesen determinar o reintegro do aval.

c) Comunicar á Dirección Técnica de Fomento do IGVS a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a adquisición da vivenda. En caso de obtención de axudas ao financiamento, estas deberán destinarse á correspondente amortización, total ou parcial, do préstamo hipotecario obtido para a adquisición da vivenda.

d) Utilizar o aval exclusivamente para a finalidade para a cal foi concedido e conservar os documentos xustificativos do cumprimento da devandita finalidade.

e) Responder, no suposto de que sexan varias as persoas beneficiarias da garantía, de maneira solidaria das obrigas de natureza económica derivadas da resolución de concesión, sen que poidan acollerse aos beneficios de división e excusión.

Décimo noveno. Reintegro do aval

1. Dará lugar ao reintegro do aval:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A adquisición dunha vivenda sen que concorran os requisitos establecidos nesta resolución.

c) O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento do aval.

2. No suposto de execución do aval, a persoa beneficiaria deberá reintegrar ao IGVS as cantidades pagadas neste concepto que non fosen recuperadas polo dito organismo como consecuencia da execución hipotecaria.

Vixésimo. Compatibilidade e incompatibilidade

O outorgamento do aval será compatible coas axudas previstas nos programas de axudas para a adquisición de vivenda xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, o outorgamento do aval será compatible con calquera outra axuda que perciba a persoa compradora, xa proceda de entidades públicas ou privadas.

Vixésimo primeiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e considerarase rexeitada cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo segundo. Actuacións de control e deber de información

1. Todas as actuacións que deriven desta resolución están sometidas ás actuacións de comprobación, verificación e control financeiro da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e demais órganos competentes.

2. O IGVS remitirá mensualmente á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a relación actualizada dos avais concedidos, con indicación dos datos das persoas avaladas e do risco real garantido e demais información que, de ser o caso, lle solicite ela.

Vixésimo terceiro. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

III. Convocatoria para a anualidade 2023.

Vixésimo cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 28 de abril e rematará o 30 de novembro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se concedan no ano 2023, que se fixa en cinco millóns de euros. O dito esgotamento, caso de producirse antes do 30 de novembro de 2023, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular do IGVS.

Vixésimo quinto. Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión dos avais

Os datos fiscais que se terán en conta nesta convocatoria para a concesión dos avais corresponderán ao exercicio económico 2022. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM de 2022.

IV. Eficacia.

Vixésimo sexto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO I

Convenio entre o IGVS e as entidades financeiras para a concesión de avais ao abeiro do Programa de avais para a mocidade

REUNIDOS

Dunha parte, Ángeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en virtude das atribucións que lle confire o Decreto 60/2022, do 15 de maio, do seu nomeamento (DOG nº 94, do 16 de maio), na súa calidade de presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), segundo o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS (DOG nº 147, do 5 de agosto).

E, doutra parte,.........., maior de idade, con NIF número .........., que actúa no nome e representación da entidade financeira .........., con domicilio social en .........(......), na rúa ......... CP ............ e provista de NIF nº ...................... por virtude dos poderes outorgados o ...................... ante o notario de ..........., ........................., que declara que se encontran vixentes e non revogados (en diante, entidade financeira).

As partes recoñécense, no concepto en que respectivamente interveñen, capacidade para o outorgamento do presente convenio e, para o efecto,

EXPOÑEN

Primeiro. A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS, establece que lle corresponde a este organismo a realización da política de vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada.

Segundo. O 20 de xaneiro de 2021 asinouse o Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025 polos membros do Pleno do Observatorio da Vivenda de Galicia, que está constituído polos representantes das administracións públicas con competencias na materia e os representantes de entidades, institucións ou asociacións que agrupan persoas físicas ou xurídicas que teñen a consideración de axentes da edificación na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación, así como as axencias e as administracións da propiedade inmobiliaria, como profesionais da intermediación inmobiliaria.

No eixe 1 do dito pacto, dedicado ao acceso á vivenda, indícase que un dos principais obstáculos para a adquisición de vivenda por parte da mocidade é que, aínda que teñan capacidade de pagamento da cota hipotecaria resultante da compra, non dispón dos aforros necesarios para afrontar a porcentaxe do prezo non cuberto polo préstamo hipotecario que, con carácter xeral, supón o 20 % deste.

Terceiro. Para dar cumprimento ao citado pacto, o IGVS pretende implantar o Programa de avais para a mocidade, dirixido a persoas menores de trinta e seis anos que accedan á compra da súa primeira vivenda cun límite do 20 % do prezo da compravenda.

Cuarto. A entidade financeira está interesada en colaborar co IGVS na implantación deste programa.

Polo anterior, as partes conviñeron a formalización deste convenio de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

O obxecto do convenio é establecer os termos e condicións da colaboración entre o IGVS e a entidade financeira para o desenvolvemento do programa de avais para a mocidade.

Segunda. Financiamento

O importe máximo dos avais que poderán contar coa garantía do IGVS con cargo á anualidade 2023 será de cinco millóns de euros (5.000.000,00 €).

Poderanse acoller a este programa todas as operacións de financiamento de adquisición de vivenda, con garantía hipotecaria sobre a vivenda cuxa adquisición se está financiando, coa condición de que as ditas operacións de financiamento queden dentro dos parámetros e límites fixados no Programa de avais para a mocidade.

Terceira. Ámbito territorial

O ámbito territorial de aplicación do convenio será a Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, as vivendas que se avalen deben estar situadas no territorio galego e as persoas adquirentes das vivendas deben estar empadroadas en Galicia no momento da solicitude do aval.

Cuarta. Entrada en vigor e vixencia do convenio

O convenio entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2023, salvo que, con anterioridade a dita data, se esgotasen os fondos previstos para o programa de avais para a mocidade.

Non obstante o anterior, as partes obríganse ao cumprimento de todas as obrigas, mentres subsistan, que dimanen deste convenio.

Quinta. Condicións de financiamento

As operacións que quedan baixo a cobertura do convenio serán aquelas que, formalizadas dentro do período da súa vixencia, estean referidas ao financiamento con garantía hipotecaria sobre a vivenda obxecto de adquisición e o dito financiamento, xunto co do aval, sexa superior ao 80 % e igual ou inferior ao 100 % do prezo de compravenda. En todo caso, o aval do IGVS non poderá superar o 20 % do prezo da compravenda ou do valor de taxación, se este fose inferior. Non serán obxecto de financiamento os impostos ou taxas, xa sexan directos ou indirectos, que graven as operacións de adquisición e financiamento da vivenda.

Sexta. Garantía do IGVS

6.1. Aval.

En virtude do previsto neste convenio e para cada operación de financiamento cuberta por el, o IGVS avalará fronte á entidade financeira, como máximo, o 20 % do prezo da compravenda ou do valor de taxación, se este fose inferior.

6.2. Natureza da garantía.

Todo aval prestado polo IGVS en virtude deste convenio rexerase, no non expresamente previsto neste acordo, polas disposicións previstas para a fianza no Código civil, e recoñéceselle, en particular, ao IGVS, o dereito de subrogación nos dereitos e garantías que puidese ter a acredora fronte á persoa debedora para o caso de que tivese que facer fronte a calquera das operacións avaladas en virtude deste convenio.

6.3. Formalización e requisitos de eficacia da garantía.

Para que unha concreta operación financeira quede avalada nos termos previstos no convenio e, polo tanto, para que sexa eficaz, ademais de reunir todos os requisitos que nel se desenvolven, deberá cumprir o seguinte:

a) Que a garantía hipotecaria sobre a vivenda obxecto da operación de financiamento quede debidamente rexistrada e, polo tanto, sexa plenamente válida e eficaz, no Rexistro da Propiedade competente no prazo máximo de seis (6) meses desde o outorgamento da correspondente escritura de hipoteca.

b) Que o clausulado da escritura de hipoteca pola que se formalice a operación de financiamento incorpore o texto das estipulacións contido na cláusula décimo primeira deste convenio.

6.4. Redución e extinción do aval.

Os pagamentos do principal da operación de financiamento que se realicen polo debedor hipotecario aplicaranse, en primeiro lugar, á redución da porcentaxe avalada por parte do IGVS, debendo comunicar anualmente a entidade financeira ao IGVS a porcentaxe do aval resultante de aplicar a devandita redución.

Con carácter adicional ás causas legalmente previstas para a extinción de calquera afianzamento, a garantía do IGVS respecto a cada operación de financiamento quedará automaticamente sen efecto no momento en que os pagamentos do principal que efectúe o debedor hipotecario alcanzasen o importe avalado, é dicir, o 20 % ou a porcentaxe avalada, no caso de que fose inferior. A partir dese momento, o IGVS quedará totalmente liberado da obrigación de facer fronte ao aval, o cal expresamente acepta a entidade financeira.

Sétima. Tramitación de solicitudes e operativa do aval

As persoas beneficiarias finais presentarán a súa solicitude de financiamento na entidade financeira.

A entidade financeira requirirá a acreditación por parte da persoa solicitante dos requisitos das condicións obxectivas e subxectivas establecidas no Programa de avais para a mocidade para acceder á garantía e, se é o caso, aprobará a operación de financiamento de acordo cos seus procedementos internos e usos bancarios, respectando, en todo caso, a finalidade e condicións deste convenio. O IGVS non intervirá no estudo nin na aprobación/denegación das operacións de financiamento.

A entidade financeira emitirá un informe no cal se indiquen as características da operación, financiamento e aval, xunto co cadro de amortización do préstamo hipotecario, de acordo coa información precontractual que estea previsto facilitar á persoa beneficiaria, en cumprimento da Lei 5/2019, do 15 de marzo, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario.

As persoas beneficiarias finais presentarán a solicitude do aval ao IGVS conforme co procedemento e coa documentación establecida no Programa de avais para a mocidade.

O IGVS verificará a documentación presentada e a dispoñibilidade de financiamento e remitiralle, de ser o caso, á persoa beneficiaria a resolución de concesión do aval. Así mesmo, comunicaralle telematicamente á entidade financeira a concesión do aval que servirá de toma de razón para o outorgamento do aval, sen que o IGVS teña que comparecer na formalización da escritura. Cando a entidade financeira conte coa resolución asinada polo IGVS poderá formalizar a operación co cliente.

O financiamento instrumentarase no correspondente contrato de préstamo con garantía hipotecaria entre a persoa beneficiaria final e a entidade financeira. A entidade financeira responsabilízase de todas as cuestións que afecten o contrato de préstamo con garantía hipotecaria coa persoa beneficiaria final.

Oitava. Características básicas das operacións de financiamento hipotecario

8.1. En relación coas persoas beneficiarias finais:

Serán beneficiarias finais e poderanse acoller a esta liña de avais as persoas físicas que reúnan e acrediten os requisitos establecidos no Programa de avais para a mocidade.

8.2. En relación coas vivendas:

Para acceder ao aval as vivendas que se vaian adquirir deberán cumprir os requisitos establecidos no Programa de avais para a mocidade.

Novena. Compromisos da entidade financeira

Para o bo fin do convenio, a entidade financeira comprométese a entregar a totalidade do financiamento concedido á parte acreditada para que a aplique á adquisición da vivenda, e a entidade financeira comprométese, en todo caso, a non reter ningunha cantidade do dito financiamento en concepto de garantía (xa sexa mediante o peñoramento de parte dos fondos ou mediante a subscrición de dalgunha outra operación de pasivo cos devanditos fondos).

9.1. Verificación da tramitación.

Cando o IGVS o solicite, a entidade financeira remitiralle a documentación necesaria para a verificación da elixibilidade das operacións.

A entidade financeira obrígase a custodiar a documentación relativa á operación de financiamento para a cal se solicitou o aval do IGVS durante toda a vixencia do aval e a entregar esta documentación por requirimento do IGVS.

Adicionalmente, a entidade financeira obrígase a permitir que o IGVS ou as persoas que designe, realicen comprobacións, auditorías ou supervisións da documentación relativa a este convenio, e a cada operación de financiamento, achegando a información que se precise.

Décima. Recuperación pola entidade financeira das cantidades debidas. Aplicación dos importes recibidos do IGVS. Subrogación por concurso de acredores

O IGVS e a entidade financeira conveñen que, en caso de falta de pagamento por parte da persoa debedora en calquera das operacións de financiamento que son obxecto deste convenio, a entidade financeira deberá, ben reclamar xudicialmente (tal e como se define máis adiante na presente cláusula) do debedor o pagamento do debido polos medios que entenda máis convenientes (procedemento de execución ordinaria ou hipotecaria), ben proceder de calquera outra forma extraxudicial con fin de recuperar o importe do financiamento (venda do activo, venda do crédito, dación ou calquera outra que así decida a entidade financeira).

O IGVS comprométese, no prazo de corenta e cinco (45) días desde a data en que a entidade financeira lle comunique fidedignamente e xustifique documentalmente a falta de pagamento, a pagar á entidade financeira unha cantidade igual ao importe avalado no momento da comunicación, é dicir, o resultante de aplicar as reducións procedentes conforme co previsto na cláusula sexta.

Unha vez o IGVS pague á entidade financeira o importe avalado respecto dunha operación, a entidade poderá minorar contablemente a débeda da dita operación, e comunicará ao xulgado a subrogación do IGVS no importe pagado, continuando, de ser o caso, coas actuacións xudiciais de recuperación, e actuando a entidade, así mesmo, en defensa dos intereses do IGVS, sen prexuízo de que o IGVS nomee avogado para representar os seus intereses en sede xudicial.

Defínese reclamación xudicial como a demanda executiva que presente a entidade financeira e que dea inicio ao procedemento executivo coa finalidade de cobrar o importe da operación de financiamento.

Para os efectos deste convenio, e para cando se produza no marco do proceso de execución hipotecaria unha adxudicación do ben hipotecado a favor da entidade financeira, considerarase que a dita entidade percibiu para pagamento do principal pendente de pagamento da operación de financiamento a cantidade total pola que se considere adxudicado o dito ben.

10.1. Distribución dos quebrantos e gastos entre asinantes deste convenio. Asunción definitiva dos quebrantos.

En relación con cada unha das operacións de financiamento, unha vez esgotado o procedemento de execución correspondente, acórdase que a entidade financeira se obriga a reintegrar ao IGVS as cantidades recuperadas da persoa beneficiaria final en proporción á porcentaxe avalada polo IGVS.

En caso de recuperacións non precuniarias, o devandito reintegro terá lugar unha vez que a entidade financeira realizase o activo atendendo ao valor de realización, aínda que a cantidade para reintegrar non poderá ser inferior á parte correspondente do valor de adxudicación do ben ou dereito.

A recuperación ou o ingreso de calquera cantidade adicional que minore o importe do quebranto total será distribuída entre a entidade financeira e o IGVS de acordo coas porcentaxes anteriormente referidas sen que importe para iso quen realizase a xestión para a devandita recuperación ou se esta se realizou voluntariamente pola persoa debedora ou un terceiro.

O IGVS, na proporción correspondente, e se así o considera oportuno, poderase resarcir mediante o exercicio das accións que lle correspondan por dereito propio ou por subrogación nos dereitos e garantías da entidade financeira.

A entidade financeira non poderá en ningún caso aplicar todo ou parte dos importes recuperados e correspondentes ao IGVS para modificar a posición debedora da persoa beneficiaria final.

En calquera caso, dos importes recuperados de cada operación, a entidade financeira poderá, logo de xustificación ante o IGVS, descontar a porcentaxe do aval correspondente á operación dos gastos en que teña incorrido para proceder á recuperación, sempre que os ditos gastos sexan, en todo caso, inferiores ao importe recuperado para cada unha das operacións e sen que a porcentaxe que lle corresponda pagar ao IGVS destes gastos supere o 20 % ou a porcentaxe correspondente ao aval concedido polo IGVS, no suposto de que fose inferior ao dito 20 %.

Con periodicidade trimestral, a entidade financeira enviará ao IGVS unha certificación sobre a situación de falta de pagamento e recuperación das operacións que fosen obxecto de reclamación xudicial, así como aquelas que fosen consideradas malogradas definitivamente.

Sobre a base da citada certificación trimestral, a entidade financeira deberá ingresar ao IGVS os importes correspondentes á totalidade das recuperacións informadas.

10.2. Subrogación por concurso de acredores. Para o suposto de declaración concursal do debedor da operación financeira con aval do IGVS, o auto de declaración do concurso producirá a subrogación do dito organismo na parte avalada, para os efectos da súa intervención no procedemento concursal. Nestes supostos, será a entidade financeira a que continuará coa representación do conxunto dos créditos derivados da operación financeira, incluíndo a parte do principal subrogado, salvo que o IGVS solicite expresamente a súa comparecencia e xestión no proceso.

Décimo primeira. Contido da escritura

As escrituras en virtude das cales se formalice cada operación de financiamento deberán conter, ademais das cláusulas reguladoras da operación, as seguintes estipulacións:

I. O presente financiamento hipotecario formalizouse ao abeiro do Programa de avais para a mocidade, polo que se regula o acceso á vivenda de persoas mozas en réxime de propiedade a través da concesión dun aval polo IGVS, así como do convenio que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), e a entidade financeira formalizaron o xx de xxxxxxxxxx de 2023 para apoiar a adquisición de vivenda correspondente ao Programa de avais para a mocidade, mediante o cal se establece cobertura financeira temporal e parcial prestada polo IGVS ante a entidade financeira en determinados supostos da falta de pagamentos do financiamento hipotecario para a adquisición dunha vivenda e que en todos os casos constitúa residencia habitual e permanente.

II. No devandito convenio establécese que a entidade financeira concederá financiamento de ata o 100 % do prezo de compravenda, constituíndo garantía hipotecaria polo importe financiado. Complementariamente á garantía hipotecaria, o IGVS avalará o tramo comprendido entre o 80 % e ata o 100 % do prezo de compravenda. Coa dita hipoteca cubrirase tanto o tramo comprendido entre o 80 % e ata o 100 % avalado polo IGVS, como o tramo do 80% non avalado polo IGVS.

III. O IGVS quedará automaticamente liberado da obrigación de fianza asumida no momento en que os pagamentos do principal que efectúe o debedor hipotecario alcanzasen o importe avalado, é dicir, o 20 % ou a porcentaxe avalada no caso de que fose inferior.

IV. Por medio de, [nome da persoa beneficiaria final]: (i) manifesta coñecer e aceptar os termos da garantía prestada polo IGVS e que están recollidos no convenio anteriormente referido, prestando así mesmo a súa conformidade á realización por parte do IGVS de calquera pagamento pola súa conta en execución da referida garantía, e (ii) comprométese a comunicar á entidade financeira e ao IGVS a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a adquisición da vivenda e a amortización anticipada e parcial do financiamento hipotecario outorgado e avalada polo IGVS pola totalidade do importe da subvención, axudas, ingresos ou recursos recibidos.

V. «Por medio de, [nome da persoa beneficiaria final] autoriza a [entidade financeira], á cesión dos datos de carácter persoal contidos neste documento, así como aqueles que, se é o caso, facilite agora ou no futuro e sexan necesarios para o mantemento, control e execución do aval, incluíndo expresamente o estado, situación e condicións do financiamento, ao IGVS co fin de posibilitar o aval da operación por parte deste, así como as tarefas administrativas, de control, seguimento e eventual execución do aval que esta operación poida xerar».

VI. [Entidade financeira] non poderá conceder aprazamentos, prórrogas nin modificar as condicións iniciais de cada operación sen autorización expresa do IGVS, mentres permaneza en vigor o aval do IGVS, agás de calquera modificación imposta con carácter normativo (por exemplo as recollidas no Real decreto lei 6/2012, do 9 de marzo, de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos).

VII. Así mesmo, o IGVS deberá prestar conformidade e autorización expresa á parte prestameira para que, no seu caso e día, outorgue por si soa as escrituras de novación modificativa da presente escritura, conforme o disposto na Lei 2/1994, do 30 de marzo, sobre subrogación e modificación de préstamos hipotecarios, non só modificando o tipo de interese senón tamén o prazo de duración do financiamento, requiríndose a dita conformidade para que se estenda a fianza no tempo, caso de aumentalo ao novo prazo pactado, mentres permaneza en vigor o aval do IGVS.

En ningún caso a escritura nin ningún outro documento que subscriban a entidade financeira e a persoa beneficiaria final poderá conter regulacións relativas ao aval do IGVS ou que impliquen calquera tipo de obrigas ou deberes para este que non se recollen no presente convenio ou que non fosen aceptadas de maneira previa, expresa e por escrito polo IGVS.

Décimo segunda. Protección de datos persoais

De conformidade co establecido no artigo 14 e seguintes da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 29 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas asinantes do convenio manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan no presente convenio e demais especificacións contidas nel poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

As partes comprométense a tratar os datos persoais que fosen postos no seu coñecemento unicamente coa finalidade e alcance de executar o establecido neste convenio, respectando os requisitos establecidos no Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos, en diante, RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante na materia.

Así mesmo, cada parte informa a outra parte de que os datos persoais dos representantes que actúan no nome e por conta de cada unha delas serán tratados coa finalidade de xestionar o presente convenio, así como, de ser o caso, cumprir coas obrigas legais impostas ás partes durante á súa vixencia. Unha vez finalizada a vixencia, os datos serán conservados, debidamente bloqueados, durante os prazos de prescrición das accións que puidesen derivar da execución do presente convenio e para os únicos efectos de cumprir os deberes legais requiridos e para a formulación, exercicio ou defensa de reclamacións.

Os titulares dos datos poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, limitación ao tratamento, supresión e oposición de acordo coa normativa que resulta de aplicación:

− Respecto ao IGVS: a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se especifica na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

− Respecto á entidade financeira: (para cubrir no convenio que se formalice con cada entidade)

Así mesmo, os interesados poderán dirixir aquelas reclamacións derivadas do tratamento dos seus datos á Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).

Finalmente, os datos de contacto dos respectivos delegados de protección de datos son:

− Respecto ao IGVS: https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

− Respecto á entidade financeira: (para cubrir no convenio que se formalice con cada entidade).

Décimo terceira. Notificacións

As obrigas de información establecidas neste convenio levaranse a termo por vía telemática, de acordo coas instrucións que se faciliten, aos enderezos en cada momento comunicadas polo IGVS. En todo caso, a información facilitada pola entidade financeira deberá respectar e cumprir co previsto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos personais e garantía dos dereitos dixitais.

Décimo cuarta. Cargas fiscais e gastos

O pagamento de tributos, cargas fiscais e demais gastos que se deriven da aplicación do convenio farase segundo a lei, sen que a entidade financeira poida repercutir ao IGVS as cantidades debidas ou satisfeitas polos devanditos conceptos.

Décimo quinta. Facilidades para a tramitación

A entidade financeira, para a maior eficacia e efectividade no desenvolvemento do previsto no convenio, comprométese a implementar e levar a cabo todas as actuacións precisas para facilitarlles ao máximo aos particulares a tramitación, avaliación e concesión destes avais.

Décimo sexta. Comisión de Seguimento

Establécese unha comisión de seguimento, que estará integrada por, cando menos, dous representantes do IGVS, actuando un deles de coordinador e, polo menos, un representante de cada entidade financeira. O labor desta comisión de seguimento será o de impulsar os obxectivos convenio, interpretar o seu contido e dirimir as discrepancias que se puidesen expor, e establecer os mellores procedementos para o seu eficaz desenvolvemento.

A Comisión de Seguimento reunirase coa periodicidade que as partes consideren necesaria.

Décimo sétima. Adhesión ao convenio

O IGVS queda autorizado expresamente, logo de notificación á entidade asinante do convenio, a propoñer e levar a cabo cantos trámites sexan necesarios para a efectiva adhesión de novas entidades financeiras ao presente convenio nos termos e condicións que nel se establecen.

Décimo oitava. Modificación do convenio

A modificación do convenio require o acordo expreso dos asinantes, aínda que se unha entidade financeira non subscribe a modificación, esta non lle será aplicable, e entenderase resolto o convenio respecto da dita entidade financeira, á marxe da subsistencia dos dereitos e obrigacións derivados das operacións realizadas.

Décimo novena. Réxime xurídico

O convenio ten carácter administrativo, rexéndose para os seus efectos polas súas cláusulas, e non lle será de aplicación a lexislación de contratos do sector público, conforme co disposto no artigo 6.2 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, sen prexuízo da aplicación supletoria dos principios da lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se puidesen presentar.

Dada a natureza xurídico-pública do convenio, as controversias que puidesen xurdir na aplicación do convenio serán resoltas pola xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésima. Principio de prudencia financeira

A eficacia das cláusulas do convenio quedará condicionada ás normas ou acordos que se adopten en materia de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e poderá o IGVS propoñer a subscrición de addendas ao convenio ou acordar a súa extinción, cando así resulte obrigado en virtude daquelas normas ou acordos.

Vixésimo primeira. Divulgación da formalización do convenio

As partes poderán participar na promoción, divulgación e difusión das actividades e dos resultados obtidos como consecuencia da execución deste convenio mediante a correspondente publicación nas súas páxinas web e demais medios de comunicación.

En proba de conformidade, as partes subscriben o presente documento no lugar e na data indicados no encabezamento.

ANEXO II

Zonas territoriais

− Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: comprende os concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra.

− Concellos correspondentes á zona territorial 1:

Na provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

Na provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

Na provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

Na provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

− Concellos correspondentes á zona territorial 2: resto de municipios da Comunidade Autónoma.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file