Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 11 de abril de 2023 Páx. 22849

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2023 pola que se convocan as xornadas O control externo local no exercicio 2022: balance práctico e recomendacións.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), e os obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia recollidos no protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2023 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración co Consello de Contas de Galicia, as xornadas O control externo local no exercicio 2022: balance práctico e recomendacións, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contidos

O Consello de Contas de Galicia, na súa condición de órgano estatutario de control externo da xestión económico-financeira do sector público de Galicia, ten tres funcións básicas: a de vixilancia (a máis coñecida de control da legalidade e regularidade contable), a de xeración de evidencias para a mellora da xestión pública desde o punto de vista da economía, eficacia e eficiencia do gasto e do ingreso público, pero tamén da súa sustentabilidade, e, finalmente, a de colaboración na prevención da fraude e o impulso de marcos de integridade na xestión pública.

Co obxecto de achegar os resultados desta tripla función no exercicio 2022 propóñense estas xornadas desde a Área de Corporacións Locais do Consello de Contas de Galicia desde o convencemento das sinerxías entre o control externo e o control interno, pero tamén do papel da primeira liña de defensa na xestión do sector público, a administración activa. En síntese, trátase de dar visibilidade ás posibilidades de mellora na xestión do público desde o control externo.

Esta actividade consistirá nunha exposición das funcións básicas do Consello de Contas de Galicia desde a Área de Corporacións Locais, para, a continuación, efectuar exposicións, eminentemente prácticas, dos produtos elaborados no exercicio 2022, as súas conclusións e as principais recomendacións de mellora efectuadas. Esta visión complementarase coa exposición da experiencia doutros órganos autonómicos de control externo e o Tribunal de Contas Europeo.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local de Galicia.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, poderá acceder ás vacantes que resulten o persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional.

Terceira. Desenvolvemento

Datas: 20 e 21 de abril de 2023.

Modalidade: presencial.

Horario: de mañá e tarde o día 20 e só de mañá o día 21 de abril.

Horas lectivas: 8.

Lugar: EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Número de prazas limitado á capacidade do local.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e xestión das entidades locais) e despois seleccionar no nome do curso: Xornadas O control externo local no exercicio 2022: balance práctico e recomendacións.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 17 de abril de 2023.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico
<novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas e de acordo co establecido na base segunda desta resolución para as persoas destinatarias.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 19 de abril de 2023, ata as 12.00 horas. Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública