Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Mércores, 12 de abril de 2023 Páx. 23037

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se regulan os permisos derivados do proceso electoral dos órganos de representación do persoal das institucións sanitarias.

Ante o proceso de eleccións sindicais dos representantes do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que terá lugar neste ano, cómpre establecer o sistema de permisos para as persoas membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nestas, interventores/as, apoderados/as das candidaturas e electores/as desas institucións sanitarias.

Polo tanto, esta dirección xeral, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 208, do 31 de outubro), e na Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (DOG núm. 82, do 29 de abril),

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto establecer os permisos necesarios para executar o proceso de eleccións sindicais dos órganos de representación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, que terá lugar durante este ano 2023, para as persoas membros das candidaturas, integrantes das mesas electorais, representantes da Administración nestas, interventores/as, apoderados/as das candidaturas e electores/as das ditas institucións sanitarias.

Segundo. Reunións previas

As persoas integrantes das mesas electorais e representantes da Administración gozarán de permisos polo tempo indispensable para asistiren ás xuntanzas da Mesa Electoral, incluíndo os desprazamentos fóra da súa residencia oficial.

Terceiro. Permisos das persoas integrantes das mesas electorais

As persoas integrantes das mesas (titulares ou suplentes), representantes da Administración, interventores/as e apoderados/as disporán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación, así como a xornada inmediatamente posterior (mañá, tarde e noite), sempre que exerzan o seu cargo como integrantes das mesas electorais.

Así mesmo, as persoas integrantes das mesas, incluídas as que figuren como primeiras suplentes, así como os/as interventores/as, disporán da licenza retribuída correspondente á quenda, garda ou atención continuada que inclúa necesariamente a noite inmediatamente anterior á data da votación, sempre que se confirme a súa asistencia ao acto de constitución da Mesa no día das eleccións, aínda que finalmente non formen parte da Mesa por comparecer a persoa titular.

Os e as primeiras suplentes que acudan ao acto de constitución citado e non exerzan o cargo serán compensadas co tempo de desprazamento e comparecencia, cunha hora na inmediata quenda que lles corresponda traballar, no caso de coincidir a Mesa co centro de traballo. De non ser así, serán compensadas, ademais, co tempo que razoablemente se calcule como de desprazamento.

Cuarto. Permiso especial para as persoas integrantes das mesas coordinadoras

As persoas integrantes das mesas electorais coordinadoras, titulares ou suplentes, de exerceren o seu cargo, disporán dun permiso retribuído a todos os efectos durante os dous días inmediatamente posteriores ao da data da votación.

Quinto. Permiso das persoas electoras

O persoal que presta servizos nas institucións sanitarias xestionadas polo Servizo Galego de Saúde que teña a condición de elector ou electora disporá, en función da situación da Mesa Electoral en que exerza o seu dereito de voto, dos permisos seguintes:

1. Se a Mesa Electoral está situada no mesmo centro de traballo en que presta os seus servizos, do tempo imprescindible para depositar o seu voto.

2. Se a Mesa Electoral está situada noutro centro de traballo diferente ao da prestación de servizos, pero na mesma localidade, de ata un máximo de dúas horas.

3. Se a Mesa está situada noutro centro de traballo diferente e fóra da localidade de prestación de servizos, de ata un máximo de catro horas.

4. O persoal de cota e zona disporá do permiso correspondente, establecido nos parágrafos anteriores, fóra do horario de consulta, durante o período da xornada correspondente á asistencia domiciliaria.

Nos supostos 2 e 3 anteriores, requiriráselles ás persoas electoras o xustificante da efectividade do voto, expedido pola Presidencia da Mesa Electoral en que exerzan o seu dereito.

O persoal que teña unha xornada ou quenda de traballo que na data da votación non coincida, cando menos, en catro horas co horario de votación da Mesa Electoral que lle corresponda, non terá dereito a permiso ningún por este concepto.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos