Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 13 de abril de 2023 Páx. 23237

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do acordo coas organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se modifican e se engaden puntos ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

O 31 de marzo de 2023 a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO, CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino acordaron modificar e engadir puntos ao Acordo do 20 de xuño de 1995 sobre o acceso á función pública docente en calidade de persoal interino e substituto.

Con base no disposto polo artigo 38 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, procede ordenar a publicación da citada modificación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o anterior,

ACORDO:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSIF-Ensino e UGT-SP Ensino polo que se modifican e engaden puntos ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia que imparte ensinanzas distintas das universitarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, adaptado á Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modifica a disposición adicional sétima desta Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e declara para extinguir o corpo de profesores técnicos de formación profesional.

Posteriormente, a Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, no artigo 85 crea o corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional; na disposición adicional quinta establece as especialidades do corpo para extinguir de profesores técnicos de formación profesional que se integran no corpo de profesores de ensino secundario, e as especialidades do dito corpo para extinguir que pasan a formar parte da atribución docente do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

Como consecuencia da normativa mencionada, constátase a necesidade de incluír no Acordo do 20 de xuño de 1995 as seguintes precisións que xorden do novo marco normativo descrito:

1. Que, a partir do 1 de setembro de 2023, as prazas das especialidades correspondentes ao corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se ofertarán no corpo en que se integra cada unha das especialidades.

2. Que o persoal que forma parte das listas de interinidades e substitucións das especialidades do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, se integra pola mesma orde nas listas da súa especialidade no corpo de profesores de ensino secundario ou no corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, segundo corresponda.

Por último, a Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, co fin de delimitar claramente a natureza da relación que mantén o persoal funcionario interino coa Administración, dá unha nova redacción ao punto primeiro do artigo 10 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do emprego público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establecendo un límite temporal de tres anos aos nomeamentos do persoal interino.

Polo tanto, resulta oportuno clarificar en relación coa aplicación desta lei ao persoal docente o seguinte:

1. A limitación temporal contida no artigo 10.1.a) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do emprego público non resulta de aplicación no que atinxe á cobertura de prazas non estruturais.

2. A limitación temporal contida no artigo 10.1.a) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do emprego público non resulta de aplicación con relación ao número de nomeamentos con duración por curso académico para o persoal interino.

3. O artigo 23.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, xa establece que o persoal funcionario interino docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, se nomeará sempre cunha duración determinada, e a data de finalización do nomeamento non excederá o inicio do curso académico inmediatamente seguinte.

Pola súa vez, é oportuno abordar unha modificación dos criterios que se teñen en conta para a elaboración do baremo aplicable ás novas convocatorias de listas de interinidades e substitucións, que permita unha maior celeridade nos nomeamentos, conforme prevé o artigo 10.2 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e garantir un procedemento áxil na súa selección de acordo co artigo 24.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Tendo presente a necesidade dun procedemento dotado dunha maior celeridade e axilidade, resulta necesario modificar dúas epígrafes do punto décimo cuarto do Acordo que están, neste momento, distorsionando o seu funcionamento. Trátase da ampliación de estudos, bolsas de estudos e da posibilidade de non ser chamado sempre que se alegue e xustifique un contrato de traballo de carácter temporal, dada a modificación realizada no Estatuto dos traballadores polo Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Como consecuencia do exposto e para os efectos de dar cumprimento ao novo marco normativo descrito e facilitar a súa adaptación e implantación, modifícanse os seguintes puntos do Acordo do 20 de xuño de 1995:

Primeiro. O punto primeiro queda redactado como segue:

«Primeiro. Oferta de emprego público

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece como obxectivo que o número de interinos dos corpos docentes que impartan as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, sexa de ao redor do 5 % dos cadros de persoal.

Para acadar este obxectivo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades realizará amplas ofertas de emprego, logo de negociación na mesa sectorial docente non universitaria, no marco da normativa que sexa de aplicación.

No proceso de negociación das ofertas de emprego teranse en conta, ademais das xubilacións que se produzan e as novas necesidades derivadas das políticas educativas, os resultados producidos no relativo ao acceso do persoal interino docente á condición de funcionario de carreira, no desenvolvemento dos concursos-oposicións inmediatamente anteriores».

Segundo. Engádese un novo punto primeiro bis coa seguinte redacción:

«Primeiro bis. Nomeamento de persoal docente interino e substituto

1. De conformidade co establecido no artigo 23.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, o persoal funcionario interino docente que imparta as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou norma que a substitúa, nomearase sempre cunha duración determinada, e a data de finalización do nomeamento non excederá o inicio do curso académico inmediatamente seguinte.

2. A limitación temporal establecida no artigo 23.2.a) e a indemnización prevista no artigo 24.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non será de aplicación aos nomeamentos ou cesamentos na cobertura de prazas non estruturais.

3. A limitación temporal de 3 anos establecida na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes de redución da temporalidade no emprego público, e no artigo 23.2.a) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, non resulta de aplicación con relación ao número de nomeamentos, con duración por curso académico, para o persoal interino».

Terceiro. Engádese un novo punto primeiro ter coa seguinte redacción:

«Primeiro ter. Prazas non estruturais

Considéranse prazas non estruturais nos centros educativos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, as seguintes:

a) As prazas ofertadas para provisión temporal con xornada reducida.

b) As prazas que sexan cubertas mediante un nomeamento posterior ao 1 de xaneiro de cada curso académico.

c) As prazas que sexan propiedade dunha persoa titular que non as desempeña temporalmente, por estar en comisión de servizos, en permiso sindical a tempo completo, en situacións administrativas distintas da de activo con reserva de praza, e outras análogas.

d) As prazas derivadas das reducións de xornada do persoal que desempeña cargos directivos nos centros tipo A, B e C que imparten as ensinanzas distintas da educación infantil e primaria e educación especial.

e) As prazas temporais pertencentes ao corpo de mestres que non estean incluídas no catálogo de postos de traballo dos centros de educación infantil, educación primaria, educación infantil e primaria, educación especial e centros públicos integrados.

f) As prazas desempeñadas en especialidades non vixentes.

g) As prazas desempeñadas por persoal seleccionado como persoal especialista ou persoal experto.

h) As prazas ofertadas en centros non dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

i) As prazas que non estean previstas na planificación educativa».

Cuarto. Engádese un punto segundo bis coa seguinte redacción:

«Segundo bis. Ordenación da lista de Orientación do corpo de mestres

A ordenación da lista de Orientación realizarase pola data de acceso á primeira interinidade ou substitución dunha especialidade do corpo de mestres, entre as persoas que estean en posesión dunha das seguintes titulacións: licenciatura ou grao en Pedagoxía ou en Psicoloxía, licenciatura en Psicopedagoxía ou en Filosofía e Ciencias da Educación (especialidades de Psicoloxía ou Ciencias da Educación) ou en Filosofía e Letras (especialidades de Pedagoxía ou Psicoloxía). No suposto de que dúas ou máis persoas interinas accederan á primeira interinidade ou substitución na mesma data, se pertencen á mesma lista, a ordenación realizarase pola orde que posúan na dita lista e, no caso de que formen parte de distintas listas, a ordenación realizarase pola orde alfabética dos apelidos.

A lista de Orientación elaborarase cada curso académico incorporando a ela aquelas persoas que autorizasen a consulta telemática ou achegasen unha das titulacións citadas no parágrafo anterior, mediante a solicitude de actualización e/ou modificación do seu expediente persoal ou a solicitude de participación no procedemento selectivo de ingreso a unha especialidade do corpo de mestres».

Quinto. O punto sétimo de acordo queda redacto como segue:

«Sétimo. Orde de adxudicación

A adxudicación realizarase por especialidades.

A orde de adxudicación das especialidades efectuarase tendo en conta que en primeiro lugar se adxudicarán as especialidades pertencentes a cada corpo, pola orde que a seguir se relaciona:

– 510 Inspectores de Educación.

– 597 Mestres.

– 512/592 Catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas.

– 513/595 Catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño.

– 596 Mestres de taller de artes plásticas e deseño.

– 593 Catedráticos de música e artes escénicas.

– 594 Profesores de música e artes escénicas.

– 511/590 Catedráticos e profesores de ensino secundario.

– 598 Profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional.

Dentro de cada corpo, a orde de adxudicación realizarase pola orde de código das especialidades».

Sexto. O punto décimo do acordo queda redactado como segue:

«Décimo. Convocatorias de listas de interinidades e substitucións

Se unha vez realizado chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo continúa resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo de comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial e as organizacións asinantes deste acordo, abrirá un prazo de solicitudes, e como baremo aplicarase a nota media da titulación exixida para cada especialidade para a incorporación ás listas de interinidades e substitucións.

En todo caso, exixírase a acreditación do coñecemento da lingua galega.

No suposto de extrema urxencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar os chamamentos para a cobertura das interinidades e substitucións, utilizando a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, por orde de puntuación».

Sétimo. O punto décimo terceiro queda redacto como segue:

«Décimo terceiro. Prazas de aceptación voluntaria

Cando as prazas ofertadas sexan de itinerancia, ou de tempo parcial, ou para desempeñar nos cárceres, centros de menores ou de atención domiciliaria, ou outras de réxime especial que determine a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, oída a Comisión de Seguimento deste acordo, a persoa aspirante poderá non efectuar solicitudes destas prazas, sen que iso implique a renuncia ás listas e aos próximos chamamentos que lle correspondan. Ademais, poderán rexeitar estas prazas nos chamamentos que se produzan».

Oitavo. O punto décimo cuarto do acordo queda redactado como segue:

«Décimo cuarto. Renuncias

1. O persoal docente interino e substituto terá dereito a non aceptar as interinidades ou substitucións que se lle ofrezan, sen perder o número de orde da lista correspondente, por un período mínimo dun curso académico ou polo que reste de curso académico, desde a súa solicitude, polas seguintes causas obxecto de xustificación:

a) Coidado de fillos e fillas.

– Para atender o coidado dun fillo ou filla menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.

– Para atender un fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

– Para atender dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

– Para atender tres fillos ou fillas menores de doce anos ou dous fillos ou fillas menores de doce anos se un deles ten un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 % ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos computarase en 1 de setembro de cada ano académico.

b) Para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

Excepcionalmente, para atender o coidado dun familiar que se teña ao seu cargo, en segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, cando non existan superviventes de primeiro grao ou estean incapacitados para atender o seu coidado ou se trate de persoas conviventes.

c) Por enfermidade grave da propia persoa docente.

d) Por ser vítima de violencia de xénero ou de violencia sexual ou violencia terrorista.

e) Ampliación de estudos oficiais.

Por ampliación de estudos, por un período máximo de tres anos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realizan estudos para obter un título universitario oficial de doutor, máster, grao, ou equivalente.

No caso dos graos deberá efectuarse a matrícula de, polo menos, 30 créditos e acreditar a realización das correspondentes probas ao final do curso académico.

Nos supostos do máster ou doutoramento a matrícula deberá realizarse de, polo menos, o 30 por 100 dos contidos.

Excepcionalmente, poderá utilizarse un cuarto e quinto ano nos estudos de grao e doutoramento. Nos graos será necesario ter cursado e superado un mínimo de 90 créditos da mesma titulación. Para estes efectos non se terán en conta as materias validadas.

f) Por calquera das circunstancias que permiten ao persoal funcionario público a concesión de servizos especiais.

A renuncia deberá formularse no prazo establecido na orde que regula a adxudicación de destinos provisionais ou, en todo caso, no prazo de reclamacións e renuncias á adxudicación provisional de destinos para o curso académico que proceda, agás que teña a súa orixe nunha causa sobrevida con posterioridade ou chamamento por primeira vez.

2. O persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado para as prazas que puidesen corresponderlle por un período máximo e improrrogable de tres cursos académicos, que non terán que ser necesariamente consecutivos, sempre que alegue e xustifique ter un contrato de traballo ou prestar servizos noutro posto do sector público ou ben desenvolver un traballo por conta propia. Neste último caso deberá acreditar esta situación mediante a alta no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos durante un período mínimo de 6 meses anterior ao chamamento.

Non será posible efectuar esta opción unha vez producido o nomeamento de persoal interino ou substituto, agás causa sobrevida ao nomeamento.

3. O persoal docente interino e substituto poderá solicitar non ser chamado para as prazas que puidesen corresponderlle sempre que alegue e xustifique estar impartindo cursos de formación relacionados coa lingua galega impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

4. O persoal a que se fai referencia neste punto décimo cuarto poderá optar, durante os períodos máximo e mínimo previstos nel, por realizar substitucións en concellos determinados. A opción deberá efectuarse na páxina www.edu.xunta.gal/substitutos e a solicitude xunto coa documentación xustificativa deberán presentarse empregando o modelo normalizado de solicitude xenérica PR004 dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica, ou procedemento que para estes efectos sinale a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no prazo comprendido entre os días 15 de xuño e 15 de xullo do ano correspondente. Será obrigatorio incluír na petición concellos en que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente. Esta opción será por todo o curso académico.

5. Sen prexuízo das renuncias recollidas na Orde do 7 de xuño de 2018 que regula o CADP, excepcionalmente, as persoas que se acolleron a realizar substitucións en concellos determinados poderán optar por non prestar servizos durante todo o curso académico sempre que sexa con anterioridade á toma de posesión do seu primeiro nomeamento nese curso».

Noveno. O primeiro parágrafo do punto vixésimo primeiro queda redactado como segue:

«Vixésimo primeiro. Chamamentos

Realizada a adxudicación definitiva de destinos provisionais, os chamamentos para realizar substitucións e, se é o caso, interinidades, efectuaranse telefonicamente de acordo coa orde de prelación, segundo os datos de contacto das persoas interesadas que consten nesta consellería no seu expediente administrativo persoal (no enderezo https://www.edu.xunta.gal/datospersoais).

Para estes efectos, o persoal docente interino e substituto deberá verificar e/ou actualizar, de ser o caso, os seus datos de contacto telefónico, de tal xeito que serán responsabilidade exclusiva de cada persoa os erros que deriven do estado destes datos e vinculará tanto a Administración como as persoas interesadas».

Décimo. Engádese o punto vixésimo terceiro coa seguinte redacción:

«Vixésimo terceiro. Formación inicial para os novos docentes

Cando sexa nomeado por primeira vez, o persoal docente interino e substituto deberá realizar, en rede, un curso de formación inicial para novos docentes, de 30 horas de duración, que incluirá formación en prevención de riscos laborais. Este curso poderá rematarse voluntariamente aínda que se cesase na interinidade ou substitución e será recoñecido para todos os efectos».

Décimo primeiro. Engádese a disposición adicional terceira coa seguinte redacción:

«Disposición adicional terceira. Listaxes das especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de formación profesional

1. O persoal que forma parte das listas dunha das 19 especialidades do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que se integraron no corpo de profesores de ensino secundario, pasa a formar parte das novas listas do corpo de profesores de ensino secundario, da mesma especialidade, e na mesma orde de chamamento en que figuraba no corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

2. O persoal que forma parte das listas dunha das 10 especialidades do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional, que se integraron no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de formación profesional, pasa a formar parte das novas listas do corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, na mesma especialidade, e na mesma orde de chamamento en que figuraba no corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional.

3. Estas novas listaxes resultarán de aplicación para os nomeamentos que teñan efectividade a partir do 1 de setembro de 2023, este incluído».

Décimo segundo. Engádese a disposición adicional cuarta coa seguinte redacción:

«Disposición adicional cuarta. Mantemento da mesma persoa substituta

Cando o desempeño dunha substitución se interrompa pola incorporación da persoa titular coincidindo cos períodos non lectivos de Nadal, Entroido e Semana Santa, de producirse a mesma necesidade de cobertura da substitución no reinicio do período lectivo, poderase nomear, a petición de parte, a mesma persoa que viña desempeñando a praza».

Disposición final. Autorización para publicar no Diario Oficial de Galicia un texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995

Para unha mellor comprensión do texto, autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a publicar no Diario Oficial de Galicia un texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 vixente.