Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23620

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convocan axudas de emerxencia social para o ano 2023 (código de procedemento PR935A).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do dito decreto desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto da cidadanía española no exterior, aprobado mediante a Lei 40/2006, do 14 de decembro, que se configura como o marco xurídico que lles garante ás persoas residentes no exterior o exercicio dos seus dereitos e deberes constitucionais, establece, no seu artigo 5, a asistencia e protección por parte da Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, no marco das súas respectivas competencias, daquelas persoas residentes no exterior que se encontren en situación de necesidade.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Porén, ao longo destes anos a Secretaría Xeral da Emigración detectou a existencia de situacións de grave necesidade, sobrevidas a persoas sen recursos económicos, orixinadas por desastres naturais ou de carácter sanitario, social ou asistencial, que non poden ser atendidas a través de ningún outro recurso, polo que deben ser obxecto dunha convocatoria específica de axudas que se adapte ás súas peculiaridades, co fin de evitar ou paliar situacións de exclusión social.

As peticións prodúcense ao longo de todo o ano, sen concentrarse en datas concretas, e as causas destas (motivos asistenciais, de precariedade económica, humanitarios, etc.) están dentro do ámbito de actuación que, por atribución de competencias, corresponden á Secretaría Xeral da Emigración.

As circunstancias de temporalidade e a especificidade dos supostos concretos que se formulan, así como a diferente situación persoal e familiar das persoas solicitantes e dos países en que viven, impiden a comparanza e prelación entre as solicitudes presentadas para a súa resolución nun único procedemento, e élles aplicable a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas garantías previstas no seu artigo 31.4. Así mesmo, ao teren estas axudas un carácter marcadamente social e humanitario, dirixidas a persoas sen recursos e que se conceden en atención a ter acreditado, previamente á súa concesión, tal situación, cómpre aplicar o disposto no artigo 28.9 da mencionada Lei 9/2007, do 13 de xuño, na fase de xustificación, sen prexuízo de poder establecer os controis necesarios para verificar o cumprimento das obrigas e a existencia de tal situación.

O virus COVID-19 converteuse nunha pandemia global e as súas consecuencias sociais e económicas redundaron no agravamento de situacións persoais que provocaron o paso de vivir unha vida digna a unha vida ao límite da exclusión social. Segundo as previsións dos organismos internacionais, as perspectivas de recuperación económica continuarán sendo difíciles para os países de América Latina e o Caribe, dada a forte contracción da oferta e a demanda e a destrución de emprego orixinada pola crise sanitaria, polo que resulta conveniente volver a convocar as axudas dirixidas a paliar, entre outros, os estragos da prolongación desa crise entre as persoas galegas residentes no exterior.

No DOG núm. 58, do 26 de marzo de 2021, publicouse a Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social (código de procedemento PR935A), que rexerán as que se convocan mediante esta resolución para o ano 2023.

De acordo con esas bases, as presentes axudas tramitaranse na modalidade de concorrencia non competitiva prevista no dito artigo 19.2, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos e criterios básicos en que se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban, de tal xeito que garanta a súa obxectividade e non se creen expectativas que non poidan ser satisfeitas por razón da propia índole da convocatoria, das situacións a que se pretende dar cobertura e das propias limitacións dos créditos destinados a ela.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar axudas de emerxencia social para o ano 2023, de acordo coas bases previstas na Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social, publicada no DOG núm. 58, do 26 de marzo (código de procedemento PR935A).

Artigo 2. Réxime destas axudas

1. Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias.

2. As axudas convocadas por esta resolución serán reguladas polas bases contidas na dita Resolución do 2 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, polo que, en todo o non previsto nesta convocatoria, será de aplicación a dita resolución.

3. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras desta convocatoria.

Artigo 4. Requisitos

Os requisitos que deberán cumprir as persoas solicitante son os establecidos no artigo 4 das bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social:

a) Ter rendas ou ingresos insuficientes, considerando como tales os que se especifican no parágrafo segundo da alínea a) do dito artigo.

b) Ter patrimonio insuficiente, de acordo cos criterios mencionados no parágrafo segundo do artigo 4.b) da resolución que establece as bases.

c) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude, como máximo nos últimos doce meses, que pola súa gravidade requiran unha actuación urxente, de conformidade co disposto nesa disposición e no artigo 8 desta resolución de convocatoria.

Artigo 5. Financiamento, contía das axudas e gastos subvencionables

1. A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por importe de cincuenta mil euros (50.000 €), que poderá ser ampliado en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e á vista do número de solicitudes presentadas.

2. As contías das axudas e os gastos subvencionables varían en función das circunstancias excepcionais e urxentes que concorran en cada caso, segundo o disposto no artigo 5.2 e 3 das bases reguladoras.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderanse dirixir ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Española de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal, que deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito.

5. No suposto de que a circunstancia que xustifique a solicitude de axuda sexa o motivo de que a persoa solicitante non poida asinar da súa man, poderao facer mediante pegada dactilar ou dixital. De resultar imposible, admitirase tamén que a asine, no seu nome, a persoa da súa unidade familiar responsable do seu coidado que o acredite suficientemente.

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2023.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación:

1.1. Documentación acreditativa da identidade, nacionalidade española e residencia no exterior:

a) Documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, no cal conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular. Esta inscrición deberá ser anterior á presentación da solicitude, agás en casos de imposibilidade de obtención debidamente acreditada.

1.2. Documentación acreditativa da orixe galega.

A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

a) Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

b) Ser descendente ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

As persoas descendentes ata o primeiro grao de consanguinidade dunha das persoas descritas na alínea a) deberán ter vinculación con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

A vinculación cun concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que esta incapacidade lle impida a inscrición neste censo.

1.3. Documentación acreditativa da situación económica da persoa solicitante da axuda, así como da súa unidade económica familiar.

a) Unha certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que se perciban.

b) Documentación xustificativa oficial en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan estas persoas ou, de non ser posible obtela, unha declaración responsable asinada por todos na cal conste o valor patrimonial dos bens de que dispoñan.

No caso de solicitar axuda de viaxe, orzamento do importe ou copia da reserva do billete de avión e, de ser o caso, documentación acreditativa da situación económica da persoa acompañante e a da súa unidade económica familiar, así como a da familia de acollemento en Galicia, se a houber.

1.4. Documento acreditativo do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda.

O estado de emerxencia ou necesidade que pola súa gravidade precise dunha actuación urxente acreditarase mediante certificados oficiais e/ou un informe dun profesional acreditado no cal conste o seguinte contido:

a) Para os supostos de marxinación social e situacións que lle impidan á persoa solicitante valerse por si mesma: a descrición da situación actual, a identificación das circunstancias recentes (acaecidas nos últimos 12 meses) que a motive e os medios de que dispón para a súa cobertura, indicando, de ser o caso, cales son.

b) Para os supostos de perda, inadecuación ou deterioración da dotación básica da vivenda habitual ou familiar: descrición do seu estado actual, das causas que motivaron tal situación –catástrofes naturais e/ou outras acontecidas no último ano– e un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación, emitidos por un organismo competente.

c) No caso de problemas perentorios referidos á alimentación, vestido, educación e outros de natureza análoga: descrición da situación actual e das circunstancias de que deriva, indicando se ten cobertura por algún sistema de protección.

d) No caso de problemas sanitarios graves: certificados médicos onde se precise a situación do paciente e o seu tratamento, declaración do seguro para a súa cobertura, de ser o caso, documentación xustificativa da necesidade de viaxar a España para a súa atención, se for o caso, e un orzamento detallado dos gastos necesarios para paliar a situación grave derivada dos problemas de saúde (tratamento, prestación asistencial, custos da viaxe, de ser o caso), emitidos por organismos oficiais ou de ampla traxectoria no eido sanitario e/ou asistencial ou os profesionais adecuados.

1.5. Para realizar as prestacións sanitarias no territorio do Estado español deberá presentar, ademais do anterior:

a) Documento acreditativo da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde se vaia realizar tal prestación.

b) Para o caso de acollemento familiar ou asistencial en Galicia, a acreditación por parte da familia de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda. Neste caso, o/a representante que actúa no nome da familia de acollida tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación que se especifica nos puntos 1.1.a), e 1.3.a) e b).

1.6. Para o caso de necesitar da asistencia dunha persoa acompañante, deberá presentar:

a) Certificados expedidos por organismos oficiais que acrediten a necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe.

b) Neste caso, a persoa acompañante tamén deberá cubrir o modelo do anexo II e presentar a documentación acreditativa da súa identidade e nacionalidade, así como da súa situación económica e da súa unidade económica familiar.

1.7. Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, de ser o caso.

1.8. Outra documentación xustificativa ou informes do estado de necesidade que fundamenten a solicitude de axuda, que completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para a obtención da axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) No caso da persoa solicitante:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Documentación oficial acreditativa de encontrarse vinculado/a a un concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

b) No caso da persoa acompañante ou representante da familia de acollemento:

– DNI da persoa acompañante.

– DNI/NIE da persoa representante da familia de acollemento.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén se poderán tramitar de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Natureza e compatibilidade das axudas

1. As axudas teñen carácter persoal e intransferible. As axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias e estarán, en todo caso, condicionadas ás dispoñibilidades orzamentarias do exercicio correspondente, previstas para esta finalidade.

No suposto de que, unha vez ditada a resolución de concesión das axudas, a persoa beneficiaria faleza, terán dereito á súa percepción as persoas que acrediten, de acordo coa normativa do país de residencia, a súa condición de herdeiras.

2. Soamente se poderá conceder unha axuda por feito causante. Cada persoa solicitante só poderá pedir unha axuda por un único suposto. De se presentar máis dunha solicitude, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar, segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 12. Procedemento de instrución e concesión

1. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, que emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación. Este órgano colexiado estará formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración.

Se a Comisión de Avaliación así o estimar, poderá encargar informes socioambientais, que serán realizados por profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes, e os resultados obtidos deberán ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará por desistida da súa petición, de conformidade co que se dispón no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución, nas bases reguladoras, na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Resolución e pagamento

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se remitirá á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución que deberá estar debidamente motivada.

O prazo máximo para resolver e notificar será de dous meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderanse entender desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, as actividades obxecto destas axudas deberanse realizar con anterioridade ao 15 de decembro de 2023.

2. A contía das axudas concedidas aboaráselles ás persoas beneficiarias nun pagamento único, unha vez notificada a resolución de concesión. Realizarase, salvo casos que así o aconsellen, mediante transferencia bancaria. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o pagamento por causas imputables ás persoas solicitantes. As persoas beneficiarias das axudas reguladas nas alíneas b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta convocatoria quedarán exentas da constitución de garantías.

Cando a persoa solicitante desexe que a axuda lle sexa aboada mediante transferencia bancaria, deberá cubrir a epígrafe de datos bancarios do anexo I e achegar un certificado bancario da conta, da cal debe ser titular, onde se indique tamén o SWIFT/BIC do banco.

3. O pagamento correspondente ás axudas da Arxentina e do Uruguai poderase aboar directamente a cada unha das persoas beneficiarias ou a unha conta da titularidade da Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, que será a que se encargue de aboar a cada unha das persoas beneficiarias residentes neses países o importe correspondente.

No suposto de viaxes de persoas ou grupos familiares, o importe será o acreditado mediante orzamento ou billete reservado pola persoa interesada e poden, así mesmo, ser incluídos como subvencionables pola Secretaría Xeral da Emigración os trámites e pagamentos para a expedición dos billetes e/ou taxas necesarias para realizar tales viaxes, sen que se poidan exceder no seu financiamento os límites previstos no artigo 5.2 das bases reguladoras deste programa de axudas.

Estas axudas teñen carácter persoal, intransferible e non orixinan ningún dereito subxectivo para as persoas beneficiarias, salvo nos supostos b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta convocatoria, supostos en que, unha vez ditada a resolución de concesión da axuda, a persoa beneficiaria faleza, en que se lles poderá aboar a axuda ás persoas que, de acordo coa normativa do país de residencia, acrediten a súa condición de herdeiras dentro do prazo de tres meses desde a data de notificación da resolución de concesión, sempre que o obxecto da axuda así o aconselle.

4. As subvencións concedidas ao abeiro das alíneas b), d) e e) do artigo 5.2 das bases reguladoras desta convocatoria teñen un período de execución ata o 15 de decembro de 2023, e a súa xustificación farase mediante unha conta xustificativa simplificada que constará dunha memoria xustificativa das actividades realizadas e dunha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, e un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con detalle do seu importe e procedencia, conforme o establecido no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo de entrega da documentación será de tres meses desde a finalización das actividades desenvolvidas, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e coa data límite do 15 de decembro de 2023.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación electrónica ou en papel no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunique a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da citada lei.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, logo do aboamento da axuda correspondente, as establecidas no artigo 16 das bases reguladoras.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento no que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións para as cales se solicitou a axuda, e a Secretaría poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención ou o da realización dos gastos subvencionables dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outra inobservancia considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda para a realización dos gastos subvencionables e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer de xeito potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na LPACAP.

Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa ou, no caso de que a resolución non sexa expresa, o recurso poderase interpoñer desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Disposición adicional única. Base de datos nacional de subvencións

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file