Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 2023 Páx. 23757

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

Pola Resolución do 29 de novembro de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 232, do 7 de decembro), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (DOG núm. 65, do 4 de abril).

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de reclamacións sobre as ditas listaxes, de conformidade co artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e coa base I.4.2 das que rexen o proceso selectivo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

A listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e a de persoas excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderanse consultar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación das listas definitivas de admitidos e excluídos no DOG.

Do mesmo xeito, de conformidade coa base I.3, a Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas que superasen a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 31 de maio de 2021 (DOG núm. 115, do 18 de xuño), e así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación das listas definitivas de admitidos e excluídos no DOG.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que se solicite a devolución e no cal se fagan constar o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade ou ben un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública