Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2023 Páx. 23962

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 3 de abril 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS614B).

BDNS (Identif.): 687248.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da orde cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2023 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

Segundo. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de oitocentos oitenta mil euros (880.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.05.312D.480.3.

Terceiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Cuarto. Requisitos para acceder á subvención

1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención ou a persoa ou persoas que ela atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS614B)

Sexto. Tipo de axuda e contía

1. Modalidade respiro no fogar.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador/a habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo, poderá ser prestado por unha entidade autorizada para prestar o servizo de axuda no fogar e inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Compañía activa: manter conversa, lectura e apoio.

b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.

e) Administración de medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestación coidados mínimos a enfermos crónicos.

f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se atenda máis de unha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

2. Modalidade respiro en centro de día.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

O obxectivo desta modalidade é atender a persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle ao/á seu/súa coidador/a habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día, inscrita no RUEPSS e que conte coa autorización correspondente para a prestación deste servizo. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Apoio nas actividades da vida diaria.

b) Servizo de comedor con menús e dietas adaptadas.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Actividades destinadas á promoción da saúde física e da autonomía persoal.

e) Servizos terapéuticos e de entretemento (terapia ocupacional, traballo social, atención social, servizo de animación, talleres, excursións, control nutricional...).

f) Servizos complementarios como transporte adaptado, perrucaría, podoloxía, fisioterapia, psicoloxía ou xeriatría.

g) Administración de medicación oral segundo prescrición.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

3. Modalidade respiro en residencia.

A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.

Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos, entre outros:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas que se atenden. No caso de que unha persoa que se vaia atender desexe ocupar un cuarto individual, isto estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).

d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que os seus especialistas prescribisen ás persoas usuarias, se for o caso).

Serán as persoas coidadoras solicitantes da subvención as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2023.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude