Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 18 de abril de 2023 Páx. 23935

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 3 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS614B).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural. Así mesmo, establece no artigo 3, como un dos obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia, integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia».

Do mesmo xeito, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece, no seu artigo 6, como un dos principios de responsabilidade política o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

A Consellería de Política Social e Xuventude, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, desempeña, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, entre outras, a competencia para impulsar, planificar, coordinar e avaliar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social e Xuventude en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, das persoas con discapacidade e persoas dependentes, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Esta convocatoria pretende continuar co avance na mellora da conciliación das familias galegas e seguir fomentando novas actividades, coa finalidade de que estas dispoñan dun abano amplo de posibilidades que dean resposta aos supostos de necesidades puntuais e, para tal efecto, introdúcese como novidade a modalidade de respiro en centro de día. Deste xeito, ademais das modalidades de respiro no fogar e respiro en residencia, o programa de Respiro familiar para persoas coidadoras subvenciona a prestación de servizos de atención e coidado das persoas en situación de dependencia ou con discapacidade no centro de día, a través desta nova modalidade.

Deste xeito estámoslles prestando apoio ás persoas coidadoras e facilitamos que poidan manter a súa vida social, familiar e de lecer, ao tempo que mantemos unha mellor calidade de vida de todas as persoas implicadas.

O aumento da esperanza de vida incrementou a proporción de persoas que precisan de apoios para poder realizar as actividades básicas da vida diaria. A achega predominante da familia na provisión de coidados ás persoas maiores e con discapacidade precisa de medidas de apoio no medio familiar e laboral, o que supón a necesidade de diversificar os programas orientados á atención das persoas dependentes e a necesidade de fomentar iniciativas alternativas á clásica atención residencial.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, de 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Para a finalidade da presente orde, existe na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, na aplicación 13.05.312D.480.3, crédito adecuado e suficiente.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a persoas coidadoras dentro do programa Respiro familiar para persoas coidadoras para o exercicio 2023 (código de procedemento BS614B), así como proceder á súa convocatoria.

2. Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

b) Modalidade de respiro en centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2 para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Modalidade de respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Política Social e Xuventude cun orzamento de oitocentos oitenta mil euros (880.000 €), que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.05.312D.480.3, na cal existe crédito adecuado e suficiente na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. Serán subvencionables os gastos xerados no ano 2023 dos servizos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 5, que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2023, segundo o que nel se indica.

3. Realizarase unha desconcentración de crédito entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude, en función do número de solicitudes presentadas en cada provincia, de modo que se garanta que, no caso de que o crédito se esgote, se respecte en todo caso a orde de presentación de solicitudes a nivel autonómico. A Consellería de Política Social e Xuventude publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal da Consellería de Política Social e Xuventude o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito.

4. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito e/ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

Artigo 4. Requisitos para acceder á subvención

1. Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención é necesario que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención, ou a persoa ou persoas que ela atenda, sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que a persoa que se atende se encontre nalgunha das seguintes situacións:

1º. Discapacidade física, psíquica ou mental con necesidade de axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e ter recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %.

2º. Ter recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente no grao II ou III.

3º. Que a persoa que se atende, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

2. Ademais, as persoas coidadoras para seren beneficiarias da subvención teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Tipo de axuda e contía

1. Na modalidade respiro no fogar, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

A través desta modalidade, prevista para dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras, por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle ao/á seu/súa coidador/a habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo poderá ser prestado por unha entidade autorizada para prestar o servizo de axuda no fogar e inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou por persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Compañía activa: manter conversa, lectura e apoio.

b) Acompañamento a paseos e axuda para desprazamentos.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Administración de alimentos: poñer ou dar alimentos preparados previamente polos familiares.

e) Administración da medicación oral segundo as indicacións dos familiares e prestación de coidados mínimos a enfermos crónicos.

f) Acompañamento a actividades culturais e de lecer.

g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores.

Cando nun domicilio se atenda máis de unha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.

2. Na modalidade respiro en centro de día, a axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.

O obxectivo desta modalidade é atender a persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle ao/á seu/súa coidador/a habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan.

O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día, inscrita no RUEPSS e que conte coa autorización correspondente para a prestación deste servizo. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa que se atende, en ausencia das persoas coidadoras, e pódense prestar as seguintes tarefas:

a) Apoio nas actividades da vida diaria.

b) Servizo de comedor con menús e dietas adaptadas.

c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.

d) Actividades destinadas á promoción da saúde física e da autonomía persoal.

e) Servizos terapéuticos e de entretemento (terapia ocupacional, traballo social, atención social, servizo de animación, obradoiros, excursións, control nutricional...).

f) Servizos complementarios como transporte adaptado, perrucaría, podoloxía, fisioterapia, psicoloxía ou xeriatría.

g) Administración da medicación oral segundo prescrición.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.

3. A modalidade respiro en residencia consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento da residencia ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.

Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral.

A modalidade atención residencial incluirá os seguintes servizos, entre outros:

a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas que se atenden. No caso de que unha persoa que se vaia atender desexe ocupar unha habitación individual, isto estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.

b) Menú axeitado baixo supervisión médica.

c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria (aseo, vestido, comida...).

d) Atención médica, psicolóxica e social (tendo en conta as indicacións e tratamento que os seus especialistas prescribisen ás persoas usuarias, se for o caso).

Serán as persoas coidadoras solicitantes da subvención as que aboen o importe total da estadía que hai que pagar.

A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 desta orde consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.

A contía da axuda farase efectiva unha vez que se presente a documentación establecida no artigo 16.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.

4. A persoa coidadora solicitante da subvención deberá presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde (anexo I), o cal terá que volver achegar actualizado sempre que varíe a situación inicialmente declarada.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).

3. O prazo para a presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2023.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil, segundo o artigo 30.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A Consellería de Política Social e Xuventude publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude, epígrafe de axudas e subvencións (código de procedemento BS614B), o esgotamento da partida orzamentaria e non admitirá as posteriores solicitudes destinadas á subvención, salvo que se produza un incremento do crédito de conformidade co disposto no artigo 2.4.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas coidadoras solicitantes da subvención deberán achegar, xunto co anexo I de solicitude, a seguinte documentación:

a) Copia do contrato de prestación de servizos, ou documento similar acreditativo da prestación do servizo, asinado pola entidade titular da residencia para a modalidade respiro en residencia.

b) Copia do contrato asinado coa entidade prestadora do servizo de axuda no fogar ou contrato ou ampliación do contrato do persoal legalmente habilitado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais para a modalidade respiro no fogar.

c) Copia do contrato asinado co centro de día prestador do servizo para a modalidade respiro en centro de día.

d) Anexo II, relativo á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas da persoa con discapacidade ou dependente ou con necesidade de terceiras persoas para as actividades da vida diaria.

e) Informe social segundo o modelo do anexo III ou no modelo unificado (ISU) relativo á persoa dependente, só naqueles casos en que non exista recoñecemento de grao de dependencia ou que variasen as circunstancias desde a valoración da dependencia.

f) Informe médico relativo á persoa dependente segundo o modelo do Servizo Galego de Saúde, só naqueles casos en que non exista recoñecemento do grao de dependencia.

g) Xustificación documental ou declaración responsable xustificativa da situación de respiro ou descanso persoal da persoa coidadora.

h) Certificado do grao de discapacidade da persoa dependente se non fose expedido pola Xunta de Galicia.

i) Declaración responsable ou documento que acredite oficialmente a situación ou vínculo familiar do solicitante coas persoas atendidas.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada que os achegue.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Ademais, na epígrafe correspondente do anexo I farase constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas para a mesma finalidade que a da solicitada ao abeiro desta orde.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan coa solicitude son certos.

c) Que non se está incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración xeral do Estado e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o artigo 10.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Que se está ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que a persoa solicitante se compromete a manter o cumprimento destes requisitos durante o período de tempo en que perciba esta subvención e a comunicar inmediatamente cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI)/número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa dependente ou con discapacidade.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante e da persoa dependente ou con discapacidade.

c) Consultarase ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o certificado do grao de discapacidade da persoa dependente expedido pola Xunta de Galicia.

d) Certificado de que a persoa solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e de que está ao día no pagamento á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións coa Administración xeral do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I e anexo II), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponde aos servizos competentes en materia de dependencia e autonomía persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e Xuventude.

2. De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no correlativo artigo 31.4, o órgano competente para tramitar o procedemento comezará a instrución dos procedementos seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e emitirá a proposta da concesión da subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito.

O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderalle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelles, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, ás persoas titulares das xefaturas territoriais da dita consellería, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta do órgano instrutor.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses, contados desde o día seguinte á data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro da presente orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse ben o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

No caso de interpor o recurso de reposición, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 16. Pagamento e xustificación da axuda

Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias disporán da subvención logo de achegar á xefatura territorial correspondente a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento (anexo IV).

b) Copia das facturas (ou documentos de valor probatorio equivalente) acreditativas dos gastos realizados, onde conste expresamente a identificación (nome e DNI) da persoa que recibe o servizo, o día e hora/s en que se prestou e o nome e NIF da persoa, empresa ou entidade que emite a factura e prestou o servizo.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

c) Xustificantes bancarios que acrediten o pagamento da factura. Aceptarase a xustificación do pagamento en efectivo mediante un recibo da persoa provedora asinado sobre a factura, con indicación do nome e apelidos de quen recibe os fondos e do seu DNI, para gastos inferiores a 1.000 euros, conforme o previsto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Xustificación documental da situación puntual que dá dereito á percepción da axuda: xustificante médico de enfermidade da persoa coidadora, así como xustificación documental ou, na súa falta, declaración responsable da circunstancia que impide o coidado da persoa dependente.

No suposto de se producir algunha variación respecto do declarado no momento de presentación da solicitude, deberáselle comunicar á xefatura territorial da Consellería de Política Social e Xuventude correspondente con carácter inmediato. Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente en que se debe ingresar a axuda.

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do 1 de decembro de 2023.

Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a achegue debidamente.

As xefaturas territoriais realizarán as comprobacións necesarias antes do pagamento da axuda e poderán exixir xustificacións complementarias cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente:

a) A facilitarlles aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) A destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) A comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 18. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto, ou a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, de ser o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

2. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro parcial no suposto de non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión do servizo subvencionado, o que suporá a perda dun 5 % do importe da subvención concedida. Esta porcentaxe do 5 % aplicarase unha vez descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82 2080 0300 87 3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 19. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS614B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no portal da Consellería de Política Social e Xuventude:

http://politicasocial.xunta.gal

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción previstos nas ditas normas.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 22. Publicidade

Transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria e a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade para ditar as instrucións que sexan necesarias para desenvolver esta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file