Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 19 de abril de 2023 Páx. 24196

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a creación da lista única para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a persoal funcionario da agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, incorpora a disposición transitoria segunda que contén unha habilitación para elaborar unha lista única como resultado da funcionarización. Esta disposición foi obxecto de desenvolvemento en virtude da Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo).

En virtude da Resolución do 12 de maio de 2021 (DOG núm. 94, do 21 de maio) convocouse o proceso para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira da agrupación profesional de persoal funcionario, do persoal laboral fixo de varias categorías pertencentes ao grupo V, do V Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Este proceso está xa avanzado, e tendo en conta que a disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, de 2 de marzo, establece que no caso de ser necesario a Comisión Permanente elaborará unha única lista con anterioridade á finalización dos procesos de funcionarización, cómpre a apertura dunha lista da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

De conformidade co artigo 4.1 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), poderanse crear novas listas para a cobertura transitoria de prazas de persoal funcionario naqueles supostos en que non existan listas de natureza funcionarial para dar cobertura aos postos das categorías laborais que se funcionarizan.

O artigo 7 da dita orde dispón que, no suposto en que sexa preciso presentar solicitude de admisión conforme o regulado no artigo 4, esta presentarase preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, contido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Por outra banda, o Decreto 37/2006, do 2 de marzo, establece no seu artigo 6 que, no caso de listas elaboradas de conformidade co previsto no dito decreto que se encontren en xestión, se poderán presentar solicitudes de inclusión desde o día 1 de marzo ata o día 30 de abril de cada ano, que se elaborarán no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro.

As listas correspondentes ás categorías 1 e 11 de persoal laboral do grupo V, categorías laborais equivalentes a esta lista que se crea, están actualmente en xestión, polo que é posible presentar solicitude no prazo do 1 de marzo ao 30 de abril.

Así mesmo, mediante a Resolución do 21 de febreiro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, acordouse o peche de determinadas listas, así como a apertura doutras para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e o nomeamento de persoal funcionario interino, correspondentes a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades. Nesta resolución dispúxose o peche das listas das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral, polo que unicamente poden presentar nova solicitude as persoas que superasen algunha proba do último proceso selectivo, ou prestasen servizos, no ámbito de aplicación do artigo un, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a esa categoría, corpo, escala ou especialidade.

A disposición transitoria terceira da Orde do 20 de xullo de 2021 establece que a inclusión definitiva das persoas integrantes das listas de persoal laboral de categorías funcionarizadas en listas de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes ao abeiro desa orde implica o peche das correspondentes listas de contratación temporal de persoal laboral.

Este peche está previsto que sexa anterior ao momento en que finalice a elaboración das listas coas solicitudes de inclusión do prazo ordinario de 2023 e, polo tanto, non sería posible finalizar o procedemento para as solicitudes das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral. Co obxecto de evitar o prexuízo que isto suporía para as persoas que presentasen solicitude de inclusión nas listas destas categorías no prazo de 2023, as solicitudes presentadas no prazo ordinario destas categorías tramitaranse dentro do proceso de funcionarización da nova escala, sempre que cumpran cos requisitos para seren admitidas, sen prexuízo do dereito das persoas a desistir da solicitude presentada.

En consecuencia, tendo en conta o establecido no artigo 4 da Orde do 20 de xullo de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

A creación da lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.

A apertura dun prazo de presentación de solicitudes para a elaboración da lista única para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña, para as persoas integrantes das listas de contratación temporal de categorías profesionais laborais equivalentes, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 61, do 31 de marzo), nas condicións establecidas na Orde da devandita consellería do 20 de xullo de 2021.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial será o conxunto de municipios.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír as persoas solicitantes

Para seren admitidas nas listas, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

1. Idade: ter feito dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

4. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

5. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 2 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

6. No prazo inicial de apertura da lista, figurar admitido/a nalgunha lista das categorías profesionais laborais equivalentes que, de conformidade coas equivalencias establecidas no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021, se recollen no anexo I desta resolución.

Non poderán solicitar a inclusión nas listas únicas, ao abeiro desta convocatoria, as persoas que figuren penalizadas o 15 de xullo de 2014 ou con anterioridade a esta data, en todas as listas en que figuren inscritas das categorías profesionais laborais equivalentes ao corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que instan a inclusión.

Cuarto. Solicitudes

1. As persoas interesadas en formar parte das listas únicas deberán presentar instancia, que se presentará preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado contido no anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) (código de procedemento AP522T), accesible, así mesmo, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e Administración Pública.

3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día 20 de abril e finalizará o 11 de maio de 2023.

Quinto. Documentación

1. O procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión en listas únicas de vinculación temporal en xestión regularase polo establecido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

2. As persoas admitidas nas categorías laborais equivalentes que presenten solicitude no prazo de apertura inicial da lista única non terán que achegar documentación complementaria, excepto as persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais equivalentes interesadas en incluírse na lista única, que non teñan nacionalidade española, que deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I da Orde do 22 de febreiro de 2021) (código de procedemento AP522T), a seguinte documentación:

– Pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regulador do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

Sexto. Elaboración das listas únicas e publicación

1. O anuncio de exposición das listas de vinculación temporal únicas provisionais e definitivas para o desenvolvemento transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario, elaboradas ao abeiro desta resolución, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Nestas listas de vinculación temporal figurarán as persoas admitidas con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo, conforme o establecido no artigo 6 e disposición transitoria primeira da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo), e as excluídas, con expresión da causa de exclusión.

O contido destas listas poderase consultar no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe <Listas de contratación>, e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia.

2. A Comisión Permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, será a encargada de elevar á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública as listas provisionais e definitivas de persoas admitidas e excluídas para a súa publicación.

Sétimo. Persoas con solicitude de inclusión das categorías laborais equivalentes presentada no prazo ordinario de 2023

As solicitudes de inclusión das categorías 1 e 11 do grupo V de persoal laboral, presentadas dentro do prazo establecido polo Decreto 37/2006, do 2 de marzo, no seu artigo 6, tramitaranse dentro deste prazo inicial de apertura da lista única.

As persoas que solicitaron a inclusión nas ditas listas, para seren admitidas deberán cumprir cos requisitos exixidos no prazo ordinario para seren admitidas nas ditas listas e, de acordo co artigo 3 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG do 30 de xullo), estar en posesión dos requisitos exixidos para a admisión na lista para o nomeamento de persoal funcionario da agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña. Polo tanto, figurarán na relación de persoas admitidas ou excluídas desta última lista, sen prexuízo do seu dereito a desistir da solicitude presentada en calquera momento antes da publicación da lista definitiva.

Oitavo. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Listas de persoal laboral de categorías profesionais equivalentes
á agrupación profesional do persoal funcionario da Administración
xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza
e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña (anexo do Decreto 165/2019, modificado pola Orde do 10 de marzo de 2021)

Listas de persoal laboral

Lista de corpos e escalas de persoal funcionario equivalentes
nos cales se pode presentar solicitude de inclusión en listas

V-1. Camareiro/a limpador/a. Axudante de cociña. Pasador/a de ferro. Costureiro/a. Cortador/a. Lavandeiro/a.

V-11. Limpador/a. Fregador/a. Empregado/a comedor. Empregado/a de cociña-pinche. Servizo doméstico. Mozo/a de limpeza. Pinche de cociña. Persoal de servizos xerais.

Agrupación profesional do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña.