Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2023 Páx. 24291

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño para o curso 2023/24.

O Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 5.1, establece que para o acceso a estas ensinanzas se requirirá cumprir os requisitos establecidos no artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro. Así mesmo, o punto 4 do mesmo artigo do dito decreto establece que a consellería competente en materia de educación, a través da dirección xeral correspondente, convocará, organizará, desenvolverá e avaliará, con carácter anual, unha proba específica de acceso a estas ensinanzas artísticas superiores.

Igualmente, a Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño, en desenvolvemento do citado Decreto 172/2015, do 29 de outubro, nos seus artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 regula, respectivamente, os requisitos xerais para o acceso, a proba específica de acceso, as características desta proba específica, a proba que substitúe o requisito de titulación, a convocatoria das probas de acceso, o acceso para aspirantes con discapacidade e o acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel.

Por outra banda, o Decreto 89/2013, do 13 de xuño, fixa os prezos públicos correspondentes aos estudos conducentes á obtención dos títulos oficiais nas ensinanzas de Música e Artes Escénicas, de Idiomas, Deportivas, de Conservación e Restauración de Bens Culturais e nos estudos superiores de Deseño. Así mesmo, a instrución conxunta da Axencia Tributaria de Galicia e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a aplicación de prezos públicos nas ensinanzas de réxime especial, do 5 de xuño de 2015, establece o procedemento para a xestión do establecido no devandito decreto.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, en virtude das atribucións que lle foron conferidas polo Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño para o curso 2023/24, que se rexerán polas seguintes instrucións:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes

1. De acordo co establecido no artigo 12.1 do Real decreto 1614/2009, do 26 de outubro, o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes aos títulos de grao en ensinanzas artísticas superiores nos diferentes ámbitos requirirá estar en posesión do título de bacharel ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, ou estar en posesión dun título de ensinanzas artísticas superiores, título universitario ou título de técnico superior, así como a superación das correspondentes probas específicas a que se refiren os artigos 54, 55, 56 e 57 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

2. De conformidade co establecido nos artigos 4.1 e 4.2 da Orde do 21 de novembro de 2016, a proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño terá por obxecto demostrar que a persoa aspirante posúe a madureza, os coñecementos e as aptitudes para cursar con aproveitamento estes estudos, será única para as diferentes especialidades destas ensinanzas e terá carácter unificado para todas as persoas aspirantes. As características e a cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño axustarase ao disposto no artigo 5 da citada orde.

3. En consonancia co artigo 4.4 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da proba específica de acceso ás ensinanzas superiores de Deseño faculta, unicamente, para matricularse no ano académico para o cal fose convocada e realizada a proba específica, en calquera dos centros do Estado en que se cursen estas ensinanzas, sen prexuízo da dispoñibilidade de prazas.

4. Aquelas persoas que desexen realizar a proba específica de acceso e teñan pendente algunha das materias do bacharelato poderán inscribirse no proceso de acceso e admisión e realizar a devandita proba. No caso de superala, poderán optar á asignación da praza solicitada, unha vez que estean en posesión do título de bacharel.

5. As persoas que na convocatoria ordinaria estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao respecto de reclamacións das cualificacións de materias de segundo curso de bacharelato ou das cualificacións nas materias pendentes de primeiro curso de bacharelato, deberán presentar igualmente a solicitude para o acceso e admisión nestas ensinanzas artísticas superiores no prazo establecido na instrución sexta. De permitir o resultado da reclamación a obtención do título de bacharel, a persoa solicitante poderá realizar a proba específica, e deberá estar en posesión do antedito título para optar á asignación de praza.

6. De conformidade co establecido no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas que queiran optar á proba de acceso e que, sendo maiores de dezaoito anos, non cumpran os requisitos xerais de titulación deberán acreditar que posúen os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas mediante a realización dunha proba. A devandita proba desenvolverase segundo o establecido no anexo I desta resolución.

Segunda. Acceso para aspirantes con discapacidade

1. De acordo co establecido no artigo 8 da Orde do 21 de novembro de 2016, as persoas aspirantes ao acceso e á admisión nas ensinanzas superiores de Deseño que presenten algunha discapacidade poderán requirir a adaptación que corresponda para realizar as probas de acceso ás devanditas ensinanzas.

2. Para tal efecto, as persoas aspirantes con algunha discapacidade deberán presentar, xunto coa súa inscrición no procedemento de acceso e admisión nas ensinanzas superiores de Deseño, a documentación que acredite oficialmente a súa discapacidade e unha solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda.

3. Correspóndelle ao tribunal encargado da organización, realización e cualificación de cada proba adoptar as medidas precisas e adaptar os medios e as condicións para a súa realización, co obxecto de permitir que as persoas aspirantes con discapacidade poidan realizar a proba correspondente en condicións de igualdade co resto de persoas aspirantes.

4. En cada escola de arte e superior de deseño (EASD) da Comunidade Autónoma de Galicia reservarase un 10 % das prazas ofertadas para o acceso mediante proba específica en cada especialidade para as persoas que acrediten o recoñecemento oficial dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. As prazas reservadas para estas persoas aspirantes e que non poidan ser adxudicadas seranlles ofrecidas ás demais persoas aspirantes pola orde que lles corresponda.

Terceira. Acceso para deportistas de alto rendemento e/ou nivel

Conforme o establecido no artigo 9 da Orde do 21 de novembro de 2016, en cada centro da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparta algunha das especialidades das ensinanzas artísticas superiores de Deseño reservaranse adicionalmente as prazas necesarias en cada especialidade impartida para o acceso a estas das persoas aspirantes coa condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento que reúnan os requisitos académicos establecidos.

Cuarta. Acceso directo

1. Poderá acceder ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

2. As persoas aspirantes que opten polo acceso directo deberán formalizar igualmente a súa inscrición no proceso de acceso e admisión segundo o procedemento e calendario establecidos nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel.

3. No caso de que a persoa aspirante estea pendente da avaliación do proxecto final ou da avaliación final de ciclo para a obtención dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño na convocatoria de xuño do ano académico 2022/23, e en consecuencia non dispoña do título antes de finalizar o prazo de inscrición, poderá igualmente formalizar a súa inscrición para o acceso e admisión ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño segundo o calendario establecido nesta resolución para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel, e deberá presentar a certificación de ter solicitado o devandito título para a formalización da matrícula no prazo ordinario establecido nesta resolución.

Quinta. Órganos competentes para resolver os procesos de acceso e de admisión

1. Acceso. Tribunal.

De acordo co establecido no artigo 7.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para a organización, realización, avaliación e cualificación das probas específicas de acceso constituirase o tribunal que figura no anexo II desta resolución. As direccións das escolas de arte e superiores de deseño garantirán a correcta administración das probas nas súas escolas e adoptarán as medidas oportunas relacionadas coa dispoñibilidade de espazos, medios e medidas de hixiene para realizar as probas, en colaboración coa presidencia do tribunal e, se é o caso, das suplencias que se poidan producir.

2. Admisión. Comisión de Admisión.

Para os efectos de dar cumprimento ao establecido nesta resolución, constituirase unha comisión que supervisará o proceso de admisión do alumnado e o cumprimento das normas que o regulan, e proporalle, se é o caso, á Dirección Xeral de Formación Profesional a adopción das medidas que considere adecuadas. Os membros desta comisión son os que se recollen no anexo II desta resolución.

Sexta. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 22 de maio, ambos os dous incluídos. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel poderán presentar solicitude ata o día 26 de xuño, inclusive. Para tal fin, os centros deberán expor nos seus taboleiros de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes formalizaranse de xeito telemático no formulario dispoñible en https://www.edu.xunta.gal/eas/ e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías das escolas de arte e superiores de deseño. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías das escolas.

3. Na solicitude deberase indicar, por orde de preferencia, a especialidade que desexan cursar, así como a escola a que desexan acceder. Poderase solicitar un máximo de catro opcións. Igualmente, as persoas aspirantes deberán indicar na solicitude a escola de arte e superior de deseño de Galicia en que desexan realizar as ditas probas.

4. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude, xunto coa documentación requirida, na secretaría de calquera das escolas de arte e superiores de deseño.

Sétima. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do DNI, NIE ou pasaporte.

b) Xustificante do aboamento dos prezos públicos segundo o Decreto 89/2013, do 13 de xuño (DOG do 17 de xuño), consonte un destes modelos oficiais, xunto co certificado de exención ou redución correspondente, se é o caso:

– Modelo E (autocopiativo en papel facilitado nas secretarías das escolas).

– Modelo AI.

– Modelos 730 e 731, xerados electronicamente no portal da internet da Axencia Tributaria de Galicia (https://ovt.atriga.gal).

O pagamento dos prezos públicos correspondentes ás probas de acceso non poderá ser fraccionado.

c) Documentación académica segundo proceda:

– Título de bacharel.

– Certificación académica do bacharelato, con indicación de materias pendentes.

– Certificación de ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Título de ensinanzas artísticas superiores.

– Título universitario.

– Título de técnico superior.

– Título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño ou certificación académica en que figure ter realizado o depósito do correspondente título, no caso de optar pola quenda de acceso directo.

– Certificado de superación da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel correspondente a convocatorias anteriores.

d) Documento acreditativo do grao de discapacidade e solicitude de adaptación dos medios e condicións de realización da proba de acceso que corresponda, de ser o caso.

e) Documento acreditativo da condición de deportista galego de alto nivel e/ou rendemento, de ser o caso.

Oitava. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Novena. Publicación das listaxes de persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito da titulación de bacharel

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel, publicarase a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios de cada unha das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia o día 24 de maio, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades: https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel poderán presentar reclamacións contra a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas os días 25 e 26 de maio, no mesmo centro onde se realizou a inscrición.

3. A listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para realizar a proba específica de acceso que se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel farase pública o día 29 de maio no taboleiro de anuncios das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal

Décima. Publicación das listaxes de personas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes para as persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel, publicarase a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión. A devandita listaxe será exposta no taboleiro de anuncios de cada unha das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia o día 28 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal

2. As persoas aspirantes que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel poderán presentar reclamacións contra a listaxe provisional de persoas inscritas admitidas e excluídas os días 29 e 30 de xuño, no mesmo centro onde se realizou a inscrición.

3. A listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas para efectuar a proba específica de acceso que non se acollan a realizar a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel farase pública o día 3 de xullo no taboleiro de anuncios das escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades https://www.edu.xunta.gal

Décimo primeira. Lugar, datas e desenvolvemento das probas de acceso

1. A proba para as persoas aspirantes que non cumpran o requisito de titulación terá lugar o día 30 de maio no IES San Clemente de Santiago de Compostela, segundo o establecido no anexo I desta resolución e de acordo co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016.

2. As probas específicas para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores de deseño desenvolveranse o día 4 de xullo nas catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, segundo figura no anexo II desta resolución e de acordo co establecido no artigo 5 da Orde do 21 de novembro de 2016.

Décimo segunda. Adxudicación de prazas

1. As vacantes existentes nas distintas especialidades e centros adxudicaranse segundo a prelación resultante das cualificacións obtidas polas persoas aspirantes na proba específica de acceso ou, se for o caso, da cualificación media do expediente académico da persoa aspirante. Para tal efecto, atenderase á especialidade e EASD que a persoa aspirante sinalase como primeira preferencia na súa solicitude. Enténdese por primeira preferencia aquela que a persoa aspirante indicase en primeiro lugar, ou en lugares sucesivos se as especialidades ou EASD solicitadas esgotasen as súas prazas.

2. De conformidade co artigo 4.3 da Orde do 21 de novembro de 2016, a porcentaxe de prazas sobre o total das ofertadas en cada especialidade para as persoas aspirantes que estean en posesión dun título de técnico superior en Artes Plásticas e Deseño é do 20 %. O 80 % restante das prazas ofertadas será asignado mediante a proba específica de acceso.

3. No caso do acceso directo, cando o ciclo formativo de grao superior de Artes Plásticas e Deseño fose cursado segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, a nota calcularase segundo se dispón no artigo 9.4 da Orde do 9 de setembro de 2004, pola que se regula a avaliación e a acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia; no caso de ciclos cursados segundo un plan de estudos establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a nota calcularase segundo se dispón no artigo 19.9 do Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño. No caso de graduados en Artes Plásticas e Oficios Artísticos, a cualificación que se deberá ter en conta será a obtida na reválida ou proxecto final do plan de estudos de 1963.

Para os efectos do cálculo da cualificación media final do expediente académico das persoas inscritas que soliciten o acceso directo ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño aplicaranse, cando cumpran, as seguintes equivalencias, agás que no expediente académico da persoa inscrita consten explicitamente as cualificacións numéricas das disciplinas. As anteditas equivalencias serán:

• Suficiente/Aprobado: 5,5.

• Ben: 6,5.

• Notable: 7,5.

• Sobresaliente/matrícula de honra: 9,0.

No caso de non quedaren cubertas as prazas correspondentes ao acceso directo, estas prazas serán asignadas ás persoas aspirantes que superasen a proba específica, en cada centro.

4. O día 17 de xullo, a Comisión de Admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal, a asignación de prazas para cada escola e especialidade.

Décimo terceira. Matrícula

1. As persoas aspirantes que obteñan praza na adxudicación do 17 de xullo deberán formalizar a súa matrícula entre os días 19 e 21 de xullo, ambos os dous incluídos.

2. Para formalizar a matrícula, as escolas de arte e superiores de deseño facilitaranlles ás persoas interesadas os modelos para o efecto. Unha vez cubertos, entregará unha única solicitude de matrícula na secretaría da escola de arte e superior de deseño en que obteña praza, que se xuntará á documentación xa presentada pola persoa aspirante. A non formalización da matrícula no prazo estipulado, agás causas debidamente xustificadas, que valorará a dirección da escola de arte e superior de deseño, implicará a perda do dereito á praza asignada para cursar estas ensinanzas no ano académico 2023/24.

3. Rematado o prazo ordinario de matrícula, e no caso de que non se cubrisen todas as prazas ofertadas, o día 26 de xullo a Comisión de Admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades unha nova asignación de prazas de acordo cos criterios establecidos. As persoas aspirantes que obteñan praza nesta nova asignación deberán formalizar a súa matrícula os días 27 e 28 de xullo. O día 31 de xullo, a Comisión de Admisión remitiralle á Dirección Xeral de Formación Profesional a lista de alumnado matriculado en cada especialidade, así como a relación de prazas vacantes por especialidade e o calendario de matrícula e realización no caso de se convocaren probas extraordinarias no mes de setembro (no caso de quedaren prazas vacantes, que se farán públicas nas distintas especialidades no taboleiro de anuncios dos centros e nas súas páxinas web). Ese mesmo día, se for o caso, o centro educativo publicará na súa páxina web a listaxe de agarda para o acceso, por especialidade, quenda e escola de arte e superior de deseño.

4. No caso de se convocaren probas extraordinarias, estas realizaranse nos primeiros días de setembro. Estas probas realizaranse de acordo co establecido nesta resolución e a asignación de prazas resultante farase pública nas páxinas web das EASD o día 7 de setembro. As persoas aspirantes que obteñan praza nas probas extraordinarias deberán formalizar a súa matrícula os días 8 e 11 de setembro. Finalizado o proceso, a Comisión de Admisión comunicaralle o día 12 de setembro á Dirección Xeral de Formación Profesional o resultado destas probas e, de ser o caso, o número de prazas que queden sen cubrir.

5. A posta en marcha de cada especialidade estará condicionada á existencia dun mínimo de dez alumnos/as admitidos/as, sen cuantificarse para estes efectos o alumnado repetidor.

Décimo cuarta. Reclamacións e recursos ás probas específicas de acceso

1. De acordo co establecido no artigo 32 da Orde do 21 de novembro de 2016, as cualificacións das probas de acceso poderán ser obxecto de reclamación perante a dirección da EASD en que se realicen as probas, nun prazo de 2 días contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, que a someterá ao tribunal avaliador correspondente. Recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de dous días.

2. Contra a resolución emitida en resposta ás reclamacións das probas de acceso, a persoa interesada poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial porá fin á vía administrativa.

3. Tamén poderán ser obxecto de reclamación os acordos e decisións sobre a asignación de prazas mediante escrito dirixido á Comisión de Admisión e/ou mediante correo electrónico no seguinte enderezo sereap@edu.xunta.gal

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

María Eugenia Pérez Fernández
Directora xeral de Formación Profesional

ANEXO I

Proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores

1. A proba que substitúe o requisito de titulación establécese no artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A esta proba poderán presentarse as persoas aspirantes que non estean en posesión do título de bacharel ou non teñan superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e teñan 18 anos de idade ou os fagan no ano 2023.

3. As persoas aspirantes deberán ter feito constar o seu desexo de efectuar esta proba na epígrafe correspondente da inscrición, e para a súa realización deberán presentar, o día da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla de solicitude de inscrición.

4. As persoas aspirantes deberán realizar un total de cinco exames no IES San Clemente, rúa de San Clemente, s/n, Santiago de Compostela, o día 30 de maio de 2023, de acordo co seguinte horario:

11.30 horas: presentación.

Das 12.00 ás 13.00 horas: Filosofía.

Das 13.00 ás 14.00 horas: Historia de España.

Das 16.00 ás 17.00 horas: Lingua Galega e Literatura.

Das 17.00 ás 18.00 horas: Lingua Castelá e Literatura.

Das 18.30 ás 19.30 horas: Lingua Estranxeira (inglés ou francés).

5. Características da proba.

Os exames de Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira (inglés ou francés) e Lingua Galega e Literatura constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na produción dun texto escrito.

Os exames de Filosofía e Historia de España constarán cada un deles de dous exercicios. O primeiro exercicio será tipo test e o segundo consistirá na elaboración dunha redacción a partir dun texto proposto.

6. Contido das probas.

Tomaranse como referencia os currículos de bacharelato recollidos no Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Valoraranse os coñecementos e o grao de madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, así como a correcta comprensión de conceptos, a utilización da linguaxe e a capacidade de análise e síntese.

7. Cualificación da proba.

A cualificación final da proba expresarase unicamente como apto/a ou non apto/a.

Cada un dos cinco exames cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A cualificación de apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames, calculada con dous decimais, sexa igual ou superior a 5. A cualificación de non apto/a obterase cando a media aritmética das cualificacións obtidas en cada un dos cinco exames, calculada con dous decimais, sexa inferior a 5.

Así mesmo, a cualificación final da proba será de non apto/a cando a persoa aspirante non se presente a algún dos cinco exames de que consta a proba.

8. Listaxe de resultados e período de reclamacións.

O día 2 de xuño o tribunal publicará as cualificacións provisionais obtidas polas persoas aspirantes no taboleiro de anuncios de cada EASD e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 5 e 6 de xuño, ante o/a presidente/a do tribunal avaliador, na EASD onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional, a través do correo electrónico sereap@edu.xunta.gal, as reclamacións presentadas para realizar a súa revisión.

As cualificacións definitivas publicaranse o día 9 de xuño no taboleiro de anuncios de cada EASD e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (https://www.edu.xunta.gal).

Contra as cualificacións definitivas a persoa interesada poderá interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Formación Profesional, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

9. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Formación Profesional remitiralles os correspondentes certificados de ter superada a proba ás EASD onde as persoas aspirantes realizaron a inscrición.

10. Validez das probas.

De conformidade co artigo 6 da Orde do 21 de novembro de 2016, a superación da dita proba, que substitúe o requisito de titulación, terá validez permanente para o acceso ás ensinanzas superiores de Deseño en todo o Estado.

11. Tribunal da proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel.

O tribunal que elaborará, supervisará e avaliará a proba que substitúe o requisito de titulación de bacharel para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores designarao a persoa titular da Dirección Xeral de Formación Profesional.

ANEXO II

Probas específicas de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño

1. As probas específicas de acceso desenvolveranse de acordo co establecido nos artigos 4 e 5 da Orde do 21 de novembro de 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudios das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas inscritas deberán presentar para a realización da proba o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

3. Realizaranse o día 4 de xullo nas catro EASD de Galicia, de acordo co seguinte horario:

a) Primeira parte: das 11.00 ás 13.00 horas.

b) Segunda parte: das 16.00 ás 20.00 horas.

– 1º exercicio: das 16.00 ás 18.00 horas.

– 2º exercicio: das 18.00 ás 20.00 horas.

EASD Pablo Picasso, rúa dos Pelamios, nº 2, A Coruña.

EASD Mestre Mateo, rúa da Virxe da Cerca, nº 32, Santiago de Compostela.

EASD Ramón Falcón, paseo dos Estudantes, s/n, Lugo.

EASD Antonio Faílde, avenida da Universidade, A Cuña, nº 18, Ourense.

Finalizadas as probas, as direccións das EASD remitirán os exercicios á presidenta do tribunal para a súa corrección e cualificación na EASD Pablo Picasso.

4. A proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño constará de dúas partes:

a) Primeira parte:

Durante un máximo de dúas horas, a partir dun texto, imaxe e/ou material audiovisual proporcionado polo tribunal, as persoas aspirantes deberán facer por escrito un comentario crítico e razoado e responder a/as cuestión/s que o tribunal lles formule ao respecto.

Nesta parte da proba o tribunal valorará:

– A comprensión dos conceptos, a utilización da linguaxe, a capacidade de análise e síntese e o nivel expresivo e expositivo amosados.

– A capacidade para desenvolver razoadamente ideas e argumentos.

– O coñecemento dos valores significativos do deseño en xeral no contexto histórico, cultural e socioeconómico.

– A identificación e valoración dos movementos artísticos e intelectuais máis representativos en relación co deseño.

b) Segunda parte. As persoas aspirantes realizarán dous exercicios de debuxo durante un máximo de catro horas:

– 1º exercicio: debuxo mimético a man alzada, do natural ou a partir da documentación facilitada, dun modelo proposto polo tribunal, realizado a lapis de grafito sobre papel tamaño DIN A3.

– 2º exercicio: debuxo a man alzada, utilizando os sistemas e técnicas de representación máis apropiadas, que serán definidos polo tribunal, do modelo do exercicio anterior.

Nesta parte da proba o tribunal valorará a fidelidade representativa, os coñecementos amosados e a exactitude e limpeza da execución.

5. Cualificación da proba específica de acceso. Cada unha das partes da proba cualificarase nunha escala de 0 a 10, con dous decimais. A cualificación final da proba específica de acceso será o resultado da media aritmética das cualificacións obtidas pola persoa aspirante en cada unha das súas partes, expresada con dous decimais. Considerarase superada a proba a partir da cualificación de 5,00 puntos.

6. O día 7 de xullo o tribunal publicará a lista de aspirantes presentados/as, con expresión da cualificación final obtida na proba específica, e de aspirantes non presentados/as, ordenada segundo a cualificación obtida na proba de acceso, en orde decrecente, no taboleiro de anuncios e na páxina web das EASD, e remitiralle a dita listaxe á Dirección Xeral de Formación Profesional.

7. As persoas aspirantes poderán reclamar contra a cualificación obtida, segundo o establecido na instrución décimo cuarta desta resolución, os días 10 e 11 de xullo.

8. O/a director/a da EASD deberá resolver sobre as reclamacións en contra das cualificacións e/ou sobre as solicitudes de corrección de erros recibidas, logo de informe do tribunal cualificador, publicará o día 13 de xullo a listaxe definitiva no taboleiro de anuncios e na páxina web da EASD correspondente, e achegaralle a dita listaxe á Dirección Xeral de Formación Profesional a través do enderezo de correo electrónico sereap@edu.xunta.gal para a súa publicación no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

9. A superación da proba de acceso específica a que fai referencia este anexo faculta, unicamente, para matricularse no curso académico para a cal fose convocada.

10. A Comisión de Admisión fará pública no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, o día 17 de xullo, a lista definitiva de persoas admitidas para cada escola e especialidade, pola quenda de acceso mediante proba específica e pola quenda de acceso directo.

11. Tribunal encargado da redacción, realización e cualificación da proba específica de acceso ás ensinanzas artísticas superiores de Deseño:

Tribunal titular

Tribunal suplente

Presidenta/e

Elena Pardo Antequera

Juan Marcos Adrio Fondevila

Secretario/a

Xulio Álvarez García

Araceli Díaz Cabanas

Vogal 1º

Elena Iglesias Rodríguez

Manuel Fernández González

Vogal 2º

Gumersindo Gómez Fernández

Cosme Fernández González

Vogal 3º

Manuel Sanmartín Fernández

Andrea Fernández Fernández

12. Comisión de Admisión das ensinanzas artísticas superiores de Deseño:

Presidente: Antonio Pedro Doñate Mañeru

Secretario: Xosé Manoel González Rivera

Vogal 1º: Juan Marcos Adrio Fondevila

Vogal 2º: Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez

Vogal 3ª: Elena Pardo Antequera