Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 2023 Páx. 24288

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de abril de 2023 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Museo do Médico Rural.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Museo do Médico Rural con domicilio na rúa do Toural, número 2, en Maceda (Ourense).

Feitos:

1. O 21 de outubro de 2022, María Luisa Díaz-Meco Conde, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Museo do Médico Rural constituírona a entidade Previsión Sanitaria Nacional, PSN, Mutua de Seguros y Reaseguros a Prima Fija; a Asociación de Médicos Gallegos; a Asociación Museo do Médico Rural de Maceda; e a Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, todas elas representadas por Miguel José Carrero López, mediante escritura pública outorgada o 13 de xullo de 2022, ante o notario de Madrid Luis Quiroga Gutiérrez, co número de protocolo 1.833.

Tras requirimento do 21 de novembro de 2022, o 1 de febreiro de 2023 achegan, entre outra documentación, o certificado da reunión do padroado do 26 de novembro de 2022 no que consta a aceptación de cargos deste órgano de goberno e o nomeamento do presidente e do secretario da Fundación.

3. A Fundación, consonte o artigo 4 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a creación e xestión do “Museo do Médico Rural” onde se poña en valor tanto a memoria dos profesionais médicos do ámbito rural, como a promoción e excelencia da actividade profesional do médico rural».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola Asociación Museo do Médico Rural de Maceda, representada, por José Manuel Lage Parente, como presidente; a entidade Previsión Sanitaria Nacional, PSN, Mutua de Seguros y Reaseguros a Prima Fija, representada por Miguel José Carrero López; a Asociación de Médicos Gallegos, representada por Julio Ancochea Bermúdez; e a Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, representada por Francisco Martelo Villar, como vogais; e José Juan Pérez Ramos, como secretario sen voto.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Museo do Médico Rural, en base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 20 de marzo de 2023,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Museo do Médico Rural, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; e pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes