Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24549

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930A).

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, procede establecer o marco normativo a que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño (DOG núm. 117, do 20 de xuño), de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden, como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as competencias recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, e, en particular, as relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño (DOG núm. 117, do 20 de xuño), desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos a promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á mocidade galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación deste nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia e, para acadar esta finalidade, cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración dispón de distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño (DOG núm. 117, do 20 de xuño), e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2023. Este programa ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023 (código de procedemento PR930A).

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes, que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal/

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto no artigo 14 desta resolución.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 60 prazas, para mozos e mozas residentes no estranxeiro, con idades comprendidas entre os 16 e os 17 anos, en dúas quendas de 14 días de duración cada unha, durante o mes de xullo. Aloxaranse no albergue xuvenil Gandarío en Bergondo (A Coruña), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude, para a realización dun programa dividido en dúas partes:

1ª. O mar de Galicia, en que realizarán actividades recreativas e deportivas relacionadas co mar, a náutica e o coñecemento do medio mariño, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia.

2ª. Cultura e Camiño, en que participarán en actividades orientadas a coñecer o patrimonio histórico e cultural da zona do contorno, percorrerán algunha etapa do Camiño de Santiago e visitarán empresas punteiras de Galicia.

A distribución do número de prazas para cada país de orixe, idades e quendas detállase no anexo I.

2. A Consellería de Política Social e Xuventude colaborará na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, no albergue xuvenil asignado, os servizos aparellados ás actividades da primeira parte do programa e o material necesario para o seu desenvolvemento.

3. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, segundo o número de prazas que figuran no anexo I. Estas viaxes serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia. Así mesmo, encargarase dos desprazamentos terrestres en Galicia de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída, así como do desenvolvemento das actividades correspondentes á segunda parte do programa, Cultura e Camiño.

4. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados/as asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de residencia, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados/as das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que serán aloxados/as.

Artigo 3. Persoas participantes

1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual no exterior.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española, agás para o caso dos netos ou netas de galegos.

d) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

e) As persoas participantes nas actividades deberán ter, o 30 de xuño de 2023, unha idade comprendida entre os 16 e os 17 anos.

f) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.

g) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

h) Condicións económicas:

– Para optar ás prazas con financiamento do 100 % da axuda da viaxe, o límite máximo dos ingresos persoais non poderá superar en dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. O máximo admitido para a unidade familiar será o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar non dispoña de ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria, deberán aboar 500 € se residen en América e 125 € se residen en Europa.

– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar supere as ratios indicadas nos puntos anteriores deberán aboar 1.000 € se residen en América e 250 € se residen en Europa.

2. Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

3. A unidade económica familiar estará integrada pola persoa solicitante, os pais e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela, así como, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar a súa preferencia para o regreso en función da quincena en que vaia participar.

4. Os datos da persoa participante son os do mozo ou moza que opta por participar no programa, aínda que na solicitude deban asinar tamén os proxenitores ou as persoas que exerzan a tutela do menor.

5. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento identificativo da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, ben sexa pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española, segundo o caso, ademais do libro de familia.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Un certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo IV, de non padeceren enfermidade infecto-contaxiosa e de seren aptas para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

f) Para as persoas participantes que opten polas prazas con copagamento de 500 € ou 1.000 € ou 125 € ou 250 €, segundo viaxen de América ou Europa respectivamente, unha certificación ou un xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas interesadas e os membros da súa unidade económica familiar. No caso de imposibilidade xustificada de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración responsable das persoas integrantes da unidade económica familiar.

g) As persoas participantes deberán presentar unha autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxaren soas e para a súa asistencia á actividade, así como para quedaren coa súa familia en Galicia ao remataren a actividade, indicando os datos dos familiares responsables que se farán cargo delas, conforme o modelo que figura como anexo III.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas participantes unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante

b) Datos do padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa participante se atopa vinculada a un concello galego.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración: unha que exerce a presidencia, unha que exerce a vogalía e outra, que actúa como secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da Comisión de Avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente. Para as solicitudes presentadas no Brasil e Venezuela, poderanse crear comisións de avaliación, presididas por unha persoa funcionaria técnica da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por persoal técnico das delegacións, no caso da Arxentina e Uruguai e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedores da realidade social en que residen, viven e se desenvolven as persoas solicitantes.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no punto 2 seran examinados pola Comisión de Avaliación indicada no punto 1.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a Comisión de Avaliación citada no punto 1 elaborará un informe, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

6. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a subdirección xeral competente en materia de coordinación administrativa, económica e de programas sociais.

3. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e inadmitidas por países, sinalando as causas de inadmisión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

4. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de inadmisión, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase o seu expediente, nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Transcorrido este prazo, elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

6. Nos seguintes días, a correspondente comisión avaliadora elaborará unha relación de persoas seleccionadas atendendo aos seguintes criterios:

– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas que sexan fillos ou fillas de emigrantes galegas; de quedaren prazas vacantes, serán seleccionados os netos e netas destas persoas, e así sucesivamente, ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– O criterio de prelación, dentro de cada grao de parentesco, sería o de maior idade; de ter a mesma idade, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser este igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo que ten lugar anualmente en cumprimento do disposto no Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

7. Publicada a relación definitiva de persoas beneficiarias na páxina web
(https://emigracion.xunta.gal), as persoas participantes que queiran modificar as datas de retorno disporán de tres días hábiles para modificalas. Non será admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás por causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

8. As persoas participantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reservas na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos e poderán substituír aquelas seleccionadas que renuncien á praza.

9. Considerarase como se participasen na última convocatoria aquelas persoas participantes que foron seleccionadas no ano anterior ao da presente convocatoria e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia.

10. Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

11. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e do informe da comisión avaliadora, formulará a correspondente proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se publicará na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) co fin de que no prazo de 10 días presenten as alegacións oportunas.

No caso de que no procedemento non se tivesen en conta outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas, poderase prescindir deste trámite de audiencia e, neste caso, a proposta de resolución terá o carácter de definitiva e elevarase á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda. Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polas persoas interesadas, formularase a correspondente proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que ditará a resolución que corresponda.

Artigo 10. Resolucións

Unha vez realizada a selección das persoas beneficiarias, e vista a proposta de resolución definitiva do órgano instrutor, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 109/2022, do 16 de xuño (DOG núm. 117, do 20 de xuño), de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección competentes da Presidencia da Xunta de Galicia, ditará as resolucións oportunas.

A continuación, publicarase a relación das persoas beneficiarias na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

No caso de que, con posterioridade á resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedasen prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas, para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren na lista de reserva.

O prazo máximo para resolver será de 3 meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifesta expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. No suposto de que as persoas beneficiarias presenten a baixa ou renuncia ao programa, deberán comunicalo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. De non ser así, poderán ser penalizadas con non seren beneficiarias en edicións futuras do programa e, no caso de ter aboado a cantidade correspondente, non poderán recuperala.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e os prazos establecidos.

b) Non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a autorización das persoas proxenitoras ou titoras ou aquelas en quen deleguen, e será responsabilidade delas o traslado para o regreso ao seu domicilio e os gastos que por tal causa se ocasionen.

c) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como de prevención obrigatorias fronte á COVID-19 que estean vixentes en Galicia durante a súa estadía e todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo de trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

Artigo 13. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar estas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora ao beneficiario da axuda nos casos de incumprimento das bases da convocatoria. nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 15. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

Prazas para actividades ao aire libre 2023 (16-17 anos)

País

Quendas

Aboamento

1ª quenda

2ª quenda

Total

0 €

500 € (América)/ 125 € (Europa)

1.000 € (América)/ 250 € (Europa)

Total

Arxentina

10

10

20

10

7

3

20

Brasil

2

2

4

2

1

1

4

Uruguai

12

0

12

6

4

2

12

Venezuela

2

2

4

4

-

-

4

Resto de América

2

4

6

2

2

2

6

Resto de Europa

2

12

14

9

4

1

14

Totais

30

30

60

33

18

9

60

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file