Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24572

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930A).

BDNS (Identif.): 688689.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas participantes

1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a súa residencia habitual no exterior.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoa emigrante galega.

c) Ter a nacionalidade española, agás para o caso dos netos ou netas de galegos.

d) Atoparse vinculados/as con calquera concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

e) As persoas participantes nas actividades deberán ter, o 30 de xuño de 2023, unha idade comprendida entre os 16 e os 17 anos.

f) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.

g) Carecer de discapacidades que lles impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

h) Condicións económicas.

– Para optar ás prazas con financiamento do 100 % da axuda da viaxe, o límite máximo dos ingresos persoais non poderá superar en dúas veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria. O máximo admitido para a unidade familiar será o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar non dispoña de ingresos superiores a catro veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente de referencia no país de residencia para o ano desta convocatoria deberán aboar 500 € se residen en América e 125 € se residen en Europa.

– As persoas solicitantes cuxa unidade familiar supere as ratios indicadas nos puntos anteriores deberán aboar 1.000 € se residen América e 250 € se residen en Europa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2023. Este programa ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023 (procedemento PR930A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR930A).

Cuarto. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración