Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24719

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.

Mediante a Resolución desta dirección xeral, do 26 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías, entre elas na categoría de enfermeiro/a.

Mediante a Resolución deste mesmo centro directivo, do 3 de marzo de 2023 (DOG núm. 50, do 13 de marzo), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos na categoría de enfermeira/o, tendo finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta da resolución de convocatoria.

A base oitava da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 26 de decembro de 2022, de convocatoria do proceso, dispón que, realizada polo respectivo tribunal a baremación dos méritos achegados polas/polos aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia, o anuncio da súa exposición con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

De conformidade coas anteditas bases, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso na categoría de enfermeiro/a, convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022 e publicar as puntuacións provisionais obtidas polas/os aspirantes admitidas/os no proceso selectivo.

Segundo. As puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, na categoría de enfermeiro/a, poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais do detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos.

Coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, ao existir aspirantes empatados, publicarase na páxina web o Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), a información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido na base 8.1.6. da resolución de convocatoria do proceso.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava da Resolución do 26 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria do proceso, os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta dirección xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións polo tribunal que efectuará, de ser o caso, as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso elevándoas á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos