Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24678

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 17 de abril de 2023 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A).

O día 27 de xaneiro de 2023 publicouse, no Diario Oficial de Galicia núm. 19, a Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A ).

As bases reguladoras das axudas establecen, como novidade con respecto a convocatorias anteriores, un novo requisito para ser beneficiario, relativo ao cumprimento da Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria. Así, no seu artigo 6.3 indícase o seguinte: «3. Non se concederán nin pagarán axudas a solicitantes ou beneficiarios que fosen obxecto de sanción firme grave ou moi grave con base no previsto na Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, nos dous anos anteriores á data da solicitude ou pagamento da axuda. Así mesmo, os beneficiarios de subvencións deberán devolver a axuda percibida no caso de ser obxecto de sanción firme grave ou moi grave, con base no previsto na Lei 12/2013, nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda».

Con posterioridade á publicación da orde, realizouse unha análise máis profunda dos efectos da aplicación deste novo requisito nas iniciativas empresariais do sector agroalimentario. Nesa análise púxose de manifesto que o novo requisito podería ter consecuencias desproporcionadas para as empresas, xa que a amplitude da tipoloxía das sancións graves recollidas na Lei 12/2013 podería dar lugar a que a perda establecida da posibilidade de obter subvencións, ou o reintegro delas, constituíse unha penalización excesiva, carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida.

Por todo iso, e co obxecto de manter a debida proporcionalidade nas actuacións, considérase aconsellable suprimir o referido requisito desta liña de axudas.

Por outra parte, para non lesionar dereitos de terceiros, procede abrir un novo prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A)

A Orde do 30 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR340A), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Requisitos adicionais do solicitante

Para a concesión e/ou pagamento das axudas, o solicitante deberá cumprir os seguintes requisitos adicionais:

1. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre, polo menos, unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:

1º. A ratio: débeda/capital da empresa fose superior a 7,5, e

2º. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos dous últimos anos.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declarase ilegais e incompatibles co mercado común.

2. Non se concederán axudas a solicitantes en que concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición de obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

3. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos no capitulo II do Real decreto 95/2019, do 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector, e polo que se modifican varios reais decretos de aplicación ao sector lácteo. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.

Así mesmo, as empresas lácteas que adquiran leite a terceiros deberán cumprir o prazo de pagamento establecido na disposición adicional primeira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Conforme iso, non se concederán nin pagarán axudas a empresas lácteas que teñan pendentes de pagamento compras de leite en que xa se superase o prazo máximo establecido indicado.

4. Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na citada lei.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante unha declaración responsable. Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora».

Dous. Modifícase o punto 3 do artigo 8 (Outros requisitos e condicións), que queda redactado como segue:

«3. Conforme o establecido no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados, o beneficiario de subvencións deberá devolver a axuda recibida se, nos cinco anos seguintes ao pagamento final da axuda ao beneficiario, se dese algunha das seguintes circunstancias:

a) O cesamento ou a transferencia dunha actividade produtiva fóra da rexión de nivel NUTS 2 en que recibiu axuda.

b) Un cambio na propiedade dun elemento de infraestrutura que proporcione a unha empresa ou a un organismo público unha vantaxe indebida.

c) Un cambio substancial que afecte a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de modo que se menoscaben os seus obxectivos orixinais».

Tres. Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22. Reintegro das axudas, infraccións e sancións

1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, de ser o caso, cos xuros de mora, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007».

Catro. Modifícase o artigo 32, que queda redactado como segue:

«Artigo 32. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para subvencións e garantías para préstamos desta convocatoria contarase desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de abril de 2023.

Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional, que remata o día 27 de maio de 2023, para presentar a preceptiva licenza de obras. Así mesmo, no caso de proxectos de investimento incluídos nos supostos do punto 1.b) do artigo 7 desta orde, relativos á declaración de impacto ambiental, o solicitante terá un prazo adicional, que remata o día 27 de maio de 2023, para presentar o informe favorable de avaliación ambiental ou ben o informe da autoridade competente que o exima da súa obtención».

Disposición transitoria única

Non obstante o disposto no punto 3 do artigo 11 (tramitación das solicitudes), no caso de solicitudes de axuda presentadas ata o día 27 de febreiro de 2023, serán admisibles con posterioridade modificacións dos investimentos para os que se solicita axuda, aínda que supoñan o aumento do seu importe ou a inclusión de novos elementos ou gastos, sempre que a solicitude de admisión desas modificacións se presente, como moi tarde, o día 28 de abril de 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural