Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24673

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

BDNS (Identif.): 688264.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado como promotoras da posta en marcha dunha casa do maior que reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico auxiliar de Clínica, técnico auxiliar de Psiquiatría e técnico auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria ou, de ser o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que na data de publicación desta convocatoria se encontren traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade, que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio ou, de ser o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria.

9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018 pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento BS800A).

b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, nos cales se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na alínea anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior, nos termos establecidos na orde.

d) Acreditar unha revisión médica anual da persoa promotora. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/s persoa/s socia/s que desenvolva/n o proxecto.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior nos anos 2023 e 2024.

2. As subvencións destinaranse á consecución da seguinte finalidade:

A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia grao I, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos de menos de 5.000 habitantes da Comunidade Autónoma de Galicia que non conten con recurso de atención diúrna en funcionamento.

Para os efectos desta orde, considérase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á Consellería de Política Social e Xuventude, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

3. A concesión das subvencións establecidas nesta orde regularase a través do procedemento BS212A: subvencións para a posta en marcha de casas do maior.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior, para os anos 2023 e 2024, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS212A).

Cuarto. Tipos de axudas e contías

As axudas económicas destinadas á posta en marcha das casas do maior consistirán en:

a) Axudas para gastos de investimento, que consistirán nunha subvención de ata o 100 % dos gastos cun límite máximo global por casa do maior de 15.000 euros. Consideraranse aqueles gastos en que a persoa promotora da casa do maior incorra para a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material sempre que sexan necesarios.

b) A axuda polo desenvolvemento das actividades do proxecto, que consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora ao comezo da súa andaina, que se liquidará nos termos previstos no artigo 21. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de funcionamento.

c) Adicionalmente, no caso de que as persoas promotoras da casa do maior opten por asumir o desprazamento das persoas usuarias, percibirán un máximo de dez (10) euros por persoa e día. Para estes efectos, deberán acreditar o número de usuarios deste servizo cubrindo o anexo VII.

Quinto. Financiamento

1. A contía máxima destinada ás axudas reguladas nesta orde é de 1.974.999,30 € euros, segundo a seguinte distribución:

Aplicación orzamentaria

2023

2024

Importe total

13.05.312E.770.0

450.000,00 €

-

450.000,00 €

13.05.312E.470.0

573.999,30 €

951.000,00 €

1.524.999,30 €

Total

1.023.999,30 €

951.000,00 €

1.974.999,30 €

2. A partida 13.05.312E.770.0 destinarase ao financiamento de gastos de investimento e a partida 13.05.312E.470.0 destinarase ao financiamento da prima polo desenvolvemento do proxecto e o servizo de desprazamento das persoas usuarias.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento derive dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sétimo. Permanencia mínima da actividade subvencionada

O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de cinco (5) anos contados desde a data de posta en marcha da casa do maior.

Para estes efectos, entenderase como data de posta en marcha a data de resolución de concesión da axuda ou a data de cumprimento de todos os requisitos e condicións previstos nesta orde nos casos de concesión condicionada.

Exceptúanse deste requisito aqueles supostos en que causas de forza maior allea á vontade da persoa promotora da casa do maior que o leve a cabo impidan o desenvolvemento da actividade nas condicións establecidas no artigo 2.6 da orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude