Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24689

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2023 pola que se delega o exercicio de determinadas competencias nas persoas titulares dos servizos territoriais das zonas hidrográficas da demarcación hidrográfica Galicia Costa.

Augas de Galicia é unha entidade pública empresarial do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia que ten, no ámbito da xestión da demarcación hidrográfica Galicia Costa, as competencias que o ordenamento xurídico vixente en materia de augas atribúe aos organismos de bacía.

O artigo 15.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, dispón que lle corresponden á Dirección de Augas de Galicia, entre outras funcións, outorgar as concesións e as autorizacións relativas ao aproveitamento e ao uso da auga e do dominio público hidráulico en xeral (artigo 15.3 a), e acordar a sanción das infraccións que estean cualificadas como leves (artigo 15.3 j).

O artigo 15 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, recolle esta mesma previsión legal.

O incremento do volume de tramitación de procedementos derivados de solicitudes e incidencias relativas ao uso e ao aproveitamento do dominio público hidráulico nas súas diversas modalidades, producido ao longo dos últimos anos, amosa a necesidade de adoptar medidas dirixidas a acadar unha maior axilidade na tramitación que, pola súa natureza e entidade, debe efectuarse coa maior celeridade. Para tales efectos, cómpre acudir, baixo o principio de desconcentración, á delegación de certas competencias nas persoas titulares dos servizos territoriais das zonas hidrográficas da demarcación hidrográfica Galicia Costa.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto da delegación

1. Deléganse nas persoas titulares dos servizos territoriais das zonas hidrográficas da demarcación hidrográfica Galicia Costa as seguintes competencias:

a) En materia de concesións e autorizacións relativas ao aproveitamento e uso da auga e do dominio público hidráulico, a resolución dos procedementos en que se declare a desistencia, ao abeiro do disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Exclúense desta delegación os procedementos de autorizacións de verteduras que sexan competencia de Augas de Galicia.

b) En materia de autorizacións para curtas e plantacións en zona de servidume de leitos, a resolución dos procedementos que se tramiten.

c) En materia de autorizacións para usos privativos de augas por disposición legal, a resolución dos procedementos que se tramiten.

d) En materia sancionadora, a resolución dos procedementos en que se declare o seu remate con arquivamento de actuacións cando a instrución conclúa a inexistencia de infracción ou responsabilidade e non se faga uso da facultade prevista no artigo 89.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Exclúense desta delegación os procedementos sancionadores relativos a verteduras que sexan competencia de Augas de Galicia.

Segundo. Criterios complementarios

Na aplicación da delegación teranse en conta os seguintes criterios:

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

2. En calquera momento, a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan.

Terceiro. Eficacia da delegación

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia