Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 21 de abril de 2023 Páx. 24692

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2023 pola que se convocan tres webinarios sobre boas prácticas na xestión pública, mellora regulatoria e regulación intelixente: instrumentos de simplificación e redución de cargas administrativas para a dinamización económica.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2023, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, tres webinarios de boas prácticas na xestión pública, mellora regulatoria e regulación intelixente: instrumentos de simplificación e redución de cargas administrativas para a dinamización económica, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

O obxectivo destas actividades é analizar o contexto normativo, de funcionamento e organizativo existente na actualidade para aplicar as mellores prácticas na xestión pública orientada á reactivación económica, cun enfoque práctico e aplicativo.

Ao longo do presente ciclo examinaranse as principais liñas de simplificación e redución de cargas administrativas, as posibilidades que ofrece o marco regulatorio autonómico e o papel que poden desenvolver as entidades locais no proceso, dando a coñecer as iniciativas máis destacadas para o aliñamento na actuación das distintas administracións con competencias na materia.

Segunda. Contidos

Esta actividade constará de tres webinarios, que se desenvolverán na modalidade de telepresenza, a través da aula virtual da EGAP (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/), e nos cales se tratarán os seguintes contidos:

– Webinario 1. Simplificación administrativa e revisión crítica dos procedementos de xestión.

• As políticas europeas de mellora regulatoria e regulación intelixente (Better and Smart Regulation) e a súa interiorización en Galicia.

• Posibilidades no ámbito local para a revisión crítica de procedementos en clave de redución de cargas administrativas.

• Simplificación e automatización na xestión pública: a Administración electrónica como panca de cambio.

• Instrumentos autonómicos para facilitar o acceso ás actividades de servizos e ao desenvolvemento económico: proxección nas entidades locais.

• A iniciativa galega de concellos emprendedores e a figura das Iniciativas empresariais prioritarias: oportunidades e vantaxes.

• A necesaria coordinación entre as diferentes administracións públicas na tramitación de procedementos complexos.

– Webinario 2. Medios de intervención nas actividades de servizos e a súa interacción co urbanismo.

• As competencias en materia de urbanismo: dimensión autonómica e local.

• Instrumentos autonómicos para a reactivación da actividade económica.

• O control posterior como ferramenta de simplificación: eliminación de duplicidades e reforzo da seguridade xurídica.

• O papel das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM) na mellora da xestión pública local: dobre funcionalidade.

• Regulación municipal para a dinamización da actividade empresarial: ordenanzas municipais reguladoras da colaboración das ECCOM.

– Webinario 3. Boas prácticas regulatorias e triple test para a supresión de barreiras ás actividades de servizos: obrigas legais.

• Claves da regulación en materia de competencia: aplicación dos principios de necesidade e proporcionalidade.

• Supresión de límites ou requisitos relacionados co acceso e o exercicio das actividades económicas e empresariais.

• Procedementos de defensa dos operadores económicos para a mellora da competitividade: actuacións e deberes das autoridades competentes.

• Elementos para detectar as trabas e barreiras innecesarias e desproporcionadas ao desenvolvemento das actividades económicas.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como ao persoal empregado público da Administración local de Galicia.

Cuarta. Desenvolvemento

As datas de desenvolvemento dos tres webinarios serán as seguintes: os luns 8, 22 e 29 de maio de 2023, na orde establecida na base segunda desta resolución.

Horarios: das 9.00 ás 11.00 horas.

Horas lectivas: 2 horas cada webinario.

Modo de impartición: telepresenza.

O funcionamento básico da plataforma de telepresenza require que cada alumno/a dispoña dos seguintes compoñentes:

1. Computador de escritorio, portátil ou smartphone.

2. Conexión estable á internet.

3. Navegador web Google Chrome ou Mozilla Firefox nas últimas versións.

4. Altofalantes (se o monitor ou equipamento non dispoñen deles).

Na web da EGAP está dispoñible un manual de axuda con toda a información para conectarse e utilizar a plataforma de telepresenza da EGAP. A ligazón ao manual de telepresenza é o seguinte: https://egap.xunta.gal/ecloud/index.php/s/ZKijmeiZ5ypS3jd

Quinta. Número de prazas

Cen (100) para cada webinario.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante os formularios de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. Será preciso formalizar unha solicitude de participación para cada webinario. Por tanto, en caso de estar interesado en participar nos tres, será necesario formalizar tres solicitudes. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación de cada webinario.

2. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar o nome do curso:

• Webinario 1. Simplificación administrativa e revisión crítica dos procedementos de xestión.

• Webinario 2. Medios de intervención nas actividades de servizos e a súa interacción co urbanismo.

• Webinario 3. Boas prácticas regulatorias e triple test para a supresión de barreiras ás actividades de servizos: obrigas legais.

3. Os prazos para a inscrición serán os seguintes:

• Para o webinario 1, que se desenvolverá o día 8 de maio, o prazo de matrícula estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 2 maio de 2023.

• Para o webinario 2, que se desenvolverá o día 22 de maio, o prazo de matrícula estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 15 maio de 2023.

• Para o webinario 3, que se desenvolverá o día 29 de maio, o prazo de matrícula estará aberto desde as 9.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 24 maio de 2023.

4. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. A presentación da solicitude para participar comportará o consentimento da persoa interesada para a gravación da sesión.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41, das 9.00 ás 14.00 horas.

Sétima. Protección de datos persoais e comprobación de datos

1. Os datos persoais proporcionados polas persoas interesadas para a xestión das solicitudes de participación nas accións formativas convocadas a través desta resolución, así como aqueloutros que se recollan ou elaboren con motivo do desenvolvemento desta, serán tratados pola EGAP na súa condición de responsable do tratamento, coa finalidade de levar a cabo a selección do alumnado, a impartición da formación e a xestión xeral desta.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público conforme o disposto no artigo 6.1.e) do Regulamento xeral de protección de datos (RXPD), con base no disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e fundamentada nun interese público esencial (artigo 9.2.g) do RXPD). Os datos identificativos das persoas seleccionadas para participar nas accións formativas mencionadas anteriormente serán publicados conforme o detallado na base oitava desta resolución. Así mesmo, os datos dos alumnos e das alumnas relativos á súa participación nesta acción formativa poderán ser comunicados aos órganos da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia cando sexa estritamente necesario para o exercicio das súas competencias.

As sesións das actividades impartidas na modalidade de telepresenza serán gravadas coa finalidade de ofrecerlle ao alumnado a posibilidade do seu visionado posterior como material de estudo, así como para a resolución de posibles reclamacións. En todo caso, o alumnado, se o considera oportuno, poderá desactivar a súa cámara e/ou micrófono e participar a través do chat de acordo coas indicacións da persoa docente. Estas gravacións conservaranse ao dispor do alumnado e profesorado durante o tempo que dure a acción formativa ou, de ser o caso, ata que finalice a avaliación do alumnado. A retransmisión das sesións formativas e a gravación destas poderán ser accesibles unicamente para o profesorado e alumnado a que van dirixidas e para o persoal da EGAP autorizado.

Prohíbese expresamente a descarga, a difusión, a distribución ou a divulgación das gravacións e, particularmente, a súa compartición en redes sociais, xa que estes usos poden conculcar o dereito á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa ou civil. As gravacións non poderán ser usadas para outros fins fóra do ámbito docente.

As persoas interesadas poderán solicitar ante a persoa responsable do tratamento o acceso, a rectificación, limitación e supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento por motivos relacionados coa súa situación particular, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos?langId=gl_ES. Contacto delegado/a de protección de datos e información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos?langId=gl_ES

2. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes das accións formativas necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración a través do seguinte enderezo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado para as persoas destinatarias na base terceira desta resolución. A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para cada webinario, en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas, e excluídas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e seguimento da actividade

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia.

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar a cada webinario. A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP coa maior brevidade posible e, en todo caso e como máximo, ata as 12.00 horas do 5 de maio para o webinario 1, do 19 de maio para o webinario 2 e do 26 de maio para o webinario 3. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixida a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran os prazos previstos pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. Seguimento, puntualidade.

a) É obrigatorio o seguimento de cada webinario con puntualidade.

b) O seguimento da actividade:

1. En cada webinario realizaranse controis de seguimento durante as sesións.

2. O non seguimento deberá xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día de desenvolvemento de cada webinario. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de seguimento do webinario correspondente.

3. Aquelas persoas cun seguimento inferior ao 50 % das horas lectivas nalgún dos webinarios pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización do último dos webinarios.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final de cada webinario emitiráselles un certificado electrónico de seguimento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas, sempre que o seu seguimento fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o modo de seguimento da actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento de cada unha destas actividades, así como a facultade de cancelalas se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2023

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública